Os peregrinos poden entrar en Santiago, pero non pasar a noite noutros municipios pechados

Peregrinos. ELISEO TRIGO
Só poderán pasar en tránsito polos concellos perimetrados na comunidade fóra da capital galega 

Os peregrinos que poidan acreditar que este venres xa iniciaran o Camiño de Santiago poderán entrar e durmir na capital galega malia o peche perimetral, aínda que só poderán pasar en tránsito por outros municipios perimetrados, se é preciso para continuar o seu traxecto, sen pasar a noite nos mesmos nin facer uso doutros servizos como os restaurantes. 

Fontes da Vicepresidencia Primeira da Xunta, área da que agora depende Turismo, confirmaron a Europa Press que viaxeiros e peregrinos que se atopen nestes días en territorio galego poden continuar a súa estancia "con normalidade" sempre que non se atopen ou queiran desprazarse a municipios con peche perimetral. Todo iso, respectando "todas as medidas sanitarias establecidas"

No que respecta aos peregrinos que aínda están a realizar o Camiño de Santiago, a Xunta recórdalles que poden pasar en tránsito polos municipios pechados, pero só para seguir co seu traxecto. Isto significa que non poderán quedar a pasar a noite nos mesmos, nin facer uso doutros servizos como restaurantes. De ter previsto durmir nalgún deles, veranse obrigados a cambiar o seu destino e a achegarse a algunha localidade limítrofe. 

Neste sentido, a Xunta recorda que os peregrinos teñen á súa disposición ferramentas como a reserva online de albergues públicos que lles permite coñecer a ocupación e reservar unha praza.

A EXCEPCIÓN DE SANTIAGO. Como excepción, a Xunta expón que os peregrinos que xa estivesen no Camiño este venres, cando se decretou o peche perimetral da capital galega, e poidan demostralo con selos, si poderán acceder a Santiago e durmir na capital, respectando "escrupulosamente" as medidas sanitarias, incluído o uso obrigatorio de máscara.