Un pescador de Camariñas sáltase o confinamento porque se "angustiaba en casa"
O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) de Corcubión localizou un home de Camariñas a máis de 30 quilómetros do seu domicilio porque "se angustiaba en casa" e saíu a pescar "para evadirse un pouco", aínda que a actividade está prohibida temporalmente.
Tras vixialo, os axentes observaron unha persoa que camiñaba cara ao vehículo con cana de pescar, unha mochila e roupa de pesca, motivo polo que foi interceptado cando chegou ao coche.
Tras proceder á súa identificación, resultou ser un veciño de Camariñas de 57 anos, que se atopaba a máis de máis de 30 quilómetros do seu domicilio. Os axentes recordáronlle que ir pescar está prohibido no Real Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma e solicitáronlle igualmente a licenza, porque a Xunta ten prohibido temporalmente a pesca recreativa, e carecía dela.
Por este motivo, será denunciado tamén por incumprir a Lei 6/2009 de Pesca de Galicia e incautáronlle as capturas realizadas, que foron devoltas ao mar. Pola situación do Covid-19 decidiuse non entregalas en centro benéfico como sería o estipulado.