Pode estenderse o Ano Santo ata 2022?
A posible repercusión da crise do coronavirus no Xacobeo 2021 podería levar á Igrexa a solicitar unha extensión do Ano Santo ata 2022, especialmente para non penalizar aos miles de peregrinos que viron truncados os seus plans de chegar a Compostela estes meses. Por agora, a Igrexa nin conforma nin desmente, pero é unha opción que está sobre a mesa e que non desagrada nin a Xunta nin a Concello.
A última palabra teríaa a Santa Sé, pero para iso o arcebispado compostelán tería que elevar a petición. Segundo a Igrexa, debaterase esa opción se, chegado o momento, o chega a solicitar o bispo Julián Barrio.
En calquera caso, non sería algo extraordinario tendo en conta que xa se fixo en 1937 e 1938, entón pola Guerra Civil.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou este luns que se trataría dunha opción positiva, igual que a asociación de comerciantes Compostela Monumental. E a Xunta recorda que xa solicitou ao Goberno central que estendan a 2022 as desgravacións fiscais vinculadas ao Xacobeo 21.
A Consellería de Cultura e Turismo destacou que a posibilidade de prorrogar o Ano Santo ata 2022 sería algo "positivo" e que tería unha "repercusión importante a todos os niveis", aínda que recorda que se trata dunha competencia da Igrexa, polo que mostra o máximo respecto.
REORIENTAR O AÑO 2021. Independentemente da decisión que adopte a Igrexa, a Xunta púxose ao choio e reuniu un grupo de expertos multidisciplinar para "reorientar" o Xacobeo 2021 e "adaptalo" á saída da crise sanitaria do Covid-19. Avanzouno este luns o conselleiro Román Rodríguez tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal.
Este grupo de traballo contará cunha "ampla presenza de representantes de todos os colectivos implicados" no ámbito Xacobeo, explicou a Xunta, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos dos sectores económico, cultural e turístico da comunidade.
O obxectivo é crear unha "folla de ruta" que permita "reorientar o Xacobeo para convertelo nun motor de reactivación económica" tras a urxencia, un evento que favoreza "a dinamización das zonas rurais, potenciando as industrias creativas e a recuperación do sector turístico".