miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

As policías locais galegas tramitaron unhas  300 denuncias

Policía Local de Vigo. DP
Policía Local de Vigo. DP
Ademais das actas de sanción realizáronse decenas de identificacións e controis de vehículos

As policías municipais das principais cidades galegas cursaron, desde que entrou en vigor o Real Decreto sobre o estado de alarma, unhas 300 denuncias a cidadáns que infrinxiron dita norma, saltándose o confinamento domiciliario sen xustificación. 

Segundo trasladaron a Europa Press fontes municipais deses Concellos, a maior parte de denuncias (que se tramitan ás correspondentes subdelegacións provinciais como propostas de sanción) cursáronse a persoas que se atopaban na vía pública sen estar dentro dos supostos autorizados.

Na cidade olívica, desde o pasado luns, tramitáronse máis de 80 denuncias, a maior parte delas a viandantes que, de forma inxustificada, estaban na vía pública, alegando escusas como que ían comprar alimentos (cando se atopaban lonxe do seu domicilio), pero tamén por congregarse en grupo.

De feito, a Policía Local de Vigo identificou, na madrugada do pasado luns, a catro mozos que se reuniron de madrugada "a pasar o tempo" nunha zona peonil de acceso a un aparcadoiro. Dous días despois, levantouse acta para sanción á dona dun establecemento hostaleiro e a catro dos seus clientes que, en pleno estado de alarma, foron sorprendidos tomando viños no local.

Así mesmo, só o Día do Pai, a Polícía olívica realizou 7 actuacións nas que se viron implicadas 52 persoas. Dúas desas actuacións orixináronse após detectarse a decenas de persoas que se reuniron, en celebración, en dous domicilios particulares.

Segundo fontes municipais, na cidade de Ourense foron denunciadas 85 persoas e, na Coruña, foron máis dunha trintena; mentres que as denuncias en Ferrol ascenderon a unhas 40. As cidades, das que facilitaron datos, con menos denuncias tramitadas polas policías locais foron Pontevedra (unhas 20) e Lugo (unhas 25).

Ademais das actas de infracción, as policías locais realizaron decenas de identificacións, que supuxeron "advertencias" ás persoas sorprendidas vulnerando o Real Decreto. A iso súmanse decenas de controis de vehículos.

CASOS EN MUNICIPIOS PEQUENOS

Por outra banda, as policías locais doutros municipios máis pequenos tamén están a actuar na identicación de persoas que son localizadas na vía pública e na tramitación, se procede, de propostas de sanción.

É o caso, por exemplo, da Policía Municipal de Soutomaior (Pontevedra), que sorprendeu o pasado martes a catro mozos da comarca cando estaban "a gozar dunha xornada de picnic" á beira do río Verdugo e que, ademais, chegaran xuntos nun mesmo coche; ou a un grupo de persoas pescando na zona da Devesa.

Outro exemplo é o da Policía Local do Porriño que, até o pasado mércores, denunciara a 5 veciños por infrinxir o estado de alarma e saíran a "pasear" á rúa, un deles en moto.

DETENCIÓNS

Ademais desas denuncias, tamén se produciron diversas detencións. Así, na Coruña, o Concello informou de cinco detencións desde a entrada en vigor do Real Decreto; mentres que fontes municipais de Lugo confirmaron a detención dun home de 29 anos que se atopaba, o pasado martes, no Fogar do Transeúnte.

Este home, vulnerando o establecido no Real Decreto do 14 de marzo, atopábase no exterior dese centro de atención social, tombado nun banco. Cando os axentes lle indicaron que debía estar dentro do edificio, en confinamento, o home tentou marcharse do lugar, polo que foi arrestado por un delito de desobediencia.

Outra das detencións tivo lugar, tamén o pasado martes, en Vigo, onde axentes da Policía Nacional detiveron a un home de 54 anos de idade na zona de Praza de América, despois de que empuxara a un militar da Brilat e tentara golpear cun pau a outro. Tratábase dun home que ten máis dunha trintena de antecedentes policiais. 

As policías locais galegas tramitaron unhas  300 denuncias
Comentarios