O PPdeG queda só nas súas críticas á reforma educativa

O Parlamento aprobou unha proposición non de lei para mostrar o rexeitamento á lei Celáa só cos votos dos populares
Bancada do PPdeG no Parlamento galego. AGN
photo_camera Bancada do PPdeG no Parlamento galego. AGN

O Parlamento galego aprobou, só cos votos do PPdeG, unha proposición non de lei para mostrar el rexeitamento á reforma educativa do Goberno, a Lomloe ou lei Celaá, pola cal, segundo os populares, se rebaixa o nivel educativo ao permitir que un alumno supere o curso escolar e promocione sen ter todas as súas materias aprobadas.

O portavoz de Educación do PP no Parlamento, Ovidio Rodeiro, cargou contra a norma proposta polo Goberno central que ademais de supor unha "diminución na calidade educativa" supón "unha deslealdade institucional", xa que non foi pactada coas comunidades autónomas.

Segundo o deputado popular faltou lealdade por parte do Goberno estatal polo que "non nos poden pedir que comulguemos con rodas de muíño", espetou Rodeiro que insistiu en que "un aprobado xeral é unha aberración pedagóxica".

O PPdeG dixo que se mostra contraria a unha normativa mediante a que "o Goberno legaliza a ignorancia" e rebaixa o nivel e requisitos da educación co que pon en risco "o futuro dos estudantes" e xa que logo o futuro de Galicia e España.

"A calidade da educación non se consegue igualando o nivel cara abaixo senón fomentando a mellora e modernización do sistema", axuizou.

Con todo, desde a oposición -BNG e PSdeG- sinalou que a proposición do PP unicamente busca atacar ao Goberno sen ter en conta a postura da comunidade educativa.

Desde o BNG Manuel Lorenzo sostivo que a iniciativa "non ten que ver coa educación nin coa xestión dos centros" en tanto que o "o único obxectivo é empregar as dificultades e situación dramática que atravesan os centros educativos como ese pim pam pum sistemático da Xunta co Goberno de Madrid".

A xuízo do parlamentario do Bloque "é falsa" a premisa da que parte a proposición non de lei, xa que non establece como norma que un alumno supere o curso sen ter en conta os suspensos senón que unicamente contempla opcións para que non se penalice dobremente" aos escolares que padezan a covid-19.

Por parte do Grupo socialista, Luís Álvarez puxo en valor o traballo levado a cabo polo Goberno estatal para garantir a calidade educativa aínda durante unha pandemia polo que non entende que desde a Xunta insistan en non ter en conta os esforzos e manter "unha cruzada contra toda normativa que veña do Estado".

"E o que nos queda por ver...", advertiu o deputado do PSdeG, que insistiu en que a Lei estatal vea porque a repetición de curso polos alumnos sexa unha "medida excepcional e non ordinaria".