A primeira gran manifestación en Galicia contra as drogas e o narcotráfico cumpre 25 anos

Concentración de veciños de Vilagarcía de Arousa contra a droga organizada por Cáritas en 1987. ARQUIVO

Unhas 50.000 persoas secundaron esta protesta que percorreu en silencio durante dúas horas as rúas de Vilagarcía de Arousa

O 28 de novembro de 1993, promovida e organizada pola Federación de Apas do Salnés coa colaboración de entidades antidroga, sociais e veciñais, celebrouse en Vilagarcía de Arousa a primeira gran manifestación contra as drogas de Galicia, que este mércores cumpre 25 anos. 

Numerosos representantes de toda a sociedade civil –50.000 persoas, segundo estimacións– acudiron en masa a este multitudinario encontro. "Homes e mulleres de todas as profesións, idades e condicións sociais, pais e nais, asociacións antidroga, profesores, alcaldes, concelleiros, autoridades de todos os puntos de Galicia... a resposta da sociedade galega foi excelente, a pesar da choiva que xenerosamente caeu aquel día", lembra a Fundación Galega contra o Narcotráfico. 

A manifestación prolongouse durante dúas horas de percorrido silencioso polas rúas da cidade, nas que se viviron momentos especialmente emotivos debido á carga que soportaban moitos dos presentes, após anos de sufrir en primeira persona a traxedia da adicción ás drogas. 

A resposta da sociedade galega foi excelente, a pesar da choiva que xenerosamente caeu aquel día

A coñecida tamén como "manifestación dos paraugas" foi a primeira gran concentración contra a droga protagonizada por un pobo –o galego–, que "desde entón se distinguiu por ser pioneiro no rexeitamento social ao narcotráfico, un dos compoñentes esenciais na loita antidroga", destaca a fundación. 

Aquel día, aplaudiuse o labor das forzas de seguridade. Agora, 25 anos despois, volven pedir aos gobernos que "combatan o narcotráfico coa máxima firmeza, determinación e compromiso". "Segue sendo tan necesario como entón", apuntou. 

Galicia contra a droga e o narcotráfico era o slogan da manifestación, a cuxos promotores e participantes quixo homenaxear este mércores a Fundación Galega contra o Narcotráfico.