Os mergulladores tampouco achan rastro da moza engulida polo mar na Coruña

Continúan as labores de búsqueda da moza arrastrada polo mar na Coruña. CABALAR (EFE)

A dificultade dos labores de rastrexo é alta pola particularidade desta zona das praias coruñesas de Riazor e do Orzán, onde foron moitas as vidas que se levou o mar

Os mergulladores que este sábado se penetraron no mar na enseada coruñesa do Orzán tampouco acharon rastro da moza de Ourense á que unha onda arrastrou mar dentro na madrugada do Venres Santo e da que nada se sabe desde entón.

Un equipo de mergulladores rastrexaron unha zona rochosa concreta da enseada na que, debido ás numerosas correntes que se forman, podía atoparse o cadáver da nova, como xa ocorreu noutras ocasións, informaron fontes de Seguridade Cidadá do Concello coruñés.

Non en balde, nesta zona das praias coruñesas de Riazor e do Orzán foron moitas as vidas que se levou o mar.

Quizais, o suceso máis dramático foi o ocorrido en xaneiro do ano 2012, cando os axentes da Policía Nacional Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor morreron tratando de salvar a vida do estudante eslovaco Peter Velicky, tamén falecido.

O helicóptero Helimer de Salvamento Marítimo e as embarcacións de distintos corpos que xa traballaron en xornadas anteriores ?unha de Cruz Vermella enviada por Salvamento Marítimo e outra do servizo de rescate acuático dos bombeiros? volveron facelo este sábado pero con resultado negativo.

Os traballos das embarcacións estendéronse este sábado a determinadas zonas de rocas onde onte lles foi imposible acceder debido ao mal estado do mar.

O dispositivo de procura está integrado por máis de medio centenar de efectivos de diversos corpos de seguridade e Protección Civil.

O amplo dispositivo despregado tras terse coñecemento do ocorrido non resultou efectivo para localizar á nova, que desapareceu na zona coñecida como a Coraza, que divide as praias coruñesas de Riazor e do Orzán e que se caracteriza polas fortes correntes que se producen.

No momento de ser arrastrada por unha onda a moza atopábase acompañada por dous amigos, que deron a voz de alarma.

RASTREXO. A visibilidade da zona onde se desenvolven os labores de procura é "bastante mala", segundo informou a concelleira responsable de seguridade cidadá, Rocío Fraga.

Por terra participan nos labores de procura efectivos de Protección Civil, de Policía Local e Nacional, bombeiros e tamén Cruz Vermella. 

"O mar non está como esperabamos", recoñeceu a edila, sobre a persistencia dun mar de fondo "que non facilita nada a visión". Así, os mergulladores "fixeron un peiteado" nunha zona de rocas de Riazor, pero a visibilidade é "bastante mala", comentou. 

Deste xeito, a concelleira sinalou que seguirán valorando con todos os efectivos que conforman o operativo a posibilidade de "volver cando mellore a visibilidade". Polo momento, "non merece a pena arriscar aos mergulladores", incidiu. 

As posibilidades de dar con pistas ou co corpo da moza "cambian co paso do tempo", segundo constatou Rocío Fraga.

A familia da nova, "esnaquizada" e "sendo atendida por Cruz Vermella", segue de preto as tarefas de procura e "o que queren é que se atope o corpo". "Para nós a esperanza é atopalo canto antes", engadiu, aínda que recoñeceu que "o mar fai o seu labor" e "cuantos máis días pasan menos posibilidades de que estea nas zonas próximas". Pasadas as primeiras 24-48 horas, de feito, "hai que valorar".