Roberto Barba, director xeral de Loita contra a violencia de xénero: "A ministra non pode dicir que como non morreu ningunha muller as pulseiras funcionaron"

Roberto Barba, director xeral de Loita contra a violencia de xénero.NACHO SANTÁS
Tras 18 anos de carreira xudicial, Roberto Barba Alvedro espiu a toga en abril do 2024 convencido de que a súa experiencia á fronte do xulgado de violencia de xénero con máis carga de Galicia pode servir para trazar novas políticas

Fillo de emigrantes con raíces en Lugo, A Coruña e Ourense, Roberto Barba Alvedro (París, 1968) foi maxistrado do Xulgado de Violencia de Xénero número 1 da Coruña dende 2022 ata que decidiu atender a "oportunidade" que lle ofreceu a Consellería de Política Social para combater esta lacra dende o outro lado, o da administración. Proponse imprimir unha certa "revitalización" nas políticas públicas ao ser "un técnico" que vén "de fóra". Exerceu en Betanzos, no Barco e no Xulgado do Penal número dous de Lugo, o seu "mellor destino", confesa. En plena polémica polos fallos nas pulseiras de control dos maltratadores, dá por feito que se truncaron condenas por infrinxir ordes de afastamento.

A Fiscalía Superior de Galicia vai revisar "caso por caso" coas audiencias provinciais as incidencias detectadas coas pulseiras telemáticas dende febreiro de 2024, aínda que apunta que non se teñen recibido denuncias de vítimas. Que cre que podemos esperar deste exercicio?
Hai dúas problemáticas. Dun lado, está o mal funcionamento das pulseiras: as perdas de xeolocalización, as chamadas perdidas, perdas de cobertura... Doutro, está o envorcado dos datos e a perda do documento para poder condenar e sancionar ao agresor que cometeu un quebrantamento da medida. Cando se pon unha pulseira, o centro Cometa, que é o coordinador de toda España, faille un seguemento telemático ao agresor. Cando entra nunha zona na que non pode emítese un documento que se envía ao xulgado e que serve como proba. O Consello Xeral do Poder Xudicial constata que parte do envorcado desa información desapareceu.

Hai moitísimos fallos de cobertura en Galicia e a vítima recibe un aviso por cada un. Imaxínese a angustia dunha muller á que o dispositivo lle soe cada poucas horas"

Cales son as consecuencias?
Moitas veces, esa acreditación fehaciente de que o agresor quebrantou a norma é a única proba que se ten para condenar. Isto está motivando sentenzas absolutorias. En Galicia, un xulgado puxo en evidencia que había disfuncións no 2024 e comunicouse ao Observatorio contra a Violencia de Xénero. Estou seguro de que se se fai unha investigación como a que vai facer a Fiscalía atoparanse casos de mal funcionamento e incluso de renuncia das vítimas. Non esquezamos que a pulseira é un medio de seguridade excepcional. Colócase cando o algoritmo do sistema Viogén emite un resultado de risco alto ou extremo. Temos que coidar a integridade da vítima. Se hai un sistema de control telemático que falla, haino que resolver o antes posible. E é unha competencia exclusiva do Ministerio de Igualdade, que ten que dar as explicacións pertinentes.

Entón, puido haber algún fallo absolutorio por quebrantamentos de condena porque un xuíz non dispuxo dos datos de xeolocalización?
Seguro. O propio Consello Xeral do Poder Xudicial o manifestou. Isto leva a unha merma da credibilidade da xustiza e a un menoscabo das lexítimas expectativas da vítima.

Fala dos problemas de cobertura destes dispositivos. No rural galego, non han ser poucos...
Deu coa chave. Cando dende Madrid implementan unha política para toda España deberan ter en conta as circunstancias propias de cada comunidade. En Galicia, temos problemas de cobertura pola orografía. Hai que mirar que a empresa de telefonía que leve o sistema sexa a que teña máis cobertura. Cando falla, sempre se emite un aviso á vítima. Imaxínese a angustia que pasa unha muller á que lle estea soando o dispositivo cada poucas horas. Supón unha vitimización secundaria.

O Congreso reprobou á ministra Ana Redondo pola súa xestión "neglixente" e pediu o seu cesamento inmediato. Ela defende que o sistema funcionou "razoablemente ben" porque ningunha das 4.515 mulleres co dispositivo foi asasinada.
Non vou entrar en temas políticos nin partidistas porque non me gusta e son unha persoa técnica. A reprobación da ministra é algo correcto porque é a responsable última do ministerio, da contratación desas empresas [a Ute conformada por Vodafone e Securitas] e da implementación das pulseiras. Non pode dicir que, como non morreu ningunha muller, a cousa funcionou ben. Non é de recibo. Sabían que os aparellos non funcionaban correctamente.

En Galicia temos máis de 6.200 casos activos no sistema Viogén, un 12% máis que fai un ano. Debemos achacalo a un incremento desta lacra ou a que se denuncia máis?
Temos que ter en conta dúas cousas. Galicia segue sendo a segunda comunidade con menor taxa de violencia de xénero de España tras Castela e León, se dividimos eses datos entre a poboación. Pero dende que estou na Xunta insisto nisto: dicímoslles ás mulleres que denuncien. É a única forma de visibilizar a unha muller que está sendo maltratada, golpeada ou vexada. Ao saír á luz, entra na roda do sistema: primeiro na xudicial e logo na comunitaria, co acceso a un recurso prestacional económico, habitacional e laboral. Isto é importante, porque sete de cada dez asasinadas non estaban no sistema Viogén e queremos que estean. É a única maneira de salvarse. O incremento dos casos de Viogén non é negativo, ao contrario.

A sociedade cambiou. Hoxe, as denuncias xa veñen de persoas que ven como un home maltrata na rúa a unha muller

Queda moito por facer a nivel de concienciación?
Gustaríame facer un chamamento á contorna das vítimas. É reprochable que, coñecendo que unha muller pode estar sendo maltratada, se mire para o outro lado. No último comité de crise ao que asistín lin un informe que me puxo os pelos de punta. Recollía que os cuñados, sobriños e fillos dunha vítima sabíano e non dixeron nada porque dicían que quería "aguantar". Iso non pode ser. Hai que buscar os medios ou presentar a denuncia un mesmo.

Roberto Barba. NACHO SANTÁS

Houbo avances?
Cando empecei a axuizar estes temas era difícil encontrar unha testemuña nun xuízo. Incluso tiven que acordar detencións porque non querían vir. Cando chegaban á sala dicían sempre que se trataba dun asunto privado, de parella. Dende hai xa uns cantos anos xa non vía isto. No meu último destino, no xulgado de violencia de xénero con máis carga de traballo de Galicia, o da Coruña, xa non  o escoitei nunca. É máis, moitas das denuncias viñan incoadas por xente da rúa que vira como un home empurraba a súa muller, dáballe unha labazada, insultábaa ou cuspíalle. Isto é porque a sociedade se está concienciando. De feito, a nosa lexislación di que o delito de violencia de xénero é un delito público, denunciable de oficio. Pero queda moito por facer.

Cando empecei a axuizar temas de violencia de xénero teño acordado deter testemuñas para que viñesen declarar

Tendo en conta o labor de concienciación, chama a atención que o 23% dos casos activos no sistema Viogén teña que ver con vítimas menores de 30 anos. Que falla?
É a pregunta do millón. A xente nova está cada vez máis concienciada. Fai 15 anos, daba charlas en colexios, institutos e universidades e non se vían estes delitos como algo tan importante como para denunciar. Hoxe, unha muller sabe que non ten que aguantar ningún maltrato físico nin psíquico. É certo que entre adolescentes de 15 a 17 anos temos que seguir potenciando a sensibilización e ensinarlles que cando unha parella coñece as súas claves de acceso ás redes sociais non é amor, senón control. E que cando lles din como vestir ou andar é acoso ou hostigamento. Temos que encher ese baleiro con politicas correctas. Cando empecei na Xunta, tiñamos 20 programas de prevención e sensibilización no ámbito educativo, hoxe temos 34. Activamos un moi arriscado, no que unha vítima real, e non unha actriz, como se fixera, explica o que viviu. Teño asistido a esas sesións e os rapaces non pestanexan. Ao finalizar, algúns cóntanlle a ela ou á terapeuta o que viven na casa, na parella ou o que lle pasa a un coñecido.

"Crearemos unha guía para que as empresas detecten vítimas de violencia. Deben involucrarse"

Fala do aumento dos programas de concienciación no eido educativo. No seu último informe, o Consello de Contas instou á consellería a asignar máis fondos á prevención da violencia de xénero tras analizar as anualidades do 2018 ao 22. Avanzouse, entón?
Ese informe descontextualizouse de forma política. Sempre intentei non entrar nestes temas porque a violencia de xénero non ten cor política, nin raza, nin credo. Efectivamente, o informe refírese aos anos 2018 a 2022. A partir do 2024, nós potenciamos os recursos, entre eles os programas a disposición dos centros educativos e creamos os puntos lila especializados en violencia sexual e de xénero nos festivais de música. Ata eles achegáronse case 20.000 persoas a pedir información. Coincido co ministerio, que sinala que para loitar fan falta tres elementos fundamentais en simultáneo: sensibilización, prevención e detección. É o que lle respondemos a Contas. Se se fai prevención e sensibilización, pero non hai unha política para detectar a violencia de xénero, é complicado. Neste senso, seremos pioneiros en España coa nova lei de violencia dixital. Faremos unha guía de detección de violencia na empresa.

Como vai funcionar?
Trátase de que os centros de traballo sexan seguros e teñan uns indicadores para saber se unha muller pode ou non ser vítima de violencia. Non sei se por bo ou por mal hábito, pasamos, como mínimo, un terzo da nosa vida no traballo. Entón, é normal que a empresa se involucre un pouco.

Co que o Consello de Contas non concordou foi con que o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non garda unha relación causa-efecto coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización. Dende a consellería apuntábase a que o detonante, en moitos casos, é a decisión da vítima de poñerlle fin á relación.
Son dúas cousas distintas. Galicia é a segunda comunidade con menos violencia de xénero de España, pero en cambio, o ano pasado houbo cinco asasinatos, o que supón un número importante. É difícil buscar unha conexión entre unha cousa e outra. En segundo lugar, o Ministerio do Interior ten uns parámetros que comparto, porque os estudei, que din onde está o risco máis importante. Cando unha muller vai a unha comisaría para interpoñer unha denuncia contra o seu marido porque a agrediu ou a ameazou, vai encher cun axente de policía un caderno de 34 indicadores. Iso é o programa Viogén, un sistema informático con algoritmos. Hai un indicador que sinala se están en periodo de separación ou divorcio. Neses casos, a máquina eleva o risco. Cando lle preguntan se hai controversia coa custodia dos fillos ou co réxime de visitas e a hai, a máquina volve elevar o risco. É dicir, busca a lóxica algorítmica. Isto non significa que imputemos á vítima a decisión de divorciarse ou non, como teño escoitado por aí, o que constitúe unha barbaridade. Sempre que hai un indicio de posible maltrato, no primeiro momento hai que poñerlle fin a esa relación. Repetíao como xuíz e agora insisto como director xeral. 

Que outras novidades traerá esa nova lei galega de acoso e violencia dixital que está en elaboración?
Os delitos cada vez se perfeccionan máis. Non é o mesmo hostigar a unha muller que vive a 10 kilómetros que facelo cun smartphone. Hoxe, non hai un xulgado en España que no día non teña un delito de violencia de xénero dixital, ben a través dunha ameaza, unha foto ou un perfil falso nas redes sociais. Por isto, intentamos adiantarnos e promulgar a primeira lei de violencia dixital de Europa. Terá tres elementos fundamentais. O primeiro é abordar a pegada dixital. Condenei moita xente por difundir imaxes cuxo contido case sempre era sexual. Hoxe, as vítimas de sete de cada dez delitos de violencia dixital son nenas, mulleres e colectivo LGTBI e no 90% das imaxes creadas con IA as protagonistas son nenas ou mulleres. Á vítima impórtalle que a súa imaxe desapareza da rede. Por iso a Xunta vai poñer un recurso para intentar borrar esa pegada dixital e restaurar a reputación. En segundo lugar, poremos un recurso gratuíto e técnico con restauración e reseteo de móbiles para que a vítima non sexa embaucada no eido dixital. E combateremos a dependencia dixital. Hai nenos e nenas cun problema patolóxico polo uso desmesurado das novas tecnoloxías.