O Sergas e os sindicatos acordan desconvocar a folga nos PAC tras sete meses de protestas

Manifestacion dos empregados dos PAC. PEPE FERRÍN

As organizacións implicadas asinaron este mércores un pacto no que se recollen as reivindicacións dos sindicatos e que derivan na cancelación da folga indefinida que comezou en xaneiro

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e organizacións sindicais acordaron desconvocar a folga nos Puntos de Atención Continuada (PAC), tras sete meses de protestas dos traballadores deste servizo sanitario.

Neste sentido, o novo acordo dispón unha nova distribución do incremento retributivo que se aplica por realizar noites e festivos. Así, os traballadores percibirán un 80% do total do incremento en 2020 e o 20% restante en 2021. Ao mesmo tempo, o pacto tamén contempla dúas dietas de manutención para os empregados que traballen os domingos, festivos e en servizo de 24 horas; así como dotar a todos os traballadores dos equipos de protección individual e os uniformes necesarios.

OBXECTIVOS. Por outra banda, o convenio tamén cambia os obxectivos de produtividade que tiñan marcados os PAC. O Sergas explicou nun comunicado que o feito de que os sanitarios non deriven ao hospital aos seus pacientes xa non conta como un "fin produtivo". Ademais, o servizo sanitario galego comprometeuse a "facer un estudo do aumento da carga asistencial" para crear as prazas necesarias que proporcionen un servizo de "calidade" e a "reforzar os dispositivos de urxencias" durante eventos especiais. O último punto do acordo pasa pola creación dunha comisión de seguimento sobre ordenación e condicións de traballo do persoal médico e de enfermaría da PAC.