O sistema de 'autorrastrexo' da Xunta estará dispoñible a partir da próxima semana

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou na mañá deste venres dos asuntos tratados no comité clínico. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Comesaña defende que esta ferramenta servirá como "complemento" na loita contra o covid-19 ►En canto á vacina de Pfizer, o conselleiro móstrase "ilusionado", aínda que insta a ser "prudentes"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este venres de que o novo sistema de "autodeclaración" a través de internet de posibles contactos cun positivo de covid-19 estará dispoñible "a próxima semana".

Este sistema, anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa comparecencia do mércores no Parlamento, será "un complemento, non unha solución para todo o mundo", explicou o conselleiro na rolda de prensa deste venres tras a reunión do subcomité clínico que asesora ao Goberno galego.

Trátase dunha "ferramenta" máis para o rastrexo que se suma ás existentes, puntualizou.

A comunicación dun posible contacto poderase realizar directamente coa aplicación PassCovid, posta en marcha pola Xunta, ou a través da páxina web onde se vai a habilitar un formulario para o rexistro da "autodeclaración" dun posible contacto cun positivo do coronavirus.

Un instrumento destinado ao cidadán que teña "interese ou especial présa" en trasladar esa información, dixo Comesaña, quen engadiu que o usuario recibirá do sistema sanitario a resposta correspondente.

Con respecto á vacina anunciada pola farmacéutica Pfizer, o conselleiro de Sanidade mostrouse "ilusionado" polas noticias, pero instou a ser "prudentes" porque as vacinas teñen que ser "seguras e eficaces" e contar coas autorizacións da axencia europea do medicamento e a estatal.

A Xunta, de momento, está pendente do desenvolvemento "harmónico" en todo o estado da distribución desta posible solución ante a covid-19.

Segundo explicou, na última reunión do Consello Interterritorial de Saúde xa se creou un grupo específico para abordar esta cuestión e elaborar un documento no que se defina a poboación de risco, as porcentaxes, e os criterios xerais de vacinación.

En todo caso, asegurou que aínda se está en "unha fase bastante preliminar" e, por tanto, aínda non se empezou a traballar en cuestións concretas, como a capacidade de conxelación da que dispón cada comunidade para as vacinas de Pfizer.

Por outra banda, Comesaña defendeu a oferta de emprego público aprobada este xoves pola Xunta, fronte ás críticas dalgúns colectivos profesionais que a consideran insuficiente, xa que, segundo argumentou, o Goberno galego vese limitado non só pola taxa de reposición de prazas públicas deste ano, senón tamén de anos anteriores.

De non existir esta limitación, o número de prazas sería dunhas 3.500 e non as 985 ofertadas, especificou, á vez que asegurou que mentres o Estado non elimine a taxa de reposición, tal e como lle reclamou a Xunta, seguiranse sacando "tantas prazas públicas como se permita".