Último día de estado de alarma en España: o 'sentidiño' ten que continuar
Este sábado é o último día de estado de alarma, que remata ás 00.00 horas do día 21. A cidadanía galega deberá facer novamente gala do seu sentidiño e adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade Covid-19, así como a propia exposición. O deber de cautela e protección tamén é esixible aos titulares de calquera actividade socioeconómica, como comercios e establecementos de hostalería, entre outros. É basico manter as medidas preventivas e as normas de hixiene para facer fronte á pandemia da Covid-19 e evitar novos brotes.
Limpeza e desinfección en espazos de uso público
Os responsables dos centros, instalacións, espazos de uso público e entidades asegurarán as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ás características e intensidade de uso dos establecementos. Nestas tarefas de desinfección e limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes.
O tempo de permanencia nos establecementos e locais será o estritamente necesario para que os usuarios poidan realizar as súas compras ou recibir a prestación do servizo.
Sinalización, dispensadores de xeles e supervisión
Deberá sinalarse de forma clara a distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou usuarios, con marcas no chan, ou mediante o uso de balizas, cartelería ou sinalización, establecéndose nos locais itinerarios para dirixir a circulación da clientela e usuarios para evitar aglomeracións e previr o contacto.
Nos establecementos deberán poñerse ao dispor do público dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, en lugares accesibles e visibles, e, en todo caso, na entrada do local ou establecemento, sempre en condicións de uso.
Non poderá haber produtos de uso e proba que impliquen manipulación directa por sucesivos usuarios sen supervisión de maneira permanente dun traballador que poida proceder á súa desinfección tras a manipulación dese produto por cada cliente.
Establecementos do sector comercial e téxtil
Nos locais do sector comercial téxtil, de arranxos de roupa e similares, os probadores deberán ser utilizados por unha única persoa e deberán limparse e desinfectarse frecuentemente estes espazos.
Cando un cliente probe unha peza que posteriormente non adquira, o titular do establecemento implementará medidas para hixienizala antes de facilitarlla a outros clientes, medida que será tamén aplicable ás devolucións.
Na utilización de obxectos que se intercambien entre clientes procurarase o uso recorrente de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes previa e posteriormente ao uso, garantíndose a hixienización. Existe a obriga de proceder á limpeza e desinfección frecuente de calquera dispositivo, cadeiras, mesas ou outro tipo de mobiliario ou superficie de contacto que empreguen distintos usuarios.
Locais de hostalería e restauración
Nos establecementos de hostalería e restauración debe desinfectarse de forma frecuente o equipamento —mesas, cadeiras e barra—, as superficies de contacto e todo o local polo menos unha vez ao día, con especial atención ás zonas de uso común e de contacto máis frecuente. Priorízanse as mantelerías dun só uso e evitarase o uso destas ou dos gardamanteis con distintos clientes, optando por materiais e solucións que faciliten o seu cambio entre servizos e o seu lavado mecánico en ciclos de entre 60 e 90 graos centígrados. Tamén se evitará o emprego de cartas de uso común, promovendo o uso de dispositivos electrónicos propios, lousas, carteis ou medios similares. Os elementos auxiliares do servizo, como a vaixela, cristalería, xogos de cubertos ou mantelería, entre outros, almacenaranse en recintos pechados e, se non fose posible, lonxe das zonas de paso de clientes e traballadores.
Debe priorizarase o uso de produtos monodosis desbotables nas zonas de autoservizo, e evitarse a manipulación directa destes polos clientes, polo que deberá prestar o servizo un traballador do establecemento salvo nos produtos envasados previamente.
Se o uso dos aseos está permitido aos clientes e visitantes a súa ocupación máxima será dunha persoa para espazos de ata catro metros cadrados, salvo para quen poida precisar asistencia, permitíndose a utilización polo seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do 50%, con distancia de seguridade. Reforzarase a desinfección garantindo sempre a salubridade e hixiene.
O persoal que realice o servizo en mesa manterá a distancia de seguridade co cliente e aplicará procedementos de hixiene e prevención para evitar risco de contaxio. É obrigatorio o uso de máscara para o persoal na atención.
Hixiene nas piscinas de uso colectivo
Sen prexuízo de aplicación das normas técnico-sanitarias vixentes, nas piscinas de uso colectivo deberá levarse a cabo a limpeza e desinfección das instalacións con especial atención aos espazos pechados como vestiarios ou baños, con carácter previo á apertura.
Prevención nos actos de culto relixioso
Sen prexuízo das recomendacións de cada confesión e ás condicións do exercicio do culto propias de cada unha debe empregarse máscara na entrada e saída do recinto e nos desprazamentos no interior entre espazos comúns.
Realizaranse diariamente tarefas de desinfección dos espazos utilizados de xeito reiterado e que se tocan con maior frecuencia. Ademais organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas nos accesos e inmediacións e haberá dispensadores de xeles en lugares accesibles e visibles e na entrada do lugar de culto, sempre en condicións de uso. Non se permite o uso de auga bendicida, e as ablucións rituais deberán realizarse en casa.