"A única tendencia electoral clara que veremos o vindeiro 28-M é que o Bloque medra"

Convencida de que o BNG logrará un resultado "histórico" nas municipais, Ana Pontón enfila o ciclo electoral que agora comeza coa ilusión do cambio políltico en Galiza. Expón as súas propostas en vivenda, enerxía ou prezos e non amosa a mínima preocupación pola irrupción de Besteiro ou de Sumar no taboleiro político. 
Ana Pontón. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Ana Pontón. PATRICIA FIGUEIRAS

Queda menos dun mes para as eleccións. Que agarda delas o BNG?
Estou convencida de que imos ter un resultado histórico, con máis concelleiros e máis alcaldías e seremos a forza política que máis suba. Levo tempo percorrendo o país e pisando a rúa e vexo unha enorme corrente de simpatía, con moita asistencia de xente aos actos e bo ambiente. Porque ademais, sumar concellos do BNG é sumar benestar para este país. O modelo referencia da política municipal é o do BNG, que logrou poñer en marcha cambios que melloran a vida da xente e isto é algo que se entende moi ben en Lugo, onde o Bloque marcou un antes e un despois coa súa chegada ao goberno e está a ser o gran motor de transformación da cidade a nivel de espazos públicos, de dinamismo económico e cultural... Estou convencida de que o próximo alcalde de Lugo será Rubén Arroxo. 

Ten realmente a tiro o BNG cidades como Lugo ou Santiago ou é unha estratexia para motivar o electorado?
Estamos moi fortes nas cidades. Imos subir en todas e, concretamente en Lugo, vemos que a persoa que ten capacidade para liderar o futuro é Arroxo, que demostrou neste mandato a súa capacidade para impulsar eses cambios. Lugo precisa a Rubén de alcalde e estamos aí. 

E perigan prazas históricas do nacionalismo como Poio ou Ribadeo ao marchar os alcaldes?
Creo que temos unha organización sólida, con bos relevos tanto en Ribadeo como en Poio, que teñen experiencia e capacidade. Son dous concellos onde se viu que o BNG foi un elemento clave para transformar ambas vilas, así que cando se está nas mellores mans xa non se volve atrás. Penso que imos reforzar esas alcaldías. 

O BNG non puido presentar candidaturas nos 313 concellos. Non ensanchou aínda a súa base social tanto como quería?
Coas nosas candidaturas garantimos que o 98% dos galegos terán opción que votar o BNG, así que en termos de poboación vemos un incremento importante de listas. Presentamos máis e mellores candidaturas, con xente con moita introdución social, coñecemento, capacidade... É un síntoma de que o Bloque medra. 

O 98% dos galegos terán opción de votarlle ao BNG. Nestas eleccións presentamos máis e mellores candidaturas"

O 28-M hai unha batalla paralela a nivel provincial, na que o PPdeG parece moi envorcado. Ve posible cambios nalgunha Deputación?
Non creo que o PP se faga con ningunha Deputación das que non goberna e o que agardo é que podamos desbancalo de Ourense. Hai que poñer fin ao caciquismo e se de algo nos sentimos orgullosos e da achega do BNG nestes organismos, que cremos que deben desaparecer pero que, mentres existan, alomenos deben funcionar con criterios democráticos. Xa deixamos atrás ese caciquismo en tres, pero queda o reducto de Ourense, un exemplo claro de ata que punto é un atraso para este país. O reatrato a provincia de Ourense, cun despoboamento brutal, confirma que debemos avanzar precisamente na dirección contraria á do PP. 

A Deputación de Ourense está máis de actualidade que nunca. Dimitiría Pontón se a pillan a 215 por hora no coche?
Eu o primeiro que diría é que a min non me van pillar a 215, porque son unha persoa bastante precavida ao volante porque calquera persoa que colle un vehículo ten unha responsabilidade. A situación do señor Baltar é insostible, pero tamén a do señor Rueda. Non podemos dar por normal ter un cargo público, que debe ser exemplar, convertido nun peligro para a seguridade dos demais e Baltar, que é unh risco para calquera que vaia ao volante, debe dimitir. E se non o fai, Rueda debería esixirllo, pero vemos un presidente que primeiro gardou silencio e despois case xustificou o que fixo Baltar. Isto dinos algo relevante: Rueda non ten autoridade no PP e non pode esixirlle responsabilidades a Baltar porque manda máis ca el. O que me preocupa é que dana a imaxe de Ourense e a de Galiza. 

Como valora o regreso de Besteiro á primeira liña política?
Creo que os cambios e as sensacións que teña o PSdeG deben valoralos eles, non me corresponde a min facelo. O BNG está centrado en cumprir coa responsabilidade que nos deron os galegos nas eleccións: ser alternativa real ao PP e que o ano que vén se abra un novo ciclo neste país, para ter por vez primeira unha presidenta coas mans libres para defender os interses dos galegos. 

Pero cre que será o candidato do PSdeG á Xunta?
Non vou entrar niso porque son moi respectuosa coa vida interna dos outros partidos. Estou ocupada e preocupada en darlle aos galegos unha alternativa e un futuro. 

Os cambios no PSdeG deben valoralos eles. Eu estou ocupada e preocupada en darlles aos galegos unha alternativa de futuro

Dase por feito que o BNG reeditará bipartitos co PSdeG. Con que condicións?
Penso que primeiro ten que haber eleccións e que a cidadanía vote. Nós cremos que o mellor é ter maiorías do BNG que nos permitan desenvolver proxectos transformadores, pero onde non se dean esas maiorías co PP non imos pactar. Imos traballar para que haxa garantías de ter bos gobernos no eido municipal, pero a nosa aspiración é ir a por todas e lograr o máximo número de alcaldías. 

Pontón. PATRICIA FIGUEIRAS
Pontón. PATRICIA FIGUEIRAS

A vivenda irrompeu con forza nesta precampaña con anuncios de milleiros de inmobles públicos. Que propón o BNG ao respecto?
A política precisa máis rigor e menos propaganda e electoralismo, porque xa vimos que despois deses anuncios a realidade é moi diferente. Aquí levamos 14 anos nos que o PP dinamitou a política de vivenda pública, que é unha competencia transferida ás comunidades. Os datos falan por si sos: entre 2024 e 2018 a Xunta só puxo a disposición dos galegos unha vivenda pública en alugueiro; e no plan de vivenda 2015-2020 prometeu centos de vivendas e só entregou 39. É demoledor que o presidente diga que non detectara un problema de acceso á vicenda cando hai máis de 15.000 persoas no rexistro de demandantes, o prezo do alugueiro medrou un 30% e Galiza ten unha das taxas de emancipación dos mozos máis baixa. E con todo isto Rueda ou non se entera ou nos toma por parvos. O BNG propón unha aposta forte pola vivenda pública sobre todo para alugar, xa que o parque público en Europa para esta modalidade está no 9% e aquí no 1%. Temos moito que avanzar. 

A enerxía é un cabalo de batalla do BNG, que se amosa moi belixerante cos proxectos da eólica, e agora especialmente cos da mariña.
Sabemos que hai que facer unha transición enerxética, pero ten que ser xusta e democrática; o que non vale é poñerlle a etiqueta verde ao expolio eléctrico deste país. Hai unha cuestión fundamental que é poñer a nosa riqueza enerxética ao servizo dos galegos. Ata agora vimos que esa riqueza só serve para que as eléctricas se forren e para ver presidentes, ministros e conselleiros que acaban nos consellos de administración, pero aquí non deixan nada. Ourense é o mellor exemplo, xa que durante décadas produciu riqueza hidroeléctrica que non repercutiu no seu desenvolvemento. Temos que cambiar o prisma. Primeiro, para poñer a enerxía ao servizo dos galegos e facelo con racionalidade; segundo, porque estamos nunha emnerxencia climática que esixe protexer o medio ambiente e a vida no rural, que será fundamental; e terceiro, cunha planificación que responda aos intereses dos galegos e non ás necesidade de Madrid. Galiza non é unha colonia eléctrica de Madrid! Cambiemos o modelo cunha tarifa eléctirca galega que nos baixe o prezo para compensarnos polo custe económico e social de producir aquí, creemos unha compañía 100% pública galega de enerxía e planifiquemos. 

Parece que esta lexislatura tampouco haberá traspaso da AP-9.
Estou moi decepcionada, tanto co PP como co PSOE, porque vemos unha vez máis que din en Galiza unha cousa e en Madrid outra. Votamos unha lei aquí e alí dinamitárona con emendas. Non respectan os acorodos galegos porque no fondo non queren a transferencia. Isto é un grande engano. A única boa nova da lexislatura foi unha rebaixa histórica das peaxes que logrou o BNG no acordo de investidura. No BNG seguiremos traballando para lograr unha AP-9 pública e se non é nesta lexislatura, será na seguinte, por moito que PP e PSOE teimen en hipotecar o futuro de Galiza. 

Asumimos que é precisa unha transición enerxética, pero ten que ser xusta. Galiza non é unha colonia eléctrica de Madrid

O que non paran de subir son os prezos, pero os distintos gobernos achácanos a factores externos: guerra, seca, etc.. Hai marxe de actuación en clave galega?

A inflación é un problema complexo, pero dicirnos que todo depende da guerra é un engano, porque os prezos xa se dispararan antes. Hai un problema global na economía e cambios xeopolíticos que nos afectan, pero iso non quere dicir que os gobernos non teñan capacidade de actuación. Vemos que non se vai ao fondo do problema, porque houbo axudas puntuais pero podíase apostar por unha intervención pública para topar os prezos das enerxías e os carburantes ou facer algún tipo de control para evitar a especulación cos alimentos, como un observatorio da conformación de prezos. Ese encarecemento non chega moitas veces aos produtores, como vimos o outro día en Lugo coa carne. Temos que adoptar medidas que protexan a cidadanía. 

Apoiará o BNG a lei do litoral galega logo de que o PSdeG avanzase o seu si?
Primeiro queremos coñecer o texto que entra no Parlamento, porque no anteproxecto había cousas que nos parecían preocupantes, como querer blindar a Ence na súa actual ubicación ou a xeración de falsas expectativas coa legalización de instalacións da costa que non se poden facer. O que queremos nós é que Galiza teña competencias plenas na xestión da súa costa, pero tamén na ordenación, así que loitamos por conseguir as competencias totais. Se elas, a lei nacerá coxa. 

Rueda vai cumprir este maio un ano á fronte da Xunta. Que nota lle pon?
A nota deben porlla os galegos, pero o que é evidente é que este Goberno suspende. Arrastra os pés na crise de prezos, beneficia ás minorías en forma de agasallo fiscal para as persoas que teñen máis renda mentres lle retira a Tarxeta Básica a unha maioría social, non é quen de enfrontar os problemas da sanidade, é incapaz de defender un modelo onde a vellez non sexa un negocio, queda atrás no eido económico cun IPC por riba da media do Estado e unha produción industrial que baixa mentres medra en España... A Xunta está superada pola realidade e necesita un cambio, e a única alternativa é o BNG. 

O CIS di que Sumar levaría  10% dos votantes do BNG. Precúpaa esa irrupción de Yolanda Díaz?
Eu creo pouco no CIS [ri]. Teño a sensación de que fan extrapolacións que non teñen credibilidade e, ademais, sen unha enquisa específica, o CIS non ten representatividade para Galiza. 

Non sei o que pasará [con Sumar], pero sei o que pasou e proxectos que en Madrid parecen novos, aquí xa se testaron

Intúo que non lle preocupa Sumar. 
En democracia o pluralismo político é un valor que non debe preocupar a ninguén. Son os cidadáns quen sitúan a cada forza no lugar que consideran que lle corresponde. Eu non sei que vai pasar no futuro, pero si sei o que ten pasado neste país, e haberá proxectos que en Madrid podan parecer novos, pero en Galiza xa se testaron. 


Arrinca o 28-M un ciclo electoral longo. Que grao de influencia teñen as municipais nas nacionais ou nas galegas?
As municipais teñen claves moi locais. Hai moitos elementos que se extrapolan e dan titulares, pero non son moi rigorosos a nivel práctico. O único que podemos ver son tendencias de fondo e unha delas é que o BNG está forte e que sobe. Imos seguir apostando por avanzar, con humildade e aprendendo do mellor da xente deste país, pero indo a por todas. 

Comentarios