Volta ao cole en clave verde

Sogama recorda que, con xestos sinxelos, as familias galegas poden abaratar o inicio de curso á vez que lle axudan ao planeta
Dous escolares, na volta ao cole. AGN
photo_camera Dous escolares, na volta ao cole. AGN

Termina a semana da volta ao cole na maioría dos lugares de España e Galicia, onde miles de nenos puxeron fin a máis de dous meses de vacacións. Un momento sinalado cada ano en vermello no calendario que provoca unha pequena revolución familiar nos fogares: é tempo de volta á rutina, do encaixe de palillos para conciliar e, sobre todo, o momento de realizar un desembolso económico. E é que o custo da volta ao cole estímase en 758 euros por cada alumno galego entre matrículas, comedores, roupa e material.

Consciente deste esforzo que cada setembro realizan as familias, a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) ofrece unha serie de consellos aos pais e os nenos que permiten aforrar diñeiro ao mesmo tempo que se axuda ao medio ambiente, xa que ambos os aspectos adoitan ir da man. Como é habitual cada vez que Sogama pon en circulación o seu material didáctico, non se trata de esixir grandes esforzos aos fogares senón que se busca concienciar aos galegos de que xestos moi sinxelos no noso día a día poden supor un importante aforro na factura da volta ao cole e un balón de osíxeno para o noso planeta.

A clave, unha vez máis, é a filosofía das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe. Aplicando esta premisa a algunhas prácticas o regreso ás aulas será máis levadío para todos. En liñas xerais, trátase de moderar as compras e planificar a volta ao cole, pero o decálogo de Sogama inclúe moitas máis ideas.

MATERIAL

Libros, carteiras, cadernos, lapis, bolígrafos, tesoiras, cores, folios... A lista de material escolar que esixen os centros de educación infantil e primaria —en secundaria, cuxo arrinque de curso atrásase a esta semana que entra, xa adoita reducirse— é interminable... e cara. Equipar aos fillos para que empecen as clases leva o groso do gasto.

Pero por sorte, a maioría dos libros de texto —salvo aqueles de actividades sobre os que se escribe— son perfectamente reutilizables curso tras curso. O mercado de segunda man funciona ben, incluso na rede, o que abarata a factura. E co resto de material, Sogama aconsella comprar sempre que sexa posible produtos econógicos e libres de tóxicos, que axudan á saúde dos estudantes e do planeta. Os bolis recargables, as calculadoras solares que evitan as contaminantes pilas ou os folios reciclados son exemplos de boas prácticas.

E o outro groso da factura lévalla a roupa, sexa uniforme escolar ou non. Neste caso, Sogama aposta por buscar xente que xa non use eses uniformes para pedilos prestados, porque a maioría quedan novos tras un curso ou menos de uso; exactamente o mesmo que ocorre con moitas mochilas. Por outra banda, convén revisar ben os armarios para ver o que se ten e facer unha lista para comprar só aquelas pezas que sexan necesarias.

CONCIENCIACIÓN

Máis aló da factura que poida supor o curso escolar en cuestión de material, o día a día tamén obriga ás familias a realizar importantes desembolsos en cuestións como a alimentación ou o transporte. Hai que desprazarse a diario ao colexio, e en ocasións ata catro veces ao día, polo que o uso do transporte público ou a posibilidade de compartir coche particular entre varios pais alivia o peto e reduce significativamente as emisións contaminantes.

E o mesmo ocorre coa alimentación. Produtos sans e de proximidade benefician á saúde e ao planeta, todo o contrario que a bollería industrial. E de paso, sempre que se poida, hai que evitar os envases de plástico.

Comentarios