A Xunta interésase polo reforzo de rastreadores con militares anunciado por Sánchez

O conselleiro de Sanidade de la Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña. XOÁN REY (EFE)
O Goberno anunciou a mobilización de 2.000 militares para desenvolver estas labores nas CC AA

O Goberno galego está interesado no reforzo de rastreadores de casos da Covid-19 con militares anunciado polo xefe do Executivo central, o socialista Pedro Sánchez, e dirixiuse ao Ministerio de Sanidade para concretar os termos da oferta.

"Mostrámonos interesados, dirixímonos ao Ministerio de Defensa e agora estamos pendentes de concreción", trasladaron fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Europa Press. Entre as cuestións que habería que ratificar estarían o número de efectivos e cando se producirían as incorporacións.

Sánchez sinalou este martes que no marco da loita por dobregar a curva de contaxios de coronavirus pon a disposición das Comunidades Autónomas os 2.000 efectivos do Exército para que realicen labores de rastrexo.

Na comparecencia institucional que realiza desde o Palacio da Moncloa após celebrar o Consello de Ministros, Sánchez anunciou que levarán a cabo varias medidas para reforzar o traballo da loita contra a pandemia respectando que as comunidades autónomas son as que deben xestionar en cada territorio a situación.

"Hai 2.000 militares a disposición das CC AA, sobre todo de quen teñan mais dificultades, e ese número poderíase aumentar", apuntou para logo lembrar que puxo a disposición un 'fondo Covid' de 16.000 millóns de euros para as comunidades para reforzar a loita contra o virus.