A Xunta permitirá abrir chiringuitos permanentes na costa galega

Chiringuito na praia de Silgar JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Desta forma, este tipo de establecementos poderán operar estacional ou permanentemente, sempre que estea xustificado e cumprindo unha serie de normativas xa establecidas

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves a un novo decreto, que presenta como novidade a posibilidade de abrir establecementos de servizos, coñecidos comunmente como chiringuitos, de forma permanente no litoral galego.

Así o explicou, ao termo da reunión semanal co seu gabinete, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que indicou que se actualiza unha normativa de hai catorce anos para intentar facilitar a comprensión dos posibles usos destas zonas e abrir novas posibilidades. Deste xeito, os chiringuitos poderán operar en Galicia de forma estacional ou permanente, sempre que estea xustificado, e deberán cinguirse a criterios fixos en temas como os materiais empregados, a gama de cores ou o volume do establecemento.

Os chiringuitos estacionales poderán funcionar do 1 de maio ao 31 de outubro, xunto coas datas de Semana Santa

O presidente da Xunta considerou "razoable poder aproveitar" os quilómetros de costa galega e facelo "con instalacións que cumpran" uns criterios mínimos para resultar "atractivas desde o punto de vista turístico".

Para o caso das instalacións permanentes, fíxase o tamaño das mesmas, que será de ata trescentos metros cadrados. Así mesmo, establécese a prohibición de almacenar no exterior envases, caixas ou aveños que impacten coa estética da instalación e de usar as mesmas con fins hostaleiros ou residenciais.