A Xunta pregunta ao Goberno se as restricións horarias ás saídas son por concello ou núcleo

Un mozo correndo en Cabanas. KIKO DELGADO (EFE)
Remítese ao criterio aplicado en Asturias ante as consultas de varios municipios

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, solicitou ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, "aclarar" como se delimita o horario de saídas da poboación na comunidade, se é por concellos ou por núcleos poboacionais.

O Executivo de Pedro Sánchez estableceu que todos aqueles concellos con menos de 5.000 habitantes non se imporán restricións horarias para a saída dos seus veciños á rúa na fase 0, mentres que aqueles que superen esta cifra deben acollerse ás tres franxas horarias que determinou o Ministerio de Sanidade.

Unha vez publicados os criterios acordados por Moncloa, algunhas comunidades como Asturias propuxeron ao Executivo que, en lugar de tomar como referencia o padrón municipal no seu conxunto, se tivesen en conta os núcleos de poboación para atender á dispersión de xeográfica da cidadanía. Así, finalmente Asturias adoptou esta fórmula.

Por este motivo, este sábado a Xunta pediu a Javier Losada clarificar as "dúbidas dos concellos e dos cidadáns", xa que o número de poboación afectada polas restricións horarias varía "considerablemente nun caso ou noutro".

Esta solicitude nace por mor de varias "consultas" que localidades con máis de 5.000 habitantes realizaron á Administración autonómica, xa que "queren saber se os seus núcleos de poboación" poden aplicar "a liberdade horaria para saír ou se están suxeitos a franxas horarias determinadas".