As vacacións tamén poden ser sostibles

Persoas camiñando ao carón dun ciclista. SEBAS SENANDE
Sogama lanza unha nova campaña cunha ducia de recomendacións en materia ambiental que permitirán aos galegos gozar dunhas vacacións máis verdes e respectuosas coa contorna

O primeiro verán pospandemia pon fin a dous anos de restricións derivadas da crise sanitaria do coronavirus e abre as portas a recuperar a normalidade precovid, o que se está a traducir nunha explosión de actividade relacionada coas vacacións: récord de peregrinos e turistas, volta das reservas ás axencias de viaxes, hoteis e restaurantes cheos... Un frenesí estival que, no entanto, debe ir acompañado sempre de responsabilidade e "sentidiño".

Por unha banda, no eido sanitario, onde a pandemia aínda axexa e obriga a non baixar a garda. E polo outro, no ambiental, nun verán onde os efectos do cambio climático están amosándose especialmente virulentos con Galicia en forma de seca, ondas de calor e agora tamén lumes forestais.

Por esa razón, e como é habitual en determinadas datas sinaladas no calendario anual, a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) chama a esa responsabilidade tanto individual como colectiva paraque estas vacacións sexan verdadeiramente sostibles e permitan que, ademais de darlle un respiro aos cidadáns, llo dean tamén ao planeta.

Os pequenos xestos do día a día deben manterse no verán, especialmente neste marcado pola seca, a onda de calor e os incendios

E para iso, a sociedade ambiental ofrece unha serie de recomendacións que contribuirán a gozar dunhas vacacións máis verdes. Unha parte deles baséase en non esquecer as actitudes e xestos individuais que se manteñen o resto do ano polo feito de estar de vacacións, mentres que outros son consellos específicos da época.

En vacacións

Dentro deste segundo grupo está todo o relacionado coas vacacións. Cada vez que se fai unha viaxe, sexa cerca ou lonxe, é fundamental a súa planificación, tanto material como económica e informarse sobre o destino, porque evita sustos. Trátase por exemplo de saber onde comer, onde mercar, coñecer os mapas do transporte...

Ademais, dentro dese labor de información sobre o destino tamén é bo coñecer as restricións que pode haber en determinados lugares de gran valor ambiental, co fin de non causarlles danos.

Outro xesto que está nas mans de cada quen é o de elixir aqueles aloxamentos que son sostibles, que cada vez son máis. Sexa un hotel, un cámping, un hostal ou unha pensión, hai que empezar a guiarse polo compromiso ambiental do establecemento máis que pola categoría ou as estrelas.

Todo o ano

Ademais desas prácticas específicas das vacacións, existen moitas outras recomendacións que Sogama adoita facer ao longo do ano e que tamén son facilmente adaptables á vida do verán. Como por exemplo usar o transporte público e priorizalo sobre o coche; ou desprazarse camiñando ou en bicicleta, xa que ao tempo que se reducen emisións faise exercicio. E se a mobilidade ten que ser en coche á forza, pois apostar por híbridos e eléctricos.

Tamén cobra importancia o aforro de auga —en plena seca— e o de enerxía, por exemplo reutilizando as toallas de hotel ou non abusando do aire acondicionado.

E tanto á hora de comer como á de mercar, débese apostar sempre polo local e polos produtos de tempada: máis ricos e saudables.

Toda a información acerca desta e outras campañas da sociedade ambiental de Galicia pode atoparse na páxina web sogama.gal

1. Planificar e presupostar
Ter en conta os gastos dos desprazamentos, o lugar de aloxamento, a manutención e o lecer evita sustos, especialmente no eido económico, pero tamén legais ou ambientais.
2. Informarse do destino
É importante saber que sitios ver, condicións da visita, restaurantes cunha boa relación calidade-prezo, costumes, tipos de comida, rede de transporte, seguridade, normativas, etc.
3. Usar transporte público
Hai que priorizar sempre o transporte público e, dentro del, o máis respectuoso. O avión é o máis contaminante: os voos supoñen en torno ao 2% das emisións de CO2 no mundo.
4. Moverse a pé ou en bici
Desprázarse a pé ou en bici cando sexa posible xera cero emisións, implica facer exercicio e conecta coa contorna dunha forma saudable. E se hai que usar coche, eléctrico ou híbrido.
5. Aloxamentos sostibles
Cada vez hai máis oferta de hoteis, cámpings e pensións que reducen o uso de plásticos, promoven a reciclaxe ou usan enerxías renovables. Iso é máis importante que as estrelas.
6. Aforrar auga e enerxía
E un xesto sinxelo pero vital, e máis en plena seca. Nas vacacións tamén hai que apagar luces e aparatos, non abusar do aire acondicionado, non mudar a diario as toallas, etc.
7. Comida de proximidade
Infórmarse sobre aqueles establecementos que serven comidas preparadas con alimentos locais e de tempada e, se cociña un mesmo, tirar dos mercados do lugar de destino.
8. Mercar no comercio local
Facer as compras no comercio local contribúe á economía e ao emprego, e tamén á redución de emisións, xa que os produtos non deben ser transportados ao estar xa preto de nós.
9. Respectar a contorna
Hai moito patrimonio natural protexido, polo que é importante informarse sobre el para evitar danos innecearios cando visitemos parques naturais ou reservas de flora e fauna.
10. Non tirar nada ao chan
De vacacións tamén se xera lixo, así que non hai que esquecer depositalo no seu lugar. É importante non deixar refugallos abandonados no medio natural polo seu alto impacto.
11. Separar o lixo
Envases de plástico, latas e briks van ao contedor amarelo; no azul, o papel e cartón; no iglú verde, os envases de vidro; no marrón, a materia orgánica; e no xenérico, o resto.
12. Educación ambiental
O verán e as vacacións son un bo momento para levar a cabo un labor de educación ambiental, especialmente cos máis pequenos, xa que se dispón de máis tempo con eles.