A choiva instálase en Galicia
As previsións meteorolóxicas anuncian máis do mesmo para este xoves en Galicia, que segue marcada polas borrascas atlánticas. Así as cousas, os mapas están cubertos de nubes e choiva, especialmente persistente na provincia de Pontevedra e o sur da Coruña. A Aemet mantén por iso a alerta amarela para o inicio da xornada no suroeste coruñés, por precipitacións de máis de 40 litros por metro cadrado en doce horas.
Tamén se prolonga para as primeiras horas o aviso para o litoral de Pontevedra e A Coruña —igualmente de nivel amarelo—, con ondas de entre 4 e 5 metros. En terra, o vento déixase notar especialmente na Mariña, con refachos de ata 80 quilómetros por hora.
En canto ás temperaturas, as previsións de Meteogalicia non auguran grandes cambios, aínda que se pode rexistrar un lixeiro ascenso das máximas. De feito, Ourense podería chegar aos 18 graos e A Coruña, aos 17.