O Colectivo Ecoloxista do Salnés alerta sobre o estado da duna de Baltar


SANXENXO. O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) mostra a súa preocupación polo estado no que se atopan as dunas de Baltar, en Sanxenxo. Tal e como apuntan os dirixentes da agrupación comarcal, o Concello comprometeuse no seu día a rexeneralas, unha actuación que aínda non se levou a cabo.


Ademais, a asociación tamén fai fincapé nos posibles efectos nocivos que poden ter na parcela os traballos de desbroce que levan a cabo os operarios municipais. Trátase dunhas tarefas que «se levan desenvolvendo desde hai máis dunha década de xeito indiscriminado», o que motivou que «a franxa desbrozada foise aumentado co paso do tempo, ata ocupar uns oito metros de ancho desde o paseo de madeira». O CES advirte de que, lonxe de provocar beneficios, este tipo de actuacións facilitou a expansión do gramaón, unha especie invasora.


Ante esta situación, a directiva do colectivo ecoloxista enviou un escrito ao Goberno local, no que se lle solicita que tome medidas ao respecto. «A eliminación de silvas debería realizarse de xeito selectivo», informa.