Martes moi frío
Galicia estará este martes nunha situación intermedia entre a borrasca situada nas Azores e as altas presións do norte de Europa, o que deixará un corredor de ventos intensos de compoñente este que achegarán aire moi frío para esta xornada. Así, espérase ceo parcialmente cuberto con nubes de tipo medio e alto pola mañá.
Co avance do día unha fronte cálida irá entrando polo sur, con aumento de nubes e precipitacións que empezarán pola tarde no sur das provincias de Pontevedra e Ourense e pola noite serán xeneralizadas.
Durante a madrugada do mércores as precipitacións serán de neve en calquera cota das provincias de Lugo e Ourense, no norte e interior da provincia da Coruña e no interior da provincia de Pontevedra.
Segundo a información de Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, o vento soprará de compoñente leste, moderado en xeral e forte no litoral norte.
Pola súa banda, as temperaturas experimentarán un descenso, máis acusado as máximas. Deste xeito, as máximas situaránse nos 12 graos en Vigo e Pontevedra, mentres que as mínimas descenderán até os dous graos baixo cero en Lugo.