Opinión

Mary Shelley e as reliquias da morte

"A miña imaxinación, espontánea, posuíame e guiábame obsequiando as sucesivas imaxes que xurdían do meu maxín cunha viveza que ía máis alá dos lindeiros habituais do soño. Vin —cos ollos pechos, mais con aguda visión mental— o pálido estudante de artes impías axeonllado á beira do ser que compuxera. Vin a horrenda pantasma dun home deitado, e despois, por obra dalgún enxeño poderoso, amosar signos de vida e remexerse cun movemento torpe e semivital. Debía ser arrepiante, pois supremamente espantoso había ser o resultado de calquera esforzo humano por arremedar o prodixioso mecanismo do Creador do mundo". O soño da razón de Mary Shelley produciu un monstro

Elle Fanning en 'Mary Shelley' de Haifaa Al Mansour. AEP
photo_camera Elle Fanning en 'Mary Shelley' de Haifaa Al Mansour. AEP

OS PRIMEIROS días de 1818 saíu do prelo en Inglaterra, sen asinar, Frankenstein ou o moderno Prometeo, traducido ao galego por Fernando Tato Plaza para a colección Costa Oeste de Galaxia. A publicación, hai agora douscentos anos, foi un acontecemento. Marabillou a popes da literatura da época, como Sir Walter Scott, e arrepiou a outros que, como Wilson Croke, crían que se trataba dun relato absurdo, estarrecedor e completamente desquiciado.

Ninguén sospeitaba naquela altura que unha moza de dezaoito anos fose capaz de compoñer algo que non existía: a primeira novela de ciencia ficción; produto dun tempo, o vitoriano, caracterizado polos avances tecnolóxicos da revolución industrial, traficantes de cadáveres, paradas ambulantes de monstros, unha literatura barata de sucesos e crimes exemplarizada nos penny dreadful —literalmente, horrores a penique— e o nomadismo romántico ao que se entregaban as clases acomodadas.

Cando a verdade foi revelada e o mundo descubriu que Frankenstein era obra de Mary Wollostonecraft Godwin, a filla da pensadora feminista Mary Wollostonecraf —autora de Unha vindicación dos dereitos da muller— e o filósofo e escritor anarquista e ateo William Godwin, houbo quen deu en matinar que criatura tan abxecta e moral tan repudiable non casaban cunha muller nova. Había ser cousa do pai, que falaba por ela, ou do home, o poeta Percy Shelley, a quen se lle supuña o talento, mais un bandarra e igual de ateo có sogro.

A educación de Mary tivera ben pouco que ver coa das mulleres escritoras do Romanticismo. Non había vocación de virxe nin de miñaxoia


A académica británica Fiona Sampson, autora da recente biografía In Search of Mary Shelley: The Girl Who Wrote Frankenstein (Profile), sinala que mesmo aos ollos contemporáneos, as correccións de Shelley, visibles nos manuscritos de Frankenstein custodiados da biblioteca Bodleian de Oxford, denotan que Percy fixo "abondo menos que calquera editor na industria editorial de hoxendía".

Como puido unha adolescente darlles vida non só a un senón a dous arquetipos que durarían toda a modernidade: o científico obsesionado e incapaz de ver as consecuencias éticas e sociais da súa investigación, e ese ser case humano que crea?, pregúntase Sampson, quen considera que a historia é directamente un mito sobre a vida contemporánea e o fracaso.

A educación de Mary tivera ben pouco que ver coa das mulleres escritoras do Romanticismo. Non había vocación de virxe nin de miñaxoia. Ao contrario que Percy, ela non fora a Eton ou Oxford, pero o pai formouna na casa, cos textos da nai, e asistiu seis meses á escola de señoritas de Miss Pettman en Ramsgate.

A súa nai morrera logo de nacer ela porque os médicos que atendían as puérperas aínda non tiñan o costume de lavar as mans e apañou unha infección letal. Ela criouse fronte ao cemiterio de Saint Pancras, onde descansaban os restos de Mary Wollostonecraft e lugar que os asaltadores de tumbas frecuentaban para proveer —a cambio de cartos— as clases de anatomía ou os experimentos científicos de resurreccionistas como o doutor Galvani.

Este verán chega aos cines un filme autobiográfico sobre Mary Shelley asinado pola directora iraniana Haifaa al Mansour

A xornalista arxentina Esther Cross relata en La mujer que escribió Frankenstein (Emece Editores) unha existencia asfixiada desde meniña polas mortes. Este verán chega aos cines un filme autobiográfico sobre Mary Shelley asinado pola directora iraniana Haifaa al Mansour. O título, protagonizado por Elle Fanning, vén de gañar o BCN Film Festival e aborda o episodio de Villa Diodati, en Suíza, do que nacería Frankenstein, como unha orxía envolvida en vapores de opio e láudano.

Foi no ano sen verán de 1816, pero poñámonos en antecedentes. Percy Shelly, poeta e barón, de vinte anos, viña de ser expulsado de Oxford por negar a existencia de Deus. Cae na casa de William Godwin. Percy e Mary, que tiña daquela dezaseis anos, gústanse. A cousa non ten máis importancia. Ou si. Percy está casado, cunha muller chamada Harriet, e xuntos teñen un fillo e outro que vén polo camiño. O vate é tamén profeta do amor libre e pretende que Harriet entenda a nova situación. Por se fose pouca embrollo, ao tempo que lle fai as beiras a Mary anda enleado coa media irmá desta, Claire Clairmont, que á súa vez está embarazada doutro poeta, Lord Byron.
Como se fosen un clixé de calquera folletín gótico, Percy e Mary manteñen os seus encontros amorosos no camposanto de Saint Pancras, aos pés da tumba de Mary Wollostonecraft, co resultado de que a moza tamén queda preñada e que o pai —celebremente polémico por ter piado contra a institución do matrimonio pero quen mira con agoiro a fortuna persoal dos Shelley— dille que non quere saber dela ata que arranxe a súa situación civil.

Como Percy e Mary son novos e románticos, e tamén ingleses e polo tanto excéntricos, deciden que o mellor é deixar a pérfida Albión e percorrer a Europa continental. Coincide que Lord Byron, urxido polo escándalo de deitarse cunha media irmá e concibiren unha filla, vén de fuxir a Suíza. Alí, no pazo Villa Diodati, á beiriña do lago Leman, atópanse todos: Percy e Mary, con Claire, que os acompaña na expedición malia as reticencias de Mary: Percy é moi insistente no do poliamor e Clairmont sentiu falar de Byron e cre que pode recuperalo. Este último está máis interesado na novidade, Mary, que tamén ten que aturar as embestidas do médico do lord, John Polidori.

Igual que Mary Wollostonecraft morrera once días despois de dar a luz a Mary, a primeira criatura dos Shelley deixaría de respirar aos once días de nacer

Mary e Percy lían o Quixote no verán de 1816. Unha noite, aborrecidos polas chuvias e os fríos que os tiñan presos na casa, retáronse a escribir contos de pantasmas. Os únicos que realmente o tomaron en serio o desafío foron Polidori, que anticipou o Drácula de Bram Stoker cun vampiro con todas as trazas de Byron, e Mary, que coñecía a lenda do Burg Frankenstein da man da súa madrastra, Jane Clairmont, xa que o mesmísimo Jacob Grimm dos irmáns Grimm lla a enviara para traducila ao inglés.

Conta Esther Cross que os Shelley, coa presenza sempre molesta para Mary de Claire, andaban os camiños en carromatos. "Primeiro chegaron eles, e despois as súas cousas. Sábanas, toallas, manteis, tres caixoneiras, catro camisas de franela, dous mandilóns, tres ducias de servilletas grandes, cinco ducias de servilletas cativas, vestidos, abrigos, dous chaleques, un par de traxes de noite, o berce, os libros. Mary estaba preñada de tres meses. Ollaban cara á xente con aprension inglesa".

Igual que Mary Wollostonecraft morrera once días despois de dar a luz a Mary, a primeira criatura dos Shelley deixaría de respirar aos once días de nacer. Tamén falecería antes de cumprir o ano a pequena de Claire e Byron. Outro dos meniños Shelley finaría pola malaria e varios abortos puxeron a Mary ás portas da morte polas severas hemorraxias que padecera. De todos os picariños perdidos foi compilando reliquias —unha crecha de pelo, un pano pingado de sangre— que gardaba como tesouros.

Mary rematou de compoñer o seu monstro, vexetariano —como ela e Percy—, feito de pedazos de morte e dotado de vida por Victor Frankenstein, mentres se recuperaba dun daqueles abortos en Bath, xa en solo inglés. En Mary Wollostonecraft Shelley e a súa criatura artificial (Xerais), María Xosé Queizán sostén que a autora trataba dalgún xeito de desvincular o nacemento humano da preñez e do labor de parto, nun anceio feminista de que as mulleres puidesen evitar ese proceso biolóxico que causaba mortes prematuras.

Regresaran ao Reino Unido porque se suicidaran tanto Fanny Imlay, media irmá de Mary por parte de nai, como Harriet Shelley, que se tirou a unha das lagoas de Hyde Park. Percy era agora viúvo e podía casar con Mary.

Byron quixo quedar coa caveira, pero non llo permitiron porque adoitaba beber o viño en cranios humanos.

O mundo chamábaos e pouco despois da publicación de Frankenstein volveron cruzar o canal da Mancha. Formaban un grupo pintoresco coa onmipresente Claire, Byron, Polidori, Edward Williams, o biógrafo Edward John Trelawny ou o escritor Leigh Hunt. Primeiro foi Polidori, que se suicidou en 1821, con ácido prúsico. Despois, Percy Shelley, que naufragou en 1822 fronte ás costas de Italia, a bordo dun barco que mercara, o Don Juan, mentres navigaba con Edward Willams.

O mar devolveu o corpo de Shelley á praia de Lerici e as autoridades locais ordenaron incineralo. Fixeran unha sorte de rito pagano para despedilo. Byron quixo quedar coa caveira, pero non llo permitiron porque adoitaba beber o viño en cranios humanos. Claire levou uns ósos. Trelawney conta en Lembranzas de Shelley, Bryron e o autor que rescatou das lapas o corazón de Shelley. Mary tivo que pelexar por el con Leigh Hunt. Saíu vencedora, envolveuno na primeira páxina do Adonais e conservouno sempre. As cinzas de Shelley serían soterradas no cemiterio protestante de Roma, mais o corazón de Percy descansa, coas reliquias dos meniños finados, na sepultura de Mary, en Bournemouth.

A escritora vendeu o Don Juan, intacto, para pagar as débedas, e regresou a Inglaterra. Unha segunda edición de Frankenstein xa poñía o seu nome na capa.
A Mary viúva é unha autora profesional, que traduce, escribe novela, ensaios e enciclopedias e edita a poesía de Percy Shelley. Educa o único fillo vivo e logra mesmo estudalo en Oxford. Mantén o pai e atende os problemas legais do sogro, que lle nega o apelido de casamento. 

Mary sentíase vella. Era unha escritora de indubidable éxito. ‘Frankenstein’ levaba tres edicións e fora adaptado ao teatro na English Opera House

Fiona Sampson está certa de que Mary Shelley foi vítima de slut shaming —aldraxar a unha muller chamándoa pendanga—. A relación de Mary Shelley cos homes "resulta profética na era do #MeToo", sostén, e lembra que ata Mark Twain asinou un manifesto En defensa de Harriet Shelley que é un ataque a Mary. "Ao lado de Harriet, a primeira muller de Percy, Mary semella calculadora, masculina, unha maníaca dos celos que destruíu unha familia", asegura Esther Cross.

En 1924, Lord Byron, enrolado na causa da independencia grega, morre a consecuencia das sangrías que lle fixeron tras uns ataques epilépticos. Ata Claire marchara a Viena, a traballar de institutriz. Mary sentíase vella. Era unha escritora de indubidable éxito. Frankenstein levaba tres edicións e fora adaptado ao teatro na English Opera House. Xa estaba pasada de moda, diría Virgina Woolf.

"Aos vinte e seis anos atópome na situación dunha anciá. Todos os meus amigos marcharon. Que poboadas están as tumbas".

M. WOLLSTONECRAFT SHELLEY E A SÚA CRIATURA ARTIFICIAL
María Xosé Queizán

Editorial: Xerais
Páxinas: 160
Prezo: 17,60 €

A escritora británica Mary Wollstonecraft Shelley espertou cedo o interese dos estudos feministas. A súa completa educación, pouco habitual nas mulleres da época, permitiulle crear a Frankenstein. Nese ensaio, María Xosé Queizán, adéntrase na personalidade da creadora británica, convidándonos a unha viaxe a través da súa biografía, do contexto sociopolítico do seu tempo, e tamén en torno ao poder que emana do seu personaxe e o seu significado posterior. Mary Wollstonecraft Shelley herda da súa nai, a autora da Vindicación dos dereitos da muller, a súa conciencia feminista e a busca dun racionalismo ilustrado.

Comentarios