Un erro de seguridade na última versión de iOS permite acceder ao álbum de fotos dos iPhone 

Un iPhone. DAVID CHANG (EFE)

A compañía de ciberseguridade ESET alertou sobre un fallo no sistema operativo de Apple

Un erro de seguridade na versión 12.0.1 de iOS permite, unha vez se conseguiu o acceso físico ao dispositivo, acceder ao álbum de fotografías e envialas a través de Apple Message. 

A compañía de ciberseguridade ESET alertou sobre un fallo no sistema operativo de Apple. A partir da publicación do investigador José Rodríguez, a compañía explica que o fallo se atopa na posibilidade de aproveitarse de Siri e VoiceOver para quebrantar a autenticación do dispositivo. 

A vulnerabilidade está presente en todos os modelos de iPhone, incluíndo iPhone X e XS, que estean a funcionar coa última versión do sistema operativo iOS (v.12.0.1). Por iso, un terceiro con acceso físico ao dispositivo poderá saltarse a clave de acceso, acceder ao álbum de fotografías e envialas a través de Apple Message. 

Apple, segundo sinalan desde ESET, "está ao tanto da existencia deste fallo e espérase que en breve lance unha actualización para reparalo". Mentres, a compañía insta os usuarios a non deixar o seu teléfono ao alcance de terceiros, "xa que o único xeito de explotar a vulnerabilidade é tendo acceso físico ao dispositivo".