Opinión

Contra a adversidade

FACER LISTAS non é algo que se me dea especialmente ben, pero elixir o que me gusta ler, si, tamén dentro do terreo da crítica literaria. A miña formación profesional neste eido cualifícame, ademais, para facer certas afirmacións contundentes. Velaquí unha: agora mesmo o máis valioso crítico literario español é Rafael Narbona, por estilo, enfoque e alcance intelectual dos temas que trata —o cal, por suposto, non implica recoñecer a valía doutros moitos que non paga a pena citar nunha peza destas características—.
Rafael Narbona.
photo_camera Rafael Narbona.


Ocorre que Narbona non é orixinalmente teórico ou crítico literario senón profesor de filosofía, polo que o seu debut como ensaísta en formato libro chega nesa disciplina con Maestros de la felicidad (Editorial Roca), unha viaxe pola historia da filosofía dende unha perspectiva que nos últimos anos tivo un certo éxito mesmo a nivel mundial —pensemos no popular Máis Platón e menos Prozac de Lou Marinoff—: a do camiño filosófico como vía para superar as adversidades e fornecer esperanza e optimismo ás persoas.


Coma en tantos ensaios divulgativos —e, en realidade, coma en todo ensaio dende o mesmo Michel de Montaigne— a experiencia persoal do escritor ten relevancia... e Narbona non ten falta dela. Fillo dun escritor homónimo, que gozou de certa sona nos anos 50, viuno morrer cando era só un neno; conmove lelo falar das adversidades sufridas pola súa familia, relacionadas con enfermidades físicas e mentais; e, sobre todo, entristece ler como un diagnóstico de enfermidade psiquiátrica, a todas luces erróneo, o separou dun traballo que amaba, o de profesor de secundaria —o seu amor queda demostrado nas moitas pasaxes dedicadas a evocar a relación cos seus alumnos, as máis entrañables do libro—.


Narbona superou esa perigosa enfermidade psiquiátrica sen medicación, con terapia, literatura e filosofía, un camiño que nos convida a seguir e polo que nos leva da súa experta man. A proposta do ensaio é clara e está relacionada con esta experiencia persoal: todos os filósofos tiveron como preocupación o xeito de acadar a felicidade, polo que tanto ten aquel que escollamos para guiar o noso camiño. Sexa quen sexa, todos son, como di o título, mestres da felicidade e transmiten na maior parte dos casos un optimismo que non é síntoma de inocencia —como tanto se argumenta nestes tempos de pesimismo—, senón de lucidez.


A vocación docente de Rafael Narbona queda clara dende o primeiro capítulo —non dedicado á filosofía senón a Homero e Hesíodo, o que resulta moi significativo— e resulta ser a grande fortaleza do libro: explicacións claras e ao alcance de cada lector; anécdotas biográficas dos mesmos filósofos, que en non poucas ocasións padeceron as desgrazas para as que tratan de nos preparar; e un léxico preciso e non carente de estilo e beleza, no que se pode apreciar a longa experiencia do autor como escritor en prensa, dirixido non tanto ao reducido público académico coma a calquera interesado abondo na cultura como para mercar e/ou ler un suplemento cultural.


Poucos defectos podemos sacar a un libro tan completo. Quizais se boten a faltar certos autores chave do século XIX —Kierkegaard, Schopenhauer, non por casualidade portadores tradicionais do estandarte do pesimismo—, unha certa atención ás filosofías orientais e unha presenza un chisco máis ampla das mulleres —aínda que, por exemplo, unha das mellores pezas do libro é o capítulo dedicado a Margarete Buber Neumann—. Son omisións que, evidentemente, non se poden cargar á falla de coñecemento, senón a unha decisión voluntaria dun autor que, agardamos, continúe o camiño aberto nesta magnífica obra de debut serodio.

Comentarios