Opinión

Unha aldea nas fronteiras

photo_camera Ucraína. EP

DICÍA Winston Churchill que o grande problema dos Balcáns era que producían Historia a un ritmo ao que non eran quen de dixerila. Algo similar ocorre con Galitzia, a outra Galiza, a que xunto a Lodomeria se parte na actualidade entre Polonia e Ucraína, aínda que cunhas fortísimas influencias de Austria durante o século XIX e de Rusia no XX. Lviv, por exemplo, leva este nome para os ucraínos, é Lvov para os rusos, Lwow para os polacos e Lemberg para os alemáns e Leópolis para os españois se nos poñemos estupendos.

A uns sesenta quilómetros ao leste desta grande cidade, agora de triste actualidade pola guerra de Ucraína e a súa proximidade ás fronteiras de Polonia, xa que logo da Unión Europea, atópase Krakovets, antigamente Krakowiec. É a derradeira localidade ucraína, xa que no seu concello, a catro quilómetros da vila capital, está a fronteira polaca. En palabras de Bernard Wasserstein, é simplemente Un pueblo de Ucrania azoutado polas tempestades da Historia. De alí saíu a familia xudía Wasserstein cando e como puido e así Bernard puido converterse en catedrático de Historia en Chicago e devolver á terra natal o que deu cun relato documentado e precioso que publica agora en español Galaxia Gutenberg.

Tal e como declara no limiar, Bernard Wasserstein tiña un plan moi ambicioso: xa que Krakowiec é un lugar cativo, pretendía escribir a historia de todos os que alí viviron, un quen é quen similar ao que Namier fixo dos membros do Parlamento británico. Fracasou, como era lóxico, e cambiou de obxectivo para se centrar, por unha banda, nos cambios de soberanía do lugar —que non foron poucos— e na historia da súa familia.

O primeiro é un exercicio de microhistoria admirábel. Krakowiec era un lugar remoto nun país atrasado, aquela Galitzia que daba noxo aos inspectores do emperador Francisco Xosé e que tan ben retratou Joseph Roth, natural de Brody, situada a similar distancia de Lviv pero ao leste e non ao oeste. Primeiro foi finca dos nobres polacos, despois e durante moito tempo un dos moitos shtetl, aldeas xudías que comezaron a ser un problema co agromar dos nacionalismos e o establecemento da Zona de Asentamento —rexión de reclusión obrigatoria para os xudeus— a finais do século XIX. Non gustará aos defensores da causa ucraína, xusta arestora, ler sobre as atrocidades antisemitas dos heroes daquel país, aínda que o asunto é cada vez máis coñecido mesmo para o grande público.

Consonte nos achegamos no relato á Segunda Guerra Mundial ocupa o centro a familia Wasserstein. Krakowiec atópase a apenas oitenta quilómetros de Belzec, campo de exterminio onde finaron arredor de 600.000 xudeus —aínda que o dato máis arrepiante quizais sexa que só dous sobreviviron ao paso polo campo—, polo que é fácil supoñer que o destino de boa parte dela non foi distinto ao dos hebreos do resto de Galitzia. Resultan máis apaixonantes as milagreiras historias de evasión e supervivencia, como a de Addi Wasserstein, chegado a Palestina a través de Italia e Turquía.

E a desgraza repítese, lección que ensina Bernard Wasserstein: as tristes historias dos crimes de guerra están arestora acompañadas das heroicas e apaixonantes historias de fuxida, que serán de renacemento, dos centos de miles de refuxiados que chegan ao que agora é Krakovets e pasan á Europa Occidental coa esperanza de construír unha nova vida da que, quizais, dentro de medio século, un catedrático de orixe ucraína contará historias apaixonantes que se crucen coas que vimos de ter nas nosas mans.

Comentarios