Opinión

A arte do noso parlamento

A colección de Arte do Parlamento de Galicia afronta nos últimos meses unha itinerancia por diferentes cidades de Galicia para amosar o contido dunha atinada colección composta polos grandes protagonistas da nosa arte dos séculos XX e XXI.
Escena da exposición /RAFA FARIÑA (AEP)
photo_camera Escena da exposición /RAFA FARIÑA (AEP)

EN TEMPOS nos que o coleccionismo non está a pasar o seu mellor momento, institucións como o Parlamento de Galicia afrontan nas últimas décadas un máis que interesante e moi valorable traballo de armar unha colección que sirva para reflectir esa identidade artística do noso territorio, xeneroso dende comezos do século XX en sobranceiras figuras que artellaron unha afouta paisaxe plástica que atravesa diferentes momentos históricos e creativos coas súas singularidades.

A sensibilidade artística do actual presidente do Parlamento, Miguel Santalices, levou non só á potenciación desta colección, senón tamén a achegala alí onde ten o seu pleno sentido, que é fronte á cidadanía, de aí que dende hai xa varios meses cidades como Ferrol, Ourense ou Vigo puideron gozar da selección que un experto comisariado, configurado por María Victoria Carballo-Calero, Felipe Senén e Carlos Valle, levan a cabo para amosar o mellor desa colección e relacionala cos diferentes espazos nos que se amosa. Agora é a quenda de Pontevedra, facendo do histórico e moi vencellado ao mundo creativo e pictórico da cidade, Café Moderno, o espazo máis que acaído para que o público coñeza e recoñeza esta marabillosa colección, e da que aquí o comisariado soubo amosar, non só en canto á súa selección, senón tamén na súa maneira de distribuír as pezas nas dúas salas do primeiro andar, as bondades desa escolma con nomes, moitos deles vencellados á propia vila do Lérez, atopando así creadores como Carlos Mourón, Mercedes Ruibal, Arturo Cifuentes, Arturo Souto, Manuel Moldes ou Rafael Úbeda, xunto a outros tamén referentes da nosa plástica como Laxeiro, Lamazares, Carlos Maside, Lodeiro, Colmeiro ou Berta Cáccamo, por citar algúns máis vencellados á provincia pontevedresa. Unha listaxe que, como rapidamente se entende, funciona como unha panorámica a ese pouco máis dun século que nos leva a recoñecer dende o rexionalismo de principios do pasado século, á renovación das vangardas dos anos 30, a pintura resistente do franquismo ou a procura de liberdade dos 60, coa explosión final de Atlántica, e os nomes que nas últimas décadas protagonizaron a pintura máis recente.

Todo un percorrido que se explica de xeito perfecto pola calidade das obras que, ou ben foron doadas polos seus creadores, ou adquiridas dende dese proceso de compra e conformación dunha colección de entidade moito máis amplo que o que aquí se expón, e que se recolle tamén nun espléndido volume a modo de catálogo que amplia esa selección pictórica a outras disciplinas creativas como a escultura ou a fotografía e que amosa o potencial real desa colección iniciada practicamente dende o propio comezo da historia do Parlamento de Galicia, o 19 de decembro de 1981.Seguir profundizando na súa valorización, acrecentamento e difusión entre a cidadanía ten que ser unha achega máis desa institución, máis alá do seu facer político e representativo da sociedade que ten na arte, unha das súas máis activas ferramentas para amosar cales son os diferentes momentos polos que a historia nos fai pasar. As achegas de cada un destes protagonistas plásticos son auténticas voces do que acontece no noso país en cada instante, reaccións ante unha sociedade que muda e que se transforma do mesmo xeito que fai a arte en cada un deses instantes, dende a reinterpretación íntima dos diferentes creadores que tan orgullosos nos fan estar do que son quen de facer.

Dende a estreita cooperación coa Real Academia Galega, presidida por outro artista, tamén presente nesta mostra, Manuel Quintana Martelo, a colección do Parlamento de Galicia ten que reflectir ese labor artístico de país e mesmo entenderse como unha especie de catálogo que tentase ser ese Museo Nacional de Galicia que somos incapaces de ter, perdendo, co dubidoso proceso de fusión das caixas de aforro, a posibilidade de que esa inxente colección fose a cerna dese Museo que estamos obrigados a ter. Namentres iso sexa unha realidade, visitar á mostra ‘A nosa arte’ do Parlamento de Galicia, é unha regalía para darnos conta do potencial creativo desta terra.

Comentarios