Blog |

As verdades contables

É posible que esteamos indo ao teatro para conseguir algunha verdade que xa non se conta noutro lugar. Arredor de contar historias foise tecendo nos últimos anos unha certa unanimidade: todas son medias verdades que é tanto como dicir que todo é unha mentira contada sin convicción. O teatro busca verdades contables, historias que devolvan ao espectador ao lugar do que procede: a realidade
La Jauría
photo_camera La Jauría

A VERDADE É para un espectador como as meigas: haber haina. Pero encontrala é un asunto tan arduo que parece difícil conseguila cando se contan historias con vocación documental. O teatro recente busca xeitos de encontrar verdades, de contalas e de convencer ao espectador de que pode regresar a casa con algunha certeza. Jauría demostra no seu procedemento algunhas das dificultes de recuperar a verdade desde a escena. A obra reconstrúe a violación cometida por ese grupo autodenominado La Manada nos San Fermíns e para conseguilo utiliza como punto de partida as declaracións xudiciais da vítima e dos violadores. A obra busca un documento certo no que apoiarse, un texto que non ofreza dúbidas, que non ofreza posibilidades de especulación. Un texto que lle entregue as espectadoras unha certeza sen dúbidas.

Utilizar as declaracións xudiciais como punto de partida para unha obra teatral evidencia as dificultades de que unha historia adquira carácter de certeza. Buscar a fonte indiscutible leva ao espectador a escoitar no mesmo plano os agresores e súa vítima. En certo sentido traslada aos espectadores asumir o papel de xuíz, e asumir os longos e torturantes camiños para chegar a algo que se pareza á verdade.

Nun xuízo, e sendo inxenuos, a certeza non aparece nas declaracións das partes senón nas conclusións da sentenza. As declaracións, por máis xuramento de verdade que as precedan, levan sempre a carga da versión. Levan con elas os matices que resultan divertidos cando se trata da literatura, pero que son tremendamente molestos cando o necesario é saber como foi un feito. A obra dirixida por Miguel del Arco decide contar a verdade do que sucedeu no xuízo e utiliza este como un espello. Pasan cousas nos xuízos que están fóra do texto recollido, pasan cousas que moven as balanzas. A obra busca colocar aos espectadores fronte aos argumentos manexados, fronte as palabras manexadas en cada caso pola vítima e os violadores, pero tamén polas equipas legais, a fiscalía e os avogados.

O que mellor explica Jauría é a presión sobre a vítima. A presión de ter que demostrar que é a vítima. Tamén explica ben a violencia que a vítima ten que asumir no proceso xudicial. A obra marca un paralelismo entre a agresión e o xuízo, na soedade da vítima nas dúas situacións, son cargas diferentes de violencia, pero en ambos casos hai un grupo que rodea á vítima, un grupo masculino intimidatorio e presionante que tenta reducir a posibilidade de expresarse da vítima, de contar a súa verdade. Recolle a posición da muller enfrontada a situacións nas que non pode decidir. Jauría non quere ser nin distante nin agresiva. Quere situar ao público nas dificultades de recibir unha historia que non é neutral, que ten a evidencia da dor e que finalmente, tamén de maneira cruel, está marcada pola distancia entre como suceden os feitos e como poden ser contados. O público ten que saber moverse nesa distancia e non só polo que a obra conta. Tamén porque nesa distancia entre o que sucede e o que se conta se move case toda realidade da sociedade contempóranea. A realidade é unha, como se conta é un asunto máis complicado no que, ademais das versións, conta moito as decisións que o público queira tomar.

A obra é máis contudente na posta en escena, marca as actitudes e deixa no patio de butacas diante da parte máis cercana á realidade

Utilizar o texto xudicial como principal fonte é un xeito de non ter que explicar outras escollas. Pero no teatro sobre a realidade non todo é texto. A posta en escena explica tantas cousas como as declaracións xudiciais, as explicacións das sentenza ou as declaracións de avogados e fiscal. Explica algunhas desas ideas que as palabras non definen con precisión. Explica que en todo hai un contexto e que este non é favorable para quen padeceu a agresión. Sitúa ao público na posición de entender e, sobre todo, nese espazo no que as dúbidas xa non son razoables. A obra é máis contudente na posta en escena, marca as actitudes e deixa no patio de butacas diante da parte máis cercana á realidade. Unha realidade contada con itinerario de labirinto porque a retórica xudicial ten algo de pirotecnia encubridora, algo que cando menos tamén merece unha reacción por parte do público entendido como colectivo social.

A obra dita a súa sentenza e o público aplaude. É posible que a reacción merecera outra análise sobre a transferencia entre as reaccións ao contado, á maneira de contalo e as opinións das espectadoras e dos espectadores. A interpretación do elenco, comezando por María Hervás, non ten dúbidas sobre o que conta, nin sobre o carácter dos personaxes e tampouco tenta liberarse da violencia da historia que explica. O público pode aplaudir a mesma idea de levar esta historia ao teatro, pode aplaudir a maneira en que se interpreta e mesmo está aplaudindo a condena da violencia machista. Pode aplaudir unha combinacíón de todos estes motivos e en todos os casos son aplausos merecidos. O aplauso no teatro é un acto social, pero mesmo así hai que aplaudir que o teatro se ocupe da realidade e que teña como vocación de explicala. Que queira aportar certezas nunha sociedade que cada vez ten máis dificultades para encontralas.

Comentarios