Opinión

No centenario de María Antonia Dans

Cando se cumpren cen anos do seu nacemento, a pintura de María Antonia Dans reivindica o seu papel dentro da plástica galega dende unha proposta singular, que fixo da muller e da súa posta en valor, xunto á paisaxe galega, os dous potentes fíos cos que tecer un proxecto de vida.

MARCHOU a Madrid para tentar facerse un nome dentro da pintura. E conseguiuno. Esta decisión amosaba o carácter de María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922-Madrid, 1988) e a súa personalidade de artista, de querer triunfar coa súa pintura dentro dun ambiente esmagadoramente masculino. "Si no fuera mujer, mis cuadros se pagarían el doble", afirmou, sendo consciente da distancia que había entre os dous xéneros á hora de tentar facer unha carreira creativa na sociedade do franquismo.

Co gallo do centenario do seu nacemento, diferentes iniciativas están a xirar arredor da súa figura, sobre todo, na recuperación e posta en valor dunha pintura marcada por unha forte singularidade e que, caracterizada dunha faciana de sinxeleza ou mesmo inxenuidade, contén no seu interior unha afouta carga reivindicativa, tanto do papel da muller na sociedade, como da paisaxe, como activo dunha memoria que, pese a pasar moitos anos lonxe da súa terra natal, sempre foi a súa proposta fundamental á hora de compoñer uns cadros que tiñan na cor a súa compoñente formal  máis salientable, como contraposición de manchas que xeraban un efecto emocional no espectador.

Dentro deste ano de conmemoracións o pasado agosto coñeceuse a boa nova da rehabilitación e musealización por parte da Xunta da súa casa de Curtis coma canle fundamental para atoparse con ela e coa súa obra, e poucas decisións máis atinadas para pensar e repensar unha obra que tivo sempre nesa vivenda unha clara anclaxe co territorio, que pasaba no seu interior dos apuntamentos en diferentes cadernos á superficie do lenzo. Arredor desa vivenda María Antonia Dans deuse conta do importante valor da muller dentro da sociedade rural. Mulleres que ían aos mercados  vender os produtos da casa, mulleres que coidaban a súa familia, mulleres que suxeitaban toda unha identidade no ámbito do campo sen agardar nada a cambio. Esas mulleres serán as que centren as súas preocupacións á hora da representación. Mulleres protagonistas dos seus cadros, colocadas de xeito hierático, como auténticos tótems que sinalaban o seu protagonismo nunhas escenas con moito de realidade. Dende as fiestras desa vivenda tamén María Antonia Dans acumulou diferentes visións da paisaxe, casas illadas nun territorio de ondeantes verdes, de terreos cercados na súa superficie, de planos que se sucedían cara un horizonte infindo, nun enfrontamento entre o ceo e a terra.

Ben pronto soubo a nosa protagonista das súas virtudes creativas e das súas arelas por progresar nese ámbito. Unha recente xornada celebrada no Consello da Cultura Galega baixo a coordinación da que tamén foi ponente, Rosario Sarmiento, puxo en valor este dato polo que ten de claridade de aposta polo futuro, pola decisión de tomar clases de pintura na Coruña da man de Lolita Díaz Baliño —outro nome a reivindicar—, propoñendo así un itinerario de modernidade que se reforzaría co coñecemento e as experiencias do acontecer madrileño, como as paisaxes de Benjamín Palencia e a Escola de Vallecas, adentrándose tamén en campos como o muralismo ou o deseño, tamén na ilustración de libros infantís. Chanzo a chanzo María Antonia Dans acadaba ese obxectivo de recoñecemento da súa pintura. A súa sociabilidade, o participar dos famosos faladoiros madrileños de mediados do século XX, foron facendo daquela galega un nome fundamental na paisaxe cultura española dese tempo. Paisaxes nas que ela mesma afondaba, máis que ollando cara a realidade, ollando cara o seu interior, cara esa memoria que se converteu en xérmolo de boa parte da súa obra, e a que lle permitía trasladar aquelas visións de Galicia a uns lenzos cunha pátina cun punto máxico e irreal, o que contribuíu a unha importante, e aínda non de todo valorada, renovación da paisaxe galega dende esa ensoñación do representando e cunhas cores que estouraban no interior do cadro falando máis que dunha realidade dun sentimento que formou parte sempre de María Antonia Dans, unha muller comprometida coas mulleres e coa emoción que xorde dunha terra que agora volve mirar cara a ela na procura de desvear moitos dos seus segredos.

Comentarios