Opinión

Cidadáns en Francia

Cidadáns en Francia

Nesta páxina, atreveríame a dicir que neste suplemento, practicamos unha activa francofilia. O que non está moi claro é se adoramos Francia ou, en palabras do xeneral de Gaulle, "unha certa idea de Francia": no noso caso, a Francia republicana, laica, cun centralismo que impón as ideas de progreso, ilustrada, cantada na Marsellesa. Unha Francia que quizais non exista ou que, de existir, presenta unha serie de sombras por detrás desas luces.

Esa Francia que algúns adoramos non existía hai uns 120 anos: creouse a través dun proceso que, pouco menos dun século despois, estudou Eugen Weber nun dos libros de Historia máis reverenciados de todos os tempos, De campesinos a franceses. Chega agora, case cincuenta anos despois da súa publicación orixinal en inglés –que non en francés, por certo–, ás librarías españolas da man da editorial Taurus.

Weber non era o candidato obvio para escribir o mellor libro sobre a historia francesa contemporánea. Descendente de xudeus secularizados en Bucarest, criouse no mesmo ambiente francófilo do que agromaron Ionesco ou Cioran, pero a mediados dos anos 30 os seus país enviárono ao Reino Unido. Só despois da Segunda Guerra Mundial puido estudar Historia na Sorbona, pero rematados os seus estudos básicos desenvolveu toda a súa carreira académica en Reino Unido e, sobre todo, Estados Unidos.

Malia isto, escolleu contestar unha pregunta: como conseguira Francia transformarse nese país cuxa imaxe aparece no principio da nosa crítica? A súa resposta, dunha estensión superior ás seiscentas páxinas na edición española –notas á marxe–, é un magnífico tratado de socioloxía, educación, antropoloxía... e historia.

Coma moitos outros libros fundamentais, o de Weber parte da destrución dun mito que, el supoñía, estaba na mente dos seus lectores: que a Francia que coñecemos se remontaba á Revolución. Na primeira parte da súa procedeu así a demostrar que, despois da derrota na guerra franco-prusiana de 1872, Francia era un país empobrecido nas súas zonas rurais, no que moitas persoas nin sequera falaban francés ou se sentían francesas. As descricións de Weber sonarán moi familiares aos que viviron ou coñecen o rural galego... ata os anos 60 do século XX.

Na segunda parte chega a análise dos elementos transformadores desa triste realidade, que, ademais de sacar moitos franceses da pobreza, crearon un corpo de cidadáns. O primeiro é coñecido: o desenvolvemento da educación laica, republicana, universal e de balde a través das coñecidas como Leis Ferry polo ministro que as impulsou. O segundo, as estradas e o ferrocarril, que racharon co illamento de certas zonas. O terceiro, a relación con institucións conservadoras como a Igrexa e o Exército –chama a atención ao lector español, por exemplo, que os cregos defendesen en Francia as linguas rexionais fronte á imposición do francés–.

Na terceira parte descende o ritmo narrativo e hai certo toque de saudade. Constata Weber que, ademais de certas tradicións bárbaras –por exemplo, o acoso a quen escollía unha parella foránea–, tamén se perderon costumes bonitos e valiosos dende o punto de vista antropolóxico. Isto non impide que recoñeza a realidade: o proceso de uniformización tivo un éxito espectacular, afogou aquelas linguas, creou un sistema educativo recoñecido no mundo enteiro e fixo avanzar economicamente a nación gala ata ser o gran país do continente europeo durante boa parte do século XX. Mágoa que o escintilante Eugen Weber non fose eterno para explicar como ese mesmo sistema está a fracasar na integración dos marxinados do século XXI e a facer que moitos franceses procuren respostas en opcións políticas afastadas da liberdade, a igualdade e a fraternidade.

Comentarios