Opinión

Credo, ergo sum

Lembro con claridade a primeira vez que recei de xeonllos. Dixeron que así establecería diálogo con Deus. Comunicaba, ninguén recolleu a miña pregaria. Estiven minutos en silencio agardando a que o resto rematase e gardo perfectamente a sensación de abandono divino que se fixo en min. "Isto non é para ti, non che tocou o de falar co Pai".
La mesías. EP
photo_camera La mesías. EP

AS RELIXIÓNS do mundo levan perdidos milleiros de fanáticos pola incapacidade de crear un servizo de atención á fe dubitativa daqueles que chegan ao dogma por tradición, cultura ou unha pesca exitosa de catequista polos cursos primarios das escolas. Igual que me aconteceu naquela parroquia de Lugo onde rapidamente descubrín que ben Deus renunciara a min ou era eu algo que non lle chistaba, outras persoas deciden tirar as súas ganas de crer. Acumúlanse en todas moreas de fe allea no mundo, outeiros invisibles de oracións sen resposta. Que se fai con esta valiosa materia prima?

No abandono do fogar hipotético que supón a falta de coidado de Deus, sexa cal sexa, co seu rabaño de fieis, outras figuras capitalizan estas carencias afectivas da fe para engrandecerse por enriba doutros mortais e achegarse falsamente a unha condición divina. Son o teléfono escarallado da impía trindade. Estes iluminados, como Amparo Puig Baró da serie La mesías de Los Javis, convirten as oracións en pesos e a incongruencia en salto de fe.

De ter sido eu un destes novos mensaxeiros, un profeta inesperado xurdido da educación pública, a miña versión da Biblia collería nun alongado de puritos. "Ao séptimo día, marchei descansar e esquecín onde puxera todo, onde quedara aquela humanidade recén creada. Unha mágoa. Outro día me poño", podería lerse na miña particular Xénese.

En calquera caso, as relacións co divino son fundamentais para poder desenvolver un comportamento acorde coa dimensión espiritual que cada persoa de xeito innato ten capacidad de posuír. De todas as posibilidades que se teñen posto sobre a mesa de castaño de ebanistería que representan as relixións, hai dúas que me resultan fascinantes e terían levado ao peor dos castigos só uns séculos atrás. A primeira delas é a idea do abandono divino, é dicir, unha partida e despedida de Deus. O Pai creador voluntariamente desapareceu tras decepcionarse fondamente co comportamento e a deriva que a súa máxima creación ten acometido contra si mesma. Lonxe da ira e da misericordia, Deus vén de rendirse para retirarse e matinar en que punto errou. O inesperado cese de milagres parece secundar esta opción.

Por outra banda, entrar en contacto con correntes como apateísmo é case como achegarse a unha idea extremadamente sinxela e, a un tempo, indescifrable. Este posicionamiento de fe establece que a existencia ou non de Deus non é un motivo de preocupación nin debe ocupar tempo de pensamento. De feito, que Deus sexa ou non é unha cuestión sen interese para os apateístas. "A min dáme tan igual como eu a El", podería sintetizar o seu posicionamento.

Precisamente, Amparo Puig Baró de La mesías elixe forzar a súa relación con Deus e acosa á figura divina ata o punto de convencerse a si mesma de que fala con El por vía directa. A interpretación de símbolos do destino, como o noso cerebro con amabilidade tende a facer, é o primeiro paso para confundir ser co querer chegar a ser. Amparo Puig Baró aspira a converterse en alguén excepcional, a travesía ata aí cárgase de ánimo, aínda que logra só transformarse nun delirio deformado de profeta.

Ao outro lado dos exercicios de fe más extremos e voluntarios, atópanse os orfos de figura divina. Esta xente, formada por un nós e un vós, existe de cotío inscrita dentro dunha sociedade que lonxe de desafiar a súa postura, fai medrar o baúl de símbolos, refráns, bromas, ideas ou conceptos arredor da súa relixión ou tradición.

Con todo, hai algo que o ateísmo, o agnosticismo e, en xeral, calquera forma que negue a Deus o seu dereito a existir ten que resolver desde unha achega diferente. Tomando a idea de que ao Pai creador tanto lle dá existir como que non a ollos de milleiros de persoas, é necesario realizar unha reflexión sobre a existencia dun supervisor final que reconte as malas accións. Iso si, que se permitan recursos de apelación e presentación de documentación nada pecaminosa para formar parte dos procesos.

O pensamento é: En que grao a existencia de Deus é relevante á hora de estudar os efectos e as consecuencias da súa figura? Quere dicir isto, é importante demostrar ou negar ao Pai divino se de facto dá forma a toda unha cultura? Non existe Deus todavía a través dos calendarios, os festivos, as estéticas, o establecemento de arquitectura e urbanismo na súa honra, a sabedoría popular, os xuramentos froito da ira e nos xulgados, nos lamentos das perdas, na aparición de ideas repentinas ou nos ritos que alimentan a identidade dos pobos máis pequenos? É máis importante a figura do Antigo Testamento ou deste Novísimo Testamento?

En La mesías, Deus ten facilidade para trasladar supostamente moitos mensaxes, incluso algunha rima ou corrección, a través dun delirante método e unha boca profética de difícil comparación. Pola miña parte, creo que os dous seguimos sen cobertura e a comunicación semella bloqueada. En ocasións, observo feitos que parecen levar a súa pegada, como un toque de atención desa persoa á que non lle prestas atención. Pero eu xa me axeonllei primeiro, agora tócalle á outra parte.

Comentarios