Opinión

Criaturas efémeras da fin do inverno

Nós empachamos del, pero hai tres animais que si por eles fose non habería primavera.
Barreiros. AEP
photo_camera Barreiros. AEP

SERÁ MOI LÍRICO e moi civilizado o mal tempo, e quedar  na casa cunha bebida quente a fumegar entre as mans pensando: que cousa vulgar, os días solleiros; e fitar pola  ventá  o repenicar  da chuvia como unha diluída estrela da canción faría co móbil, por se chaman do Luar.

Saben quen o pasa mal de verdade nestes días? A Siradella. A que soña co verán e a coñecelo nunca chega. Desta criatura sábese que habita nas dobreces das bolsas de praia que temos arrombadas dende o ano pasado, que suspira rillando as  areas que nos deu preguiza voltear e que está  cruelmente  vetada pola normativa municipal de Barreiros. A escusa? preservar a  excelencia turística. Xulguen vostedes a severidade do Concello: o trastorno deste animal ínfimo, non comestible, inofensivo pero insistente consiste en subirse á cama de quen durme —non molesta apenas, pesando só como areas que come— e proxectarlle na fronte, cun faro que ten enriba dos ollos, imaxes de amor e praia que copiou dunha película italiana.

Resulta tan considerada que o fai en silencio, pois na súa cabeciña —que é como de mosca, e sempre baixada por tristeira— o verán ten o audio quitado, para non parecerse ao inverno cos seus balbordos que se diluvio, que se vendaval, que se tronos. Logo marcha delicada apoiando as patas dianteiras primeiro, que son madeira duns palés que trouxo a marea, e despois as de atrás, triscando no chan e rabuñando a superficie pois cando tes pés de  cuncha mariña non hai coidado que valga. Este debe ser o motivo que eu lle vexo a que non a queiran nesa parte de Mariña, a preservación da propiedade. Siradella, pode ser  que pola súa cultura audiovisual, non ten paciencia ningunha. Farta do inverno métese no lixo —alí están os snacks e as cervexas que ulía na súa bolsa— e querendo atopar a praia remata en  Sogama.

Carajillo vive en Becerreá pero ser é de Barcelona. Viuse nos  Ancares acompañando a Magallán Santiso que foi, claro, taxista aló; coñecer coñecíanse de antes. Coincidiran nunha entrevista  de  traballo na Area 51, a base  de Nevada onde  os americanos gardaban os alieníxenas esnafrados en Roswell: querían a Magallán como espía cando souberon que aprendera tódalas rúas  de Barcelona —e boa  parte de L’Hospitalet— nun par de horas, o primeiro día que  apareceu na parada.
—Mérito? Ningún. O que había era fame.

Contáballo na sala de espera, mentres pasaban batas brancas e uniformes militares, e parecíalle que Carajillo asentía malia que este animal aventureiro e de mal xenio non ten cabeza, nin un corpo definido, mais dende que deixou a vila este  taxista está  curado de espantos. O choio non saíu: el non aceptaba, por moi espía que o quixeran, mentir sobre o seu lugar de orixe —ama Becerreá  apaixonadamente— e o bicho, pobre, quedou descartado porque na súa habelencia, que é  a velocidade e facer longas viaxes en coche, estaban unha chea de extraterrestres e con eles non se pode competir. Na montaña son felices os dous, apoiando o cóbado na ventá do taxi —Magallán imaxina que é o cóbado— mentres  entra todo o frío no mundo e sorrín satisfeitos.

A máis breve e antiga destas criaturas é o Prisciliano. Seica ten a feitura dun báculo tremelicante e un aura escuramente violácea. Por duración, a da flor da mimosa. O de Prisciliano escolleuno el como nome de guerra: o seu anticlericalismo é feroz. Gábase sempre de ter acabado coa vida do cóengo Antonio López Ferreiro —que o fixo dun susto, trabucándolle os libros cuns datos incompatibles co piadoso corazón do investigador— antes de que rematase a redacción do tomo XI da Historia de Iglesia de Santiago, sobre La Iglesia Compostelana durante el segundo período del régimen liberal. Moi demandado de buscatesouros e atentadores contra o patrimonio, pola razón seguinte. Prisciliano coñece todas as igrexas remotas e isoladas de Galicia, e nada lle fai máis feliz  que pasarlle  a información a quen as queira rebentar. Mais o coitado animal padece de fanatismo, desmemoria e ningunha capacidade práctica: para el cinco séculos non son nada e non se decata de se en tal ermida o cáliz  de ouro xa os levaron os ingleses de Drake ou os franceses de Ney.

As  bandas kosovares e os toxicómanos locais séntense enganados ás veces  porque tres euros con trinta céntimos do peto da Santa Rita non compensan o gasoil a Boiro e o esforzo de  tirar a porta, pero Prisciliano esvaécese cando zoa o vento e leva consigo as flores amarelas, evitando así protagonizar noticias  de axustes de conta. Mentres isto ocorre vai botando unhas risas tremendas e uns pecados que non son deste mundo.

Comentarios