Opinión

É mala a maleza?

A proposta arredor da natureza na que traballa Christian Villamide dende fai uns cantos anos volve amosar como é a nosa relación con ela, a maioría das veces fagocitaria coa súa libre expresividade e mesmo a través de denominacións que amosan a nosa percepción negativa dela.
Christian Villamide, ante a súa obra. RAFA CERVIÑO
photo_camera Christian Villamide, ante a súa obra. RAFA CERVIÑO

Intervén Christian Villamide os diferentes espazos da pontevedresa Fundación RAC coas súas lecturas arredor da natureza na construción de novas posibilidades da paisaxe, nas que non se esgota nin a súa imaxinación nin a denuncia das nosas actitudes arredor dela, preocupados por seguir esnaquizando as súas posibilidades en base a conseguir dela o maior aproveitamente posible para os nosos fins.

In landscape mode no CGAC, Hortus Conclusus no Centro Cultural Marcos Valcarcel de Ourense ou PERturbacións, no Centro de Arte CajaBurgos, son algúns deses proxectos que o artista lucense amosou en diferentes momentos para motivar en nós a reflexión arredor desa sempre tensa relación entre home e natureza, entre sociedade e hábitat que agora, na Fundación RAC, baixo o título de Maleza, atopa novos xeitos de expresión, se se quere máis refinados, aludindo máis á cerna desa problemática que suxeita todo o seu discurso ao tempo que visualmente medran en canto a súa capacidade para sintetizar novas paisaxes construídas a partir da interpretación da natureza dende elementos creados pola sociedade. Así é como nos atopamos unha cordilleira montañosa dende a conxunción de escuadros e cartabóns cos que medimos esa realidade física, tamén espellos onde se contén a nosa imaxe, palmeiras gabeando por cadeiras, anacos do noso territorio parcelado contido nun curioso límite... en definitiva, percepcións da natureza que nos fan darlle unha voltiña a todo iso que somos quen de facer con ela.

O interesante da proposta de Christian Villamide é a capacidade por materializar ese discurso de xeito formal dunha maneira sempre sorprendente, que procura a máxima implicación do visitante, co cal cada peza establece un tempo de relación ben intensa, un tempo no que tentamos comprender o que se nos quere dicir, pero tamén no que podemos gozar con esa expresividade moitas veces, as máis delas, de manera imprevista, como con ese cordal ou ese feixe de puntas amoreadas que amosa a contundencia do colectivo fronte á individualidade e a sinxeleza.


Maleza medra dende o seu propio título, no que de xeito intelixente xa se presenta a primeira das tensións con esa denominación que alude á natureza, xa dende un condicionante de negatividade, como se esa liberdade da contorna natural fose algo malo, simplemente porque non se adecúa a nosa domesticada mirada ou pola competencia co noso propio hábitat. A raíz desa palabra xa o tinxe todo, calificando a libre invasión do noso territorio, tantas veces cheo de medicións, de limites impostos polos noso sistema métrico ao tempo que posesivo, de aí que ese carácter xeométrico, esas medicións que facemos na permanente limitación do crecemento da vexetación estea moi presente ao largo de toda a mostra. Por ela movémonos a través de diferentes paisaxes que se sitúan ante nós dun xeito case quirúrxico, aséptico, como se moitos deles se arrincasen do gran corpo da natureza para que sexamos quen de concentrar neles a nosa visión.

Atopámonos cun conxunto de obras expresamente creadas para este espazo, de aí que entendan perfectamente cada un dos seus currunchos, como esa hedra de laboratorio que se expande por un longo valado que, sen perder a súa esencia científica ou orgánica, pola interpretación do artista, consegue baixo a nosa visión perder esa conexión que xorde da emoción ao ver e recoñecer unha folla ou unha flor, e que nos leva a sentir ese desapego que cada vez máis temos sobre a natureza polas nosas condutas depredadoras. Do mesmo xeito que esa peza cada unha das pezas da mostra ofrecen sempre un interrogante, un instante de dúbida que non fai máis que situarse ante nós para que nos preguntemos por cómo abordamos esa relación coa natureza, cada vez máis cerca da indiferenza ou o desamor, unha paixón que moitas veces é bo observar dende unha maior frialdade para que atendamos máis a razóns que a emocións, na procura dunha análise que nos faga preguntarnos se é mala a maleza?

Comentarios