Opinión

Un esquife en Nixeria

COMO OUTROS moitos nenos dos oitenta eu medrei rodeado de historias de piratas. A illa do tesouro, Peter Pan que foxe do Capitán Hook, aquel disfrace que me fixeron miña nai e meu veciño Manolo ou aquelas películas vellas que pasaban de cando en vez nas que coñecín a Errol Flynn e Burt Lancaster sen recoñecelos.

Pero os conceptos cambian e moi poucos se teñen modificado máis que o de pirata. Se agora preguntamos a un grupo de mozas que é un pirata probabelmente se nos diga que é unha persoa que se dedica a facer copias ilegais de produtos culturais e informáticos ou a entrar en equipos alleos. A bandeira coa caveira e as tibias asóciase máis ao Rayo Vallecano ou ao St Pauli que a alguén que rouba no mar.

Porén, a piratería segue a existir e ter unha importancia nos asuntos xeopolíticos, como demostra Peter Lehr, profesor na universidade escocesa de St. Andrews, con Piratas. Una historia desde los vikingos hasta hoy (Editorial Crítica). 

Resulta significativo que o autor non sexa historiador da Idade Moderna, senón especialista en terrorismo global. Isto explica as principais fallas da obra. A primeira atópase no mesmo período que abrangue. O inicio aleatorio cos viquingos ignora unha das idades de ouro da piratería: o seu acoso no Mediterráneo Oriental ás tropas de Roma, que só puido eliminarse coa intervención de dous dos principais persoeiros da historia da urbe por excelencia: Pompeio e Augusto. 

A segunda está nun tratamento pouco fondo de certas cuestións que non teñen que ver coa práctica da piratería ou o corso por parte dos ingleses ou os seus principais rivais —españois, franceses, os mendigos do mar holandeses—. Chamará poderosamente a atención ao lector español que Lehr non cite nin unha soa vez a Cervantes, capturado polos corsarios berberiscos nun episodio despois evocado na mellor novela de todos os tempos, e que despache todo o que ocorría en Alxer ou Trípoli en apenas dúas páxinas.

Ben é verdade que o que serve para explicar os erros serve para entender os acertos de Lehr. Parte fundamental da desaparición da imaxe romantizada da piratería é o cambio de imaxe dos seus protagonistas: un occidental ten máis sinxelo identificarse cun nobre que se cansaba de todo e se botaba ao mar no século XVII ca cun grupo de rapaces somalís empobrecidos no século XXI.

Imaxinen a escena. Un fráxil esquife cunha ducia de rapaces nixerianos que semellan estar a pescar, a poucos quilómetros das costas do golfo de Guinea. Un enorme petroleiro que navega con preguiza. De súpeto a barca acelera, colle o ronsel de popa do petroleiro, aparecen uns bazocas do demo, os nixerianos sóltanlle un par de cebolazos ao petroleiro, tiran uns garfos e teñen millóns de dólares na man.

Mais Lehr non esquiva algunhas cuestións complexas sobre a piratería contemporánea. A principal delas é por que eses mozos africanos escolleron o camiño de resucitar a vella forma de facer as cousas —Dinamarca, por exemplo, xulgou uns somalís hai un tempo; os primeiros bucaneiros procesados no país en máis de catrocentos anos—. A resposta é, coma case que sempre, incómoda para os europeos. Saíron estes anos novas sobre os secuestros de barcos españois na zona de Puntlandia... pero eses relatos non recollían as denuncias dos pescadores somalís e as autoridades internacionais sobre a pesca extractiva practicada polos buques españois e franceses, que esquilmaban os caladoiros onde aqueles piratas debían ter atopado o seu sustento. En resume, un asunto con arestas que Lehr resolve de xeito digno, aínda que es caso por veces.

Comentarios