Blog | O Cabaret Voltaire

Un neno que asoma ao baleiro e ao frío

Paul Bowles afirma que o seu pai quixo matalo, que o mantivo uns segundos vestidos de horas colgado dunha ventá, ao frío e ao baleiro. Linllo en Memorias dun nómada, que descoñezo se se publicou en España. A ver, que despois matiza confesando que non pode acordarse porque era un bebé.
Rafael Chirbes
photo_camera Rafael Chirbes. EP

Paul Bowles rebaixa logo a gravidade do intento parricida. Na seguinte frase confesa que, ben, que se cadra esa imaxe tan poderosa dun home asomando á morte a un fillo recén nacido; revela que, ben, foi o que lle contou a súa avoa materna, e acaba por debuxar o contexto explicando que a señora odiaba ao xenro.

A muller de Bowles, Jane botou 16 anos enferma. En Memorias dun nómada Paul Bowles conta que a criada foi envelenándoa durante anos. Pero leo agora unha entrevista que lle fixo Juan Ramón Iborra —publicada en Confesiones (Ediciones B) na que nega ese violencia calada. Sospeita que a serventa lle botaba un feitizo na comida para ter a Jane sometida á súa vontade.

—Non quería matala. A criada utilizou durante anos a Jane, quitándolle cartos. Ela ben sabía que, unha vez que a miña muller non existise, non podería extorsionala máis.

A lectura déixame a intriga de saber en que consistían eses encantamentos. Acordei de Mimoun (Anagrama), onde o escritor valenciano Rafael Chirbes lembra o seu tempo como profesor de español en Marrocos. "Había na poboación numerosas tendas nas que se vendían materiais para feitizos, a maior parte deles noxentos (lagartos, camaleóns, serpes e ratas secas, panos menstruais, vellos púbicos)".

Paul Bowles resolve o pasamento da súa muller nun hospital de Málaga e o enterro no cemiterio local en seis trazos de texto, como se todo o que lle importase fose nese asunto a maldade da muller que a parella tiña ao seu servizo. Non hai masuleo, non hai tumba, non hai nome; soamente un número. O escritor non volveu nunca a Málaga.

Eu pensaba que a dureza emocional de El cielo protector (Alfaguara) era unha esaxeración de novelista.

Chego aos Bowles a través de Saber quién soy. Diario 1997-1999  (Editorial Tres Hermanas) de Laura Freixas. Cando escribiu ese texto escritora andaba nos trinta anos. Empecei o seu diario porque lle teño manía. Enfádame o seu criterio de que as trans deben ser excluídas do movemento feminista. Precisamente elas, que son as que máis sufren por afirmarse como mulleres. Tras esa primeira motivación, descubro outra mais vulgar. Na altura a barcelonesa Laura Freixas está casada cun executivo rico e francés, co que vive en Madrid. Nos diarios vai contando cómo vai apodrecendo a relación, así que a curiosidade me animou a seguir como se fose descubrir un novo Intimidad (Anagrama), onde Hanif Kureishi fai unha crónica detallada da súa separación. 

Leo Saber quién soy sorprendido pola falta de pudor. Freixas móvese entre o escándalo forzado de sufrir a infidelidade do seu home e a reflexión propia de revista do corazón. Pero non me alporiza tanto o que conta como que se atreva a publicar ese  texto tan plano e aburrido. Na páxina 47 canso do cebo que propón a autora de saber se se vai divorciar ou non, e recurro á páxina da escritora en internet, ond me informo de que a relación acabou.

O máis suxestivo que tiro deses diarios son os comentarios sobre Jane Bowles. Paul era compositor cando casaron e ela publicara unha novela. Jane empeza unha segunda, que nunca terminará porque se convence de que a calidade de Paul é maior. Laura Freixas comprende a decisión. Eu non entendo o machismo de deixarse impresionar por un home. Nunca coñeceremos as dimensións que podería ter acadado Jane como escritora.

Paul Bowles viviu durante 47 anos na cidade marroquina de Tánxer. Esta semana estiven lendo diarios, entre a superficialidade de Laura Freixas e a solidez de Diarios. A ratos perdidos 5 y 6 (Anagrama) de Rafael Chirbes.

Chirbes admiraba de Paul Bowles a capacidade "para expresar a paranoia que desenvolven os occidentais que entran en contacto co mundo marroquí: actívase un artefacto explosivo cando se mesturan as relacións paranoicas dos marroquís co afán destrutivo dos saxóns nunha procura dun paraíso que é engano e morte", recoñecendo que a súa primeira novela "ten que ver pouco" coas do escritor americano.

O autor valenciano lembra unha noite en Santiago, onde chegara en autostop. Unha señora dálle de comer e de durmir. Négase a cobrarlle porque ela ten un fillo que anda facendo autostop polo mundo adiante. A muller confiaba en que a súa xenerosidade se convertise nunha enerxía que beneficiase ao seu cativo.

Regresou a Galicia en 1981 como redactor de El Ideal Gallego. Chirbes, que era gai, descubre que non pode escribir a palabra homosexual no periódico. Aguanta uns meses, ata a victoria de Felipe González en outubro de 1982. Esa noite o director chanta na portada a Manuel Fraga en vez do líder socialista baixo o argumento de que o líder conservador fora o candidato que máis subira en porcentaxe. Rafael Chirbes sae da redacción, colle un tren a Madrid e non regresa nin para cobrar.

Todo a pegada dese tempo no Ideal é a confesión de que, aínda sendo recoñecido polos compañeiros como o redactor capaz de escribir a maior velocidade, el envexaba a capacidade dos columnistas para ser "brillantes todos os días".

Vou lendo os diarios co detenemento e a expectativa de descubrir os ataques furiosos contra outros autores. Ando ás apalpadas sobre as palabras para descubrir que me interesan máis as súas reflexións xeralistas. "En política pedir perdón é admitir unha derrota; os seus ritmos e movementos, os seus principios, non teñen nada que ver co que entendemos como humano", escribe en 2007.

Sorprendeume o ataque cargado de carraxe contra Zapatero, que eu teño polo pioneiro dos avances sociais que se están aplicando en España nos dous tempos de gobernos socialistas (Zapatero e Sánchez) coa suspensión catolicona de Mariano Rajoy. Rafael Chirbes considera que os efectos do zapaterismo no pensamento e na literatura son "demoledores". Cualifica de parvos aos que "a convención segue chamando esquerda e a incitación a un rearme da dereita, que a Zapatero lle convén porque lle permite unha soltura tremenda na guerra de trincheira a trincheira, a fácil división entre progres e carcas, e o que consigue é devolvernos a uns fanáticos pesadísimos que críamos pasados de moda e mesmo enterrados".

Engarza esa idea cunha columna de Almudena Grandes en El País que o horroriza porque apoia claramente ao PSOE. "Xa me dixeran que Almudena e o seu marido, Luis García Montero, son dous dos animadores culturais que frecuentan A Moncloa —Sabina é outro deles e, na fronte periodística, Suso de Toro e Millás—. Afirma que chamou a Grandes para explicarlle que a súa columna lle parecía un horror, pero acabou por comunicarse co contestador automático.

Nun apuntamento de diario do 5 de marzo de 2007 Rafael Chirbes extrae dese grupo a Suso de Toro para apartalo do resto. Escolle o artigo De la tribu a Benjamin —publicado ese día en El País— para criticar que define os escritores como "seres depresivos, reis das sombras, cuxa opinión non debe escoitarse porque a sociedade debe organizarse e gobernarse baixo a luz solar. E el todo o día dando opinións a favor de Zapatero: o que De Toro nos di é que calemos os demáis, que pintan bastos" e remata ironizando con que "deixemos pensar aos diurnos Zapatero, PSOE e Grupo Prisa".

Comentarios