Opinión

O neno do ruído

Jimmy Page fundou un dos grupos lendarios do rock, Led Zeppelin, no 68. Pero, como practicamente todo na súa vida, a idea xa se xestara había moito. Da man dun talento indiscutíbel coñeceu o ceo do rock and roll, da man das drogas e do caos baixou aos seus infernos. Perda, traxedia e ocaso. Redención. E unha vella guitarra abandonada. Chris Salewiz asina unha biografía que vén de publicar Timun Mas.

Jimmy Page
photo_camera Jimmy Page

JIMMY PAGE ENCARNOU con gran fortuna a imaxe arquetípica do ‘heroe da guitarra’ durante os últimos anos 60 ata ben entrada a década seguinte. Guitarrista, compositor, letrista, pintor, músico de sesión, home das finanzas ou estudoso do ocultismo, Page fundou —sobre as cinzas de The Yardbirds, o seu anterior grupo— Led Zeppelin. Fíxoo canda John Bonham, Robert Plant e John Paul Jones, converténdose nunha das bandas máis importantes da historia do rock. Fundamentaron o seu éxito na hábil asimilación de clásicos do blues americano —subidos de decibelios e pasados polo baruto da distorsión eléctrica propia do rock duro—, así como na revisión e apropiación sen complexos de pezas doutros músicos contemporáneos (Jeff Beck, Willie Dixon, Muddy Waters). O seu discurso emanaba da concepción vangardista e barroca da guitarra de Page —convertido nun virtuoso non só do instrumento, senón tamén das técnicas de gravación—, a voz felina e punzante de Robert Plant  e a batería salvaxe de Bonham. A intensidade das xiras, a vida na estrada, a vertixe do recoñecemento, a fama e o éxito comercial trouxeron o resto. Para ben e para mal.

Como se dunha premonición se tratase, Jimmy Page (Middlesex, Inglaterra, 1944) nacera ben pronto ao ruído. Fillo único, viviu os primeiros anos con seus pais nas inmediacións do aeroporto de Heathrow. O artista afirma con frecuencia que a soidade lle agradou dende neno. E aos oito, ao pouco de se mudar coa familia a Epsom —nos arredores de Londres—, fuxindo do ruído aéreo, encontrará unha vella guitarra española nunha habitación do novo domicilio. A soas con ela, non parará de tocar até dominar o Baby let’s play house (1955) un dos primeiros discos de Elvis Presley. Canda a afección por coleccionar selos do mundo, emular os solos de Scotty Moore —guitarrista de Elvis— os éxitos de Lonnie Donegan, Little Richard ou o seu preferido, Jerry Lee Lewis, converterase na feliz obsesión dun rapaz máis ben introvertido, pero coas cousas bastante claras e algún comportamento equívoco; no patio traseiro do seu instituto en Epsom había un refuxio antiaéreo. A rapazada entretíñase fabricando pequenos artefactos explosivos en miniatura cunha mestura de sulfato de sodio, herbicida e azucre glas. Pero aquela última mecha que puxeran non prendía, así que Page tivo a idea de colocarlle o fusíbel dun vello motor Jetex. Ninguén se atrevía a poñelo a funcionar e foi el mesmo quen se ofreceu a entrar no refuxio e acender o trebello. Ao pouco saíu correndo cara o exterior. Rebentou todo polos aires e a tomar polo cu. Unha metáfora do que viría.

Por ese tempo, Page fantasía converterse no mellor guitarrista do mundo. Con 14 anos, comunícalle á subdirectora do instituto a súa intención de abandonar os estudos e ser unha estrela da música. Un ano antes, con 13, xa comparecera na BBC para todo o país, nun concurso de talentos xuvenís da televisión, interpretando éxitos ‘skiffle’ da época canda o seu grupo de amigos.

E é que a irrupción do rock and roll en Inglaterra na década dos 50 deixou un forte cheiro a moqueta vomitada, pero deuse a través do skiffle; a rapazada adolescente tentaba emular as grandes figuras puxantes do rock and roll americano, con instrumentos acústicos que fixeran ruído malia non estaren electrificados. Nos cines locais vían The girl can’t help it, onde aparecían Little Richard, Fats Domino, Eddie Cochran ou Jazz on a summer’s day, con Chuck Berry escribindo a Historia.

Entusiásmase co estudo do músico Krzysztof Penderecki e acabará usando un arco de violín na interpretación á guitarra

O novísimo Jimmy xirará durante dous anos con The Crusaders e abandonará debido ás enfermidades contraídas durante as viaxes. Matricúlase na escola de pintura de Sutton, e esta será outra paixón que cultivará con idéntico afán cá da guitarra. Entusiásmase entón co estudo da figura do músico Krzysztof Penderecki e, froito disto, acabará usando un arco de violín na interpretación á guitarra dalgunhas das pezas posteriores de Led Zeppelin. No ano 60, Royston Ellis, poeta da Xeración Beat e inventor do rocketry —mestura de poesía e rock and roll—, coñece o grupo de Page, Red E. Lewis and The Red Caps. Xuntos comezan a se afeccionar polos cartóns recubertos de benzedrina  dos botes de Vick’s e exploran os confíns da noite. Finalmente o poeta prescinde de todo o grupo agás de Page. Pero o seu gran fresco comezarase a xestar nos estudos de gravación. Como músico de sesión, fundamentalmente para o selo Decca, vai tocar con todo o mundo: Clapton, os Kinks, Marianne Faithfull, Jeff Beck, Van Morrison, Cream, os Stones, os Beatles, Humble Pie, Canned Heat... 

Sonny Boy Williamson, un dos bluesman máis importantes da historia chega ao Reino Unido, e grava con Page e con algúns outros un álbum de estudio; todo vai ben ata que o bluesman se embebeda e vólvese difícil seguirlle o ritmo. A estancia do músico norteamericano en Londres non pasa desapercibida: queima por accidente a habitación do hotel onde se hospeda e ofrécelle unhas hostias a un rapaciño de cabeleira rubia que quería saudalo. Ese rapaz chámase Robert Plant. Como vinganza, o futuro cantante de Led Zeppelin cóase nos camerinos e róuballe unha harmónica. Por ese tempo, Page comeza unha relación con Jackie DeShannon, unha cantautora norteamericana que traballara dende moi nova cos grandes do rock. Con ela viaxará en varias ocasións a Estados Unidos e establecerá unha valiosa rede de contactos en ambas costas.

Froito desta interacción continua, a técnica e o coñecemento de Page evolucionarán constantemente, aprendendo o mellor das grandes figuras ao tempo que tamén desenvolve unha curiosidade polas técnicas de gravación e a idiosincrasia do negocio, gañando moitísimo diñeiro. Sendo millonario trasladábase a Londres facendo autostop; cando lle suxeriron que collese un tren, pasáballe a factura aos da banda. Esas circunstancias situárano nunha posición de privilexio para o que virá. Coincidirá brevemente nos Yardbirds con Clapton e Jeff Beck, dous dos guitarristas máis importantes do mundo. Para cando xa non queda ninguén do grupo orixinario, están John Bonham, John Paul Jones, Robert Plant máis el. O grupo aínda se chama The New Yardbirds cando realizan unha estraña pero fundacional xira por Suecia, Noruega e Dinamarca. Actúan, entre outros lugares exóticos, nunha cadea de ximnasios daneses.

E no 68 fundan Led Zeppelin. A aventura comezou.

Desta volta, axiña prenderá a mecha: só viaxan, tocan e marchan a outro lugar. Non conceden entrevistas, non acoden á televisión; Page afonda no coidado da súa estética e define en parte o canon de vestimenta da rockstar dos setenta. Envolve con intelixencia a súa actividade arredor do interese pola obra de Aleister Crowley, un ocultista e poeta coetáneo de Yeats.

O grupo secunda cada disco con xiras cada vez máis grandes e ambiciosas, e a este dobre reto de producir cada vez mellores discos e presentacións máis multitudinarias, engade un terceiro reto: cada vez dróganse máis. Nesta viaxe ao precipicio xogará un papel fundamental Peter Grant, un representante indomábel con formas máis propias da mafia que doutra cousa. Aterran de pleno na épica clásica do xénero: sexo, drogas e rock and roll. Desmesura e mansións. Limusinas e estrelas, innúmeras parellas e o caos na vida persoal.

Non importa moito a orde: transitaron por un lugar que poucos percorreran e para o que ninguén tiña un manual de instrucións. Explotaron a sexualidade das letras e das poses, comportáronse coma auténticos salvaxes: o batería John Bonham converteuse nun especialista en guindar televisores polas fiestras dos hoteis, expulsáronos de por vida de varias cadeas hoteleiras, incluída a dos hoteis Hilton. Peter Grant sempre pagaba a conta. Nunha ocasión, logo de chantar un feixe de billetes riba da recepción para pagar a factura de doce televisores no hotel Hyatt de Los Ángeles, o recepcionista dirixiuse ao representante: «Señor, sempre foi o meu soño poder romper un televisor». Ao que Grant respondeu guindándolle outro feixe de dólares canda os outros: "Pois toma e fai voar ben alto eses fillos de puta".

O fenómeno de Led Zeppelin presentaba un precario, pero constante equilibrio

A partir de aquí nada nos debera sorprender: avións privados e o abrazo do oso do capitalismo desaforado. Unhas 90.000 persoas por estadio, cocaína a eito ao lado dos instrumentos, sexo no transcurso dos concertos, estritas normas para se dirixir aos membros da banda, esixencia de dispoñer sempre de centos de miles de dólares para gastos, e Jimmy Page sendo trasladado en ocasións en padiola ata o escenario, acusando talvez o abuso da heroína. Posteriormente tentará sacarse co método de Keith Richards: cocaína e alcohol.

O fenómeno de Led Zeppelin presentaba un precario, pero constante equilibrio. Sucedéronse os discos de ventas millonarias coas xiras nun breve intervalo de anos e os catro primeiros (Led Zeppelin I, II, III e IV) convertéronos nun grupo lendario. Jimmy Page, metódico e visionario, non ía renunciar a plasmar en álbums cada vez máis traballados a súa ambición artística. Ao tempo que se pechaba nos estudos de gravación, intuía que o resto do exceso e da viaxe se plasmarían dalgún xeito na súa música. O rock responde un pouco a iso, a que non acontecerá nada se non estás en movemento, se non hai un conflito que sirva de detonante, unha procura que o comprometa todo. Encargoulle á marca Gibson unha guitarra de dobre mastro para poder executar as diferentes liñas de guitarra que realizaba en varias das cancións. Cada concerto provocaba altercados de orde pública na cidade que albergaba a actuación. O recoñecemento é masivo. Pero para o ano 75, o consumo de estupefacientes xa se xeneralizara entre todo o personal que acompañaba o grupo.

E así chegamos ao 26 de xullo de 1977.

Estadio de Oackland. 60.000 persoas. Namentres Page e Plant tocan en formato acústico a luminosa Going to California, unha estraña pelexa ten lugar na zona de caravanas dos músicos. Bonham e Peter Grant, totalmente intoxicados, están dándolle unha palerma de hostias a outro representante por non se sabe moi ben que motivo. Despois o batería volve para o escenario. Remata o concerto.

Robert Plant recibe unha chamada dende Inglaterra. O seu fillo Karac morreu. Tiña cinco anos. Acoden todos ao enterro en Inglaterra; agás Page, que se vai de viaxe ao Cairo. Botará anos nunha viaxe moito máis longa e estraña. E en 1980, John Bonham aparece morto nun sofá, afogado en vómitos. Estes dous feitos sumirán ao artista nunha longa e profunda depresión que o fará recluírse no castelo onde vivira Aleister Crowley, o ocultista maldito.

Pasados os anos volverán as xiras canda Plant e mesmo o fillo de Bonham á batería. Seguirán os discos, e unha actividade febril e metódica de Page ata a actualidade, un milagroso sobrevivinte, enclaustrado nos estudos para fixar o legado do grupo, con sucesivas edicións cada vez máis refinadas e completas do inxente material acumulado. Ao tempo, parece percorrer certo camiño de redención, desenvolvendo diversos proxectos benéficos en distintos lugares do mundo. Levarán unhas vidas algo máis ordenadas e saudábeis, pero nada volverá ser xa o mesmo nin ten o mesmo interese. Porque non o pode ter. O rock nútrese das ganas de vivir e da xuventude que ascende polo arco da vida, un momento moi concreto no que aínda é todo posíbel. Estrañamente, o pasado é un pouco así, un eco incerto de amplificador por onde esvara o tempo, coma o ceo ruidoso de Heathrow, cando o rapaz solitario quixo ver que había ao fondo do refuxio. E facelo rebentar.

How the west was won
Máis de dúas horas de rock and roll, blues e distorsión que rexistran o poderoso directo da banda, que lles fixo conquistar a Costa Oeste. O virtuosismo de Page, os ouveos de Plant e o metrónomo salvaxe de Bonham na batería. Inmigrant song, Heartbreaker e Black dog abren esta xoia, onde posibelmente estea a mellor versión de Going to California. E claro: Stairway to Heaven, Rock and roll ou Whole lotta love.

Comentarios