Opinión

Paciencia e memoria

Xabier López López fai da súa Contrabiografía un xeito de explorar o xénero autobiográfico entendido como unha desculpa para narrar a unha colectividade, sinalada pola súa localización xeográfica e os feitos históricos e cotiás que sedimentan na memoria.
Xabier López. AEP
photo_camera Xabier López. AEP

ESCRITOR sempre á contra, Xabier López López publica no selo da editora Galaxia a súa nova novela, Contrabiografía, na que propón unha biografía que, coa desculpa do eu, esténdese ao nosoutros, ao colectivo que supón a tribo das terras do Mandeo e a ese arco ártabro que baliza toda unha posición singular fronte ao resto do universo no que a xeografía, o clima, os acontecementos históricos e a narrativa lexendaria forman parte de cada unha das conformacións persoais daquela veciñanza.

Ese canto a eses veciños, a loa do colectivo é o que lle serve a Xabier López para trazar unha biografía que ao final remata sendo máis do grupo que do individuo. Para iso gusta o escritor de singularizar unha serie de relatos que ao final funcionan como os elos dunha mesma cadea, fragmentos dunha vida ou vidas que toman todo o seu sentido en canto se poñen en relación uns con outros e que permiten fiar o que supón ese equilibrio idiosincrático entre elementos anecdóticos, de relevancia no eido máis próximo do protagonista, ou os acontecementos históricos, para irse todo superpoñendo nun proceso de estratificación que o propio escritor nunha das parrafadas coas que interpela ao lector, converténdoo en parte do proceso de escritura do libro, relaciona coas capas dunha cebola, e como, no referido ao tempo, o seu carácter lineal pode ser moi discutido en canto á hora de explicarnos.

Esas dúbidas sobre cómo entenderse co tempo conxúganse co outro pilar da estrutura que traballa Xabier López, á que lle outorga tanta importancia ou máis que ao propio argumentario, como é a ubicación dese territorio e de que forma esa configuración inflúe no acontecer diario das persoas e nos feitos históricos que teñen que ver coa creación de infraestruturas como pontes ou sucesos relacionados coa represión na Guerra Civil.

Ambos elementos son ben importantes porque, como acontece coa escritura de Xabier López, sempre atopamos un ir máis alá naquelo que nos pode semellar un feito sen máis acrecentando as posibilidades do relato. Así, as pontes, tan relevantes na historia e historias que se contan, supoñen tamén unha sorte de metáfora arredor deses saltos temporais, dese moverse cara atrás e cara adiante sobre os sillares da memoria. Pontes como a do Pedrido, pola que o rapaz Xabier cruzaba para ir ata o Ferrol, «cidade materna», e que forman parte desa memoria íntima, levándonos a falar de persoas, de lendas familiares e mesmo colectivas, en definitiva, a ponte como un xeito de fala, unha canle para establecer relacións entre as persoas ou, como nos ilustra Xabier López noutro deses fragmentos metaliterarios, cando alude a Ivo Andric e o seu libro Unha ponte sobre o Drina, no que ese paso é un símbolo: "A ponte como superación da incomunicación".

O outro ingrediente narrativo sobre o que o autor nos leva á reflexión é a cómo se contan os sucesos que quedan levedando dende o fermento do paso dos anos, e de que maneira a realidade enfróntase ás versións que os protagonistas contan dun acontecemento. Aquí esa dualidade amósase a través dun deses relatos que aínda se manteñen en moitas vilas sobre a represión durante a Guerra Civil. Feitos que forman parte desa memoria aínda agochada a carón dunha lareira, pero aos que todavía custa moito acceder por parte das novas xeracións interesadas en darlle a relevancia que precisan como parte dese proceso de memoria histórica tan necesario para zafarnos desas pantasmas aínda hoxe demasiado presentes na escuridade dun tempo que nunca se debería esquecer.

Todo ese pasado forma parte de nós, e Xabier López sabe que acudir a el é a maneira de entender como somos cada un de nós. En tempos de mirada curta sobre as cousas, facer unha biografía supón darlle cabida a todo ese sedimento de historias familiares, de emigrantes e de feitos cotiás que acadan a súa relevancia en canto foron os nosos os seus protagonistas. Aqueles que participaron dun tempo pasado sen o que o presente pouco sentido tería e ao que o escritor acode para debullar, dende a paciencia, a memoria que el mesmo é.