Opinión

As particións do Reino

Ao reparto de Galicia, en 1090, entre Raimundo e Henrique de Borgoña, que máis adiante daría lugar ao reino de Portugal, hai que engadir toda unha serie de particións que, ao longo da Historia, fóronnos afastando a uns galegos dos outros.
Antonio Fernández Morales. WIKIMEDIA
photo_camera Antonio Fernández Morales. WIKIMEDIA
A salomónica sentenza de 1484, que dividía as posesións do condado de Lemos, coa creación do Marquesado de Vilafranca do Bierzo, que incorporaba as terras bercianas dos Lemos, e a apropiación de Ponferrada por parte da Coroa en 1486, afastou do Reino aos territorios orientais, que agora empezaban a mirar cara ao seu novo señor, Luis Pimentel, fillo dos duques de Benavente.

A esta segunda partición aínda haberían de seguir outras, destacando especialmente as que perpetrou o Estado liberal no século XIX.

O 16 de outubro de 2021, mentres eu asistía, no Teatro Vilafranquino, a un acto que conmemoraba o 200º aniversario da creación da provincia de Vilafranca do Bierzo, que incluía Valdeorras, durante o Trienio; uns amigos celebraban en Compostela unha cea de desagravio, tamén polo 200º aniversario da partición e desaparición do Reino de Galicia. De feito, o último vestixio do vello reino é a ofrenda que anualmente se realiza en Lugo, polos alcaldes das antigas capitais, ao Santísimo Sacramento. A división, xa definitiva, de 1833 acabaría por consolidar a partición.

A creación do Estado autonómico a partir da Constitución de 1978 viría a afondar as diferenzas legais entre os galegos que viven dentro dos límites administrativos de Galicia e os que quedamos fóra.

Galicia recuperou o seu dereito foral, en pleno franquismo, coa Compilación de 1963 que, paradoxalmente, tamén era aplicable a determinados territorios das provincias de Oviedo, León e Zamora. Coa democracia, este dereito foral, unha vez mellorado, só é aplicable, na práctica, na Galicia administrativa. Tecnicamente a vella compilación seguiría vixente, nos territorios exteriores, pero non deixa de ser un fósil do que ninguén se acorda.

O estatuto de autonomía oficializou a lingua galega e introduciuna no ensino. Mentres, os territorios comprendidos entre os límites da Galicia administrativa e a isoglosa, quedaban da man de Deus, ou peor aínda, dunha administración que negaba a súa galeguidade

Da loita, nos 80 e 90 do século pasado, de colectivos como a Mesa pra Defensa do Galego no Bierzo e da Cultura da Comarca, a Escola de Gaitas de Vilafranca, Fala Ceibe do Bierzo, o Instituto de Estudios Bercianos ,ou agrupacións electorais como Renovación do Valcarce, conseguiuse, xa no 2001, a pesar dos continuos atrancos da Junta de Castilla y León, introducir timidamente, pola porta traseira e de modo desigual, o galego no ensino.

Moitos deses rapaces que aproveitaron o programa son xa homes e mulleres feitos e dereitos, que utilizan a lingua sen complexos. Unha desas rapazas é Sara Rodríguez Fernández. Sara naceu en Carracedelo un ano antes de que Xunta e Junta asinasen o convenio de colaboración. Cursou os seus estudos de Eso e bacharelato no Ies Bérgidum Flavium de Cacabelos, acolléndose ao programa de galego, non sen dificultades, xa que a materia de Lingua e Cultura Galegas impártese fóra de horario escolar, polo que era súa nai quen se tiña que encargar de ir buscala desde Carracedelo.

Sara pertence a unha familia na que xa se perdera a transmisión da lingua, falándoa unicamente seus avós. E de oírllela aos avós naceu o seu amor por ela. Rematado o bacharelato, cursou o Grao de Tradución e Interpretación (español-inglés) na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Posteriormente cursaría o máster en Tradución Editorial na Universidade Internacional de Valencia.

Durante os seus estudos de grao asistiu a unha conferencia de Carlos Xesús Varela Aenlle, autor do Dicionario do Galego de Asturias. Foi durante esta conferencia cando empezou a madurar a idea de facer algo parecido co galego do Bierzo como traballo de fin de grao (TFG).

Foi seu director de TFG, Alberto Álvarez Lugrís, quen a puxo en contacto con Xosé Henrique Costas, catedrático da devandita universidade e experto nas falas exteriores. Ningún dos dous directores pensou que do traballo de Sara fose xurdir un dicionario. Tratábase de facer un traballo digno para superar o TFG. Non había tempo para facer moito traballo de campo e o labor de Sara consistía en expurgar textos e glosarios de autores bercianos en lingua galega. Para sorpresa dos seus directores, Sara acabou xuntando e depurando quince mil palabras. Dito doutro xeito: acabou compilando o Dicionario do Galego do Bierzo.

Este dicionario é, como todos os dicionarios, unha obra aberta e incompleta. Provisionalmente hai un correo electrónico no que os bercianos podemos facer achegas, suxerir e propoñer correccións. Así, nuns anos teremos unha obra comparable á do citado Carlos Xesús Varela Aenlle, que foi a súa tese de doutoramento.

Este dicionario debería ser tamén unha obra superflua e innecesaria, xa que non debería haber un galego exterior nin un galego do Bierzo, senón simplemente un dicionario do galego que recollera todas as variantes. E de habelo, quizais haxa que pense que debería ser a Academia quen se encargase desta tarefa. Non sendo así, o actual Dicionario do Galego do Bierzo amósasenos como unha obra imprescindible.

No ano 1861, o cacabelense e, por aquel entón comandante de infantería, Antonio Fernández y Morales, daba á imprenta os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano, nos que se recolle un poema dedicado á Virxe da Quinta Angustia que comeza deste modo: "No mesmo medio do xardín berciano/ Onde situada estuvo a populosa/ Bergidum Flavium qu’o poder romano/ non pudo defender d’a belicosa/ xente Goda; n’un val que rega ufano o/ Cua, ó pe d’o Castro d’a Ventosa,/ Véise unha villa d’o  xardín delicia,/ Porta de flores d’a feraz Galicia". Dese xardín berciano que di Morales, o Dicionario do Galego do Bierzo é a súa máis recente e preciosa flor. Agardamos que medre volva brotar mil primaveras máis.

Comentarios