Opinión

Quen le as páxinas de cultura?

A xente cabal comeza o periódico polas esquelas, que din sempre o mesmo agás o nome do protagonista —que o é moi ao seu pesar—.
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Tom Cruise e Nicole Kidman en 'Eyes Wide Shut'. INTERNET

NON HAI que meterse na vida dos veciños nin presuporlle a ninguén a saúde polo físico, pero este Manolo dos Queixos hásenos matar, e vai ser comendo. Agora que é o tempo dos cocidos queda cos amigallos do whatsapp e aló van co coche ata Lalín, á Fonsagrada, a onde toque: moita leria coa Taylor Swift e os seus vós de media hora co jet privado, pero o Renault Laguna de Manolo non ha quedar moi atrás guindando C02 a atmosfera. Que estes son ben capaces de ir tomar as filloas da sobremesa a Melide, que total xa que estamos, e o licor café ao Castro Caldelas. Logo subirán as fotos da papatoria en plan natureza morta barroca ou voda galega dos 80, algo tremendo e inasumible para estómagos e ollos humanos. En nada engancha ca temporada da lamprea, das empanadas de calquera cousa, de algunha especie animal en inminente perigo de extinción; quen sabe se por non perder canto evento gastronómico hai terano contactado para algo máis exclusivo, tipo as festas de Eyes wide shut, e deixarán na porta os móbiles nunha bandexa de prata antes de saborear bocados inconfesables entre cortinóns de veludo.

Con el non teño confianza dabondo como para soltarlle "Manolo, córtate un pouco que estás para levarte á feira", pero Carme, a muller, mándame uns sinais de auxilio que considera discretos. Dime que andan a ver se lles instalan un balón gástrico, como se fosen as ventás de climalit na casa, pero o repunante do médico nada, insiste en que primeiro, dieta. E segundo a vai recitando queda sen aire por longa e horrorosa, tal fose enumerando os nomes todos que a demonoloxía reserva para Satanás. Que se non saberei eu onde fan esas cousas por vías máis informais, que ando todo o día co móbil e escribo nos periódicos. En Turquía faise de todo. Respóndolle moi sincero na miña ignorancia, eu ademais fago cousas de Cultura, así por escapar do tema.
—Bueno, por algún sitio hai que empezar. Se ven que vales xa che mandarán ás páxinas importantes.
—Si, estou a ver se me dan as esquelas.

O normal no fútbol e na vida é perder, e na escritura non ser lido. Se ata os que temos a extraordinaria ventura de ser publicados caemos na teima, non sei se o saben vostedes, de non botar os ollos sobre o texto despois de entregalo; por aquilo de pasar ao seguinte e esquivar un incómodo ronsel de correccións imposibles e pudores a destempo, e queda o artigo sen que o lea ninguén. Logo que podes estar tan encantado de ti mesmo como Fellini, que cando ía aos Oscars metíase nos cines non para ver as pelis dos demais, senón a súa propia. Pero sendo Fellini como para non estar encantado. David Lynch antes da primeira estrea mandou carta a casa: "Mamá, papá, por favor non vexades Eraserhead —está en Filmin para quen non sexa familia— e se preguntan os veciños decídelles que ese director non son eu".

Porque claro, a invisibilidade é un luxo comparada ca idea que outros podan facer do que tes na cabeza. A parella de Pablo F. Barba, autor da tremebunda —por sórdida, potente e maldita— Transición (Urco, 2016) saltoulle cun pero ti non podías escribir algo, non sei, bonito e a determinación de non volver a eses regos. Achegarse á literatura con morbo e voyeurismo é moi correcto, complementan a egolatría de quen escribe, pero hai que tomalo ca distancia e a precaución de que son, ante todo, mentiráns. Se non pasa como os pais de David Lynch, que van chamar preguntando neno, estás ben, necesitas falar. As mellores novelistas deste país (Eva Moreda e Berta Dávila), montan personaxes e situacións perigosamente confundibles con elas mesmas. A hipnótica Para toda a vida (Aira, 2021) e recén chegada A ferida imaxinaria (Xerais, 2024) son desas historias tan persoais, tan únicas e verdadeiras, que un debe lembrar a cada pouco que non viola intimidade ningunha e non pasa nada por dicir ai señor que apuro, eu podería estar aí. A potencia desoladora do cotiá tamén nos asalta noutras dúas novidades: a ferinte mansedume de Mario Caneiro en Happy End (Morgante) e a entusiasta desubicación de Afra Torrado en Fago o que podo’(Rodolfo e Priscila).

E con isto, se quen pasa os dedos por estas páxinas —coa xentileza da exploradora que a machetadas abre a selva buscando unha cidade dourada— atopa unha gracia, unha idea ou o tempo que tarda en ferver un cocido, entón podemos dicir: len as páxinas de cultura pola intensa e a sorprendente marabilla que é a vida.

Comentarios