Opinión

Quince xaponeses cruzan unha praza

Fun facerme camisetas novas. Encárgollas a un home que se parece a Marlon Brando por vello e por orondo. A gráfica está nun arrabaldo campestre ao sur da cidade, segundo se vai a desmán de todo. A emoción de acudir a ese almacén de roupa amoreada é que el che cobra con voz áspera e en papel como se fose o teu provedor de fantasías ilegais 
imgData

UNHA DAS camisetas ten o lema en francés do verso de Verlaine: "...ao vento malvado, que me leva". O poeta escribiuno con 22 anos. Noutra camiseta lese O Baile da Vida. A frase quiteina do peito tatuado de Damiano David, o cantante que vén de gañar Eurovisión co seu grupo. En Italia non hai grupos de rock ruidoso porque todos visten como modelos de Giorgio Armani. A banda chámase Maneskin, que significa luar en dinamarqués. Luar, como se Xosé Manuel Gayoso non fose un presentador, senón un concepto europeo. Damiano ten 22 anos. Asume e reproduce o glam rock . O seu público son rapaces deslumbrados que non saben quen é Marc Boland nin os T Rex; aos que, tal vez, lles soe David Bowie dalgún anuncio de Tik Tok. Se lles falan de Mocedades o resultado sería o cero absoluto.

Os mozos ignoran os deuses. Esta noite soñei co discurso de Sócrates aos discípulos mentres cumpría a condena de suicidarse. Recoñecía que el escollera a pena, pero a cicuta ía amarga de máis para ser bebida en público. Lamentaba que a serenidade que paseaba pola Acrópole quedase esborranchada por un escorzo punzante ao final do seu tempo. Os nobres franceses comían o faisán ao coñac -grande coma un repolo de Betanzos- no salón principal do pazo xunto cos seus convidados, pero as sobremesas transcorrían nas cociñas. Os serventes cedían a súa mesa --feita con tres cadaleitos de nogueira pobre-- para que sentasen os señores. Na mesa de desollaban as aves aprezaban toda a potencia de sabor e de cheiro que o fungo hongo Penicillium roquefortii concede ao queixo. Naquel espazo cotroso e manchado de carbón untaban os toros de bóla do país con anchos coitelos de prata. No comedor oficial quedaran os ridículos boliños de pan. A sensación que me provoca ese costume devólveme Lixeiro (Xerais), o último poemario de Ismael Ramos: "A mesa da cociña é estreita e me serve de escritorio. Pola mañá despezamos un coello nesta mesma táboa".

O malo da aristocracia francesa é que podía pagarse a natalidade. Os seus netos e bisnetos acabaron maldividindo a dereita en bonapartista, orleanista e lexitimista. O socialista arrepentido Macron levou o gato para a súa auga falando no que os franceses chaman langue du bois (Lingua de madeira).

Sócrates debería citar a Ismael Ramos cando falaba para os mozos que choraban o pasamento do sabio grego: "Quería explicarvos o paso do tempo. Esa alucinación". Tras o enterro, os discípulos seguirían lendo a Ismael pola súa conta, sen que o seu mestre achegase unha lámpada de aceite aos versos: "Esa noite, na terraza fronte ao monte Louro, na boca do océano, os amigos falamos dos deuses e da tecnoloxía. Todo aquilo que escapa de nós e inventamos". Como dicía Charles Bukowski, en vez de buscar unha parella coa que envellecer, deberíamos buscar unha parella coa que continuar sendo novos.

Fran Lebowitz defende que Thomas Edison inventou a bombilla para favorecer a lectura nocturna

Sócrates andaba dicindo que as ideas non son postas polos deuses nas cabezas coma unha pomba que pare un ovo dourado, senón que nacen da intelixencia mesma. As autoridades conderáronno a morte. Ás veces o pecado non está nos avances que logras, senón nos argumentos que defendes. Miguel Servet, que era alto, escuro, moreno e túzaro, descubriu a circulación pulmonar; que xa tiña o seu delicto. Pero dixo en 1553 que "adorar á Santísima Trinidade é coma adorar un can con tres cabezas". Aínda hoxe soa a barbaridade. O verdugo púxolle un sombreiro de palla impregnada de xofre, entregoulle un exemplar de Christianismi restituo e prendeu lume na fogueira que lle sementaran baixo os pés.

Fran Lebowitz defende en Un día cualquiera en Nueva York (Tusquets) que Thomas Edison inventou a bombilla para favorecer a lectura nocturna. Pregúntome estes días para que inventou Ayuso a Oficina del Español. A ver, imos ao fondo da iniciativa. Non me sorprende que haxa un español ao que lle monten unha oficina con horario lixeiro, pero temo que ela se refire ao idioma. Dóeme na parte alta do peito que confíe a miña lingua materna a Toni Cantó, quen cabalga de partido en partido. Recoñezo que, aínda que o actor valenciano escriba coma se anotase os xatos sacrificados nun matadoiro, é bastante capaz de expresarse en castelán e que se lle entenda. Pedro Sánchez anunciou que a economía española subirá coma un foguete do Apóstolo e Toni Cantó escribiu con temor: "Cruzemos los dedos". Toni cruza os dedos con en todos os tempos verbais.

O señor que me fai as camisetas copia os lemas en francés, inglés e italiano que lle encargo sen preguntar que significa. Non desconfia de estar traballando para a Internacional Situacionista de Guy Debord. Calquera día lle levo unha frase en latín. Gústame un lema de Marco Aurelio que a xuventude actual repite como se a inventara un gurú de Tik Tok: "Vive como se non houbese mañá".

A semana pasada a miña nai ensinoume a casa onde vivían os irmáns que formaron Mocedades. Na rúa Esperanza, nas Siete Calles; en Bilbao. O edificio é azul mariño, abalconado, co limiar pintado en branco e macetas preñadas de xeranios vermellos. Os irmáns Uranga quedaron segundos en Eurovisión coa canción Eres tú. A casa é xeitosa para unha familia numerosa. Mirando a fachada entendín que, se tes moitos fillos, é máis barato poñelos a cantar xuntos para que teñan un emprego que pagar unha carreira universitaria a cada un.

Cando me volveu a cor á cara descubrín que estaba rodeado de xaponeses baixiños e temerosos que se me pegaran. Parecían un exército de bonecos de plástico Play Mobil .

Sócrates confiaba na mocidade. Eu tamén, a pesar de que está convencida de que Eurovisión é un invento de Conchita Wurst para poder lucir un traxe de lentexoulas pegado ás cadeiras a xogo cunha barba recurtada. Pero sabe quen é Damiano David, nacido en Roma hai 22 anos.
Ismael Ramos escribe que "os romanos cruzan a rúa sen mirar". Nunca viviría en Roma. Non soamente porque non soporto a idea de que a cidade foi construída por bebedores de mulsum, un viño adozado con mel que se pega nos dentes. Tamén porque me gusta pasear sen rumbo. Botaría o día asustado polo proceder romano na conducción.

Unha vez estaba atravesando unha praza cerca do Campodigoglio; o vello Capitolio, onde está a estatua de Marco Aurelio. É tan ancha que ten un illote para a salvagarda de peóns no medio. O semáforo púxose en verde para atravesar a calzada. Aínda que sei que as cores dos semáforos de Roma son orientativas arrisqueime. Quedei no medio do illote tras ser ameazado de morte por un Fiat vermello e unha moto de Glovo. Cando me volveu a cor á cara descubrín que estaba rodeado de xaponeses baixiños e temerosos que se me pegaran. Parecían un exército de bonecos de plástico Play Mobil . Un deles, o menos pálido, izaba un estandarte azul para non dispersar o grupo por aquelas rúas de tráfico facineroso. Miraban para min pedindo misericordia. Daquela sentín no centro do peito a responsabilidade de levar unha quincena de orientais ao outro lado da praza sen que ningún deles fose mancado pola voraz loucura automobilística.

A Fran Lebowitz gústalle Roma "porque non traballa ninguén e cando chove, e chegan a darse conta, bótanlle a culpa a Milán". En Un día cualquiera en Nueva York conta que estivo dúas semanas dos anos 70 en Roma e contabilizou cinco folgas xerais. "Ir á folga en Roma é máis unha cuestión de estilo que de economía". Aprecia que "é unha cidade curiosa mires por onde a mires. Fellini non facía películas, facía documentais". Damiano David viste ben, como todos os romanos. Nunca vas velo con camisetas de lemas impresas en Lugo. Parece milanés. "Hai dúas clases de persoas en Milán: as que traballan para Vogue e as que non", analiza Lewobitz, quen advirte de que os milaneses que non traballan para Vogue levan a mesma vida social intensa que as outras.

Comentarios