Torrente Ballester, entre a fuga e a saga

Gonzalo Torrente Ballester. AEP
Vin en persoa un Gonzalo Torrente Ballester e souben doutros por referencias. O seu neto Marcos Giralt Torrente acaba de completar ese retrato.

CONFERENCIA de Gonzalo Torrente Ballester á que asistín foi no campus de Santiago; entre 1983 e 1986, que foi cando vivín na cidade. A sala era pequena, decorada en branco e vermello. Lembro o novelista elevado levemente nun estrado, detrás dunha mesa, como se todavía dese clase. Víase un vurullo inmóbil e pardo, con alma de oliveira desecada pola idade, cunha voz solemne e xuvenil. Sobresaían dous ollos negros tras unhas gafas de toupo. Falaba a modo, como todos os persoeiros que saben que ninguén os vai importunar cun comentario. Tanto el como os escoitantes sabiamos que a charla era un trámite. Eu asistira porque vira a Charo López en Los gozos y las sombras e porque lera Fragmentos del Apocalipsis, unha divertida desmesura compostelá. Pareceume un vello inofensivo e socarrón.

Eu sabía que militara no Partido Galeguista desde 1934 e que dous anos máis tarde recibiu a o asasinato de Calvo Sotelo coa ilusión dun martirio necesitado de redención violenta e que en 1937 entra no Grupo de Burgos, formado por intelectuais que respaldan aos militares golpistas.

Andados os anos souben que Suso de Toro o situaba como fervoroso falanxista nos anos feroces. Suso limpa e renova a súa ideoloxía cada década, así que desconfío del porque, en consecuencia, o seu criterio varía. Despois accedín a confesións directas dos amigos de Torrente: Lois Caeiro, Alfredo Conde e Ángel Basanta. Os tres coinciden en amosarmo como un home grato, culto, retranqueiro e entregado ao eterno feminino. Nunca falei con Carlos Casares. Lin algún texto, que se me perde na fraga do pasado, no que Casares fala da amizade entre ambos. A miña hipótese con Casares é que nunca confundía os amigos con intereses, e que prevalecían os intereses.

Vou concluír este tramo da reflexión. Torrente parecíame un fascista convencido que acabara desencantado dese inferno ideolóxico, un novelista notorio con temas e argumentos paganos aos meus intereses e unha persoa cun fondo de bondade.

Hai uns días chegoume 'Los ilusionistas', que Anagrama lanzará o mércores. Nunca lera a Marcos Giralt Torrente. Despois de facelo, non se me ocorre un autor vivo que escriba tan gloriosamente en español, con esa precisión na fondura e con esa riqueza de recursos literarios. Os ilusionistas do título son o seu avó Gonzalo Torrente, a súa avoa Josefina Malvido  e os catro fillos de ambos, entre os once que alumeou o novelista ferrolán. Giralt Torrente pon a súa familia no escenario e vai espíndoa corpo a corpo.

Los ilusionistas é unha lección de anatomía que se move entre o realismo sucio e unha misericordia gobernada polo cariño. No libro hai un demiurgo, Gonzalo Torrente Ballester, que marca o universo coa forza da súa ambición. El acaba por lograr o recoñecemento, pero queima no altar do aplauso as cinco persoas que se sacrificaran para que o acadase. Levo toda a mañá dubidando do enfoque desde o que debo abordar Los ilusionistas. Decidín facelo por dúas mortes.

En 1958 morre Josefina. O seu marido reúne os catro fillos diante da cama na que un asma salvaxe vén de levar a nai. Failles xurar que se van manter unidos. Dous anos máis tarde o páter noster que oficia esa ceremonia, Gonzalo Torrente Ballester, está casado con outra muller. Duplicará con esta sustituta o número dos seus fillos.

Os catro primeiros siguen adorando o tótem literario, continúan querendo ser Torrente Ballester —cada un ao seu xeito—, manteñen a cegueira de sentirse insustuíbles  no desembarco do pai en Madrid, no seu soño de Ícaro de ver as iniciais GTB en letras de molde. Viven en Galicia coa nai sen ver o pai durante doce anos. Ás veces carecen de zapatos para o inverno e sempre saben que o chocolate é para as visitas.

Los ilusionistas é unha reconstrucción epistolar e unha memoria familiar de Torrente Ballester operada polo seu neto Marcos. Segundo o informe de conclusión, a vida da súa primeira familia están rexidas polo correo regular. Nas cartas que manda desde Madrid á casa galega, a divinidade paterna determina cada pregue das vidas infantís. Tamén imparte indicacións a Josefina sobre o xeito de vestir e comportarse segundo o catálogo social matritense. No ámbito máis privado, Gonzalo leva o calendario de ovulación da súa muller e programa o seus regresos ao fogar familiar en función da intensidade da regra e do asma da súa muller; enténdanme, supeditada á disposición sexual dela.

A segunda morte sobre a que lles quería falar é o falecemento do propio escritor, en 1999. Máis que detérmonos no pasamento en si, acompáñenme á revelación do testamento. Falamos das últimas vontades dun viúvo rico cara á segunda muller e os once fillos dos dous matrimonios. A derradeira decisión de Torrente é que os catro primeiros, os que sufriron a súa egolatría, non reciban nada. O escritor decidira que xa lles dera abondo en vida. A queixa reiterada dos perxudicados é que non os axudou cando llo foron pedindo.

Os catro sufriron unha tara no seu intento de emular o pai como escritores, lectores, tradutores ou famosos. Os catro tiveron éxito fracasando. O irmán maior, Gonzalo, sobreviviu malgastando o seu talento literario como estafador bancario e sabreador de amigos. María José alimentouse de ser lectora devota en clausura. Marisa, a nai de Marcos, foi unha sonámbula que se disfrazou de galerista de arte e radiofonista cultural. Javier abandonou a carreira de Física, foi enlace internacional dun partido comunista privilexiado en Moscova e acabou perfeccionándose en non ser nada.

A miña incertidume despois de rematar Los ilusionistas é saber quen foi Torrente Ballester. Agora paréceme un personaxe talentoso en fuga para chegar á notoriedade, un déspota que botou sal na terra fértil da súa saga. Talvez unicamente foi Gonzalo, demasiado humano.