Opinión

Veludo subterráneo

Todd Haynes explora no documental The Velvet Underground a breve traxectoria dunha das bandas a posteriori máis influentes da historia do rock. Capitaneada por Lou Reed e John Cale, foi lanzada por Andy Warhol e habitada pola enigmática Nico. Pero o final era inevitábel, Lou Reed contiña multitudes.

EN 1964 enerxías diversas irían xurdindo na arte. Os límites tradicionais experimentarían unha fenda importante e novas formas sintéticas comezarían a emerxer. New York era un dos epicentros dese movemento: a danza, a escultura, o teatro, a música clásica, o jazz, o folk, o rock... "Unha liña rolda a posibilidade/ na medida en que non minte / e hai un encanto discreto no que xorde / ausente sen intención camiña". Lou Reed é naquel entón un amante da poesía de Delmore Schwartz, Ginsberg e Hubert Selby. Vén de licenciarse en Literatura Contemporánea na Universidade de Siracusa, pero tamén fora expulsado da radio escolar e reprendido pola venta de drogas —en realidade, unha estafa a base de bolsiñas de azucre—. "Non chora agora o Johnny/  obstinado na mensaxe de ourive/ nubes coa copa en alto cubren o lago".

Coa mudanza da súa familia de Brooklyn a Freeport —outro suburbio neoiorquino—, chegou a rebelión do Reed adolescente. A ambivalencia no seu comportamento xestárase xa de cativo, froito dunha personalidade excéntrica e propensa ao exceso. E debateuse sempre entre a ambición por medrar e acadar o éxito, e a de frustrar adrede as aspiracións de seu pai. Se durante o día destacaba nos deportes, polas noites incidía en todo tipo de excesos e provocacións. "Vedados corpos viñan diante / impregnados de ácido orballo / anunciaban o camiño elixido / no cruzamento da pausa do soño".

Namentres os compañeiros devoraban a Playboy, el interesábase polos escritos do Marqués de Sade. Cultivou unha querencia moi prematura pola poesía e por unha figura clave na súa teima por escribir: a do poeta Delmore Schwartz, unha sorte de lenda caída en desgraza, quen fora o seu mentor na universidade. A teima deste era que Reed non perdese o tempo co rock e se centrase na súa faceta como escritor. Pero o seu amor polo doo-wop, o rock e o rythm and blues fixo que montase unha banda con compañeiros universitarios —xa o fixera no instituto—, aproveitando tamén para cultivar a súa faceta de vendedor de drogas polas residencias universitarias, onde actuaba con certa frecuencia. Así e todo completou os seus estudios con méritos, pero a súa fascinación polos baixos fondos e polos personaxes que os habitaban, fixo que non tardase moito en trasladarse a Manhattan e voar só, onde entrou en contacto, entre outros, con John Cale, un novo músico de vangarda. "Noites de epifanía e descontrol/ invaden a cabeza turbia do Johnny/ negando a imposibilidade manifesta/ garantida no desexo sen rostro/ urdida ao ritmo da xuventude/ navegantes atracan nos baños/ habitados de febre e sexo/ ansían baterse co lume do mundo".

Varias substancias —herba, ácido, pílulas e unhas bolsiñas de heroína— ocultan a tapa dun libro que un deles anda a ler. Titúlase 'The velvet underground '

Nun pequeno apartamento no número 56 da rúa Ludlow no Lower East Side (Manhattan), dous rapaces danlle voltas ao retrouso dunha canción cunhas guitarras. Varias substancias —herba, ácido, pílulas e unhas bolsiñas de heroína— ocultan a tapa dun libro que un deles anda a ler. Titúlase The velvet underground (Michael Leigh, 1963) e, aínda que literariamente non é gran cousa, chamou a atención dun deles: o mundo subterráneo do fetichismo, o sexo grupal, sadismo e masoquismo cunha pátina de crítica social. Tamén algo de aparencia histórica, profundando na depravación de gregos e romanos. "Elexíacos corpos ofrecidos sen pausa/ sacudidos pola aventura urxente/ podrecerán luminosos na mañá descoñecida/ rabiosos de confesión eterna/ sacudida polos galóns saturados de luz".

Nese ano, o rapaz que agora pecha os ollos sobre o sofá, encontra os versos dun posíbel retrouso: "Heroína, has ser a miña morte/ heroína, é a miña muller e é a miña vida/ porque unha liña directa para a miña vea/ lévame ao centro da miña cabeza/ e entón estou mellor que morto…" Unidos no gusto pola música e a literatura, a afección por todo tipo de drogas foi outro dos vínculos da parella de rapaces: marihuana, ácidos, benzedrina ou heroína. Da súa obsesión por esta última naceu un dos seus clásicos, ‘Heroin’, unha oda ao opiáceo e a viaxe. Tocaban polas rúas do Harlem e pouco despois fundaron a Velvet Underground, proxecto que encontrou en Andy Warhol un dos seus valedores fundamentais. 

O director Todd Haynes explora con talento a traxectoria fugaz de The Velvet Underground nun documental de nome homónimo aparecido neste mesmo ano. O autor de I’m not there, unha das poucas películas que se poden salientar sobre Bob Dylan, constrúe un artefacto fílmico de enorme poder suxestivo, onde destaca en especial a división da pantalla en dúas metades. Unha sorte de homenaxe ao Chelsea Girls, traballo de Warhol e Paul Morrisey (1966).

"A barafunda anuncia o xiro da roda / unha pátina de xorda penumbra vén / deitados os cadáveres do soño / incitada a multitude coas torres de fume e bandeira". Pola cinta, nunha viaxe de dúas horas de duración, transitan as testemuñas directas da marabillosa e efémera viaxe da Velvet, onde destaca a presenza de John Cale, o outro líder do grupo e guitarrista da banda nos dous primeiros discos ou La Monte Young —músico experimental e gurú do que se deu en chamar drone music: notas sostidas por moitísimos compases onde se disolve o sentido temporal—. Aparece tamén o cineasta Jonas Mekas, quen non chegou a ver a montaxe final do documental.

O documental aborda a xénese da banda e o seu ascenso, que se dispara tamén coa incorporación de Nico, onde fusionaron o rock de vangarda coa arte pop e as postas en escena

A primeira metade do filme está centrada na xénese do grupo, a través do relato de xuventude de Reed e Cale. Despois irán aparecendo os restantes membros da banda, como o guitarrista Sterling Morrison e a batería Maureen Tucker. Pero até aí coñeceremos, a través dun suxestivo material de arquivo —incluídas suculentas gravacións inéditas de Factory, o epicentro do universo warholiano—, os anos formativos da parella: John Cale tocando Satie na televisión ou a fugaz actividade de The Primitives, grupo previo deles dous. "Belezas esquecidas portan a mensaxe/ enviadas dende o palacio remoto/ evitando a profanación da letra/ en suorosas xestas de delicado almibre".

O documental aborda a xénese da banda e o seu ascenso, que se dispara tamén coa incorporación de Nico, onde fusionaron o rock de vangarda coa arte pop e as postas en escena, combinando a proxección das películas de Warhol de fondo, os bailes —con látego incluído— do poeta Gerard Malanga ou a escenificación de chutes de heroína. Os concertos nas veladas de Factory —o taller e lugar de reunión do artista plástico e da súa troupe— ou no Max’s Kansas City —outro garito de referencia— valéronlle á banda para facerse un nome na escena neoiorquina, dominada polo ambiente gay e transexual. O cumio creativo ten lugar no primeiro disco (The Velvet Underground & Nico, 1967) e no segundo (White light/ White heat, 1968) no contexto de moito tempo de xiras en lugares absurdos pola costa Oeste —maiormente círculos da jet set frecuentados por Warhol—. Á volta a New York, unha sorpresa: o axente de Bob Dylan mercara o garito no que tocaban habitualmente e cambioulle o nome. A ruptura con Warhol e Cale marca un antes e un despois na traxectoria da Velvet, paso previo á súa disolución e o comezo da carreira en solitario de Lou Reed. Xa só eran unha banda máis de rock and roll.

Comentarios