Blog | A lume maino

Cinco anos do gris ó violeta

Conserveiras traballando. ARQUIVO DO GRIS AO VIOLETA
photo_camera Conserveiras traballando. ARQUIVO DO GRIS AO VIOLETA

A PALETA de cores da memoria en Pontevedra tinguiuse de lila hai xa cinco anos. Naceu entón unha iniciativa que pretendía poñer luz sobre moitos nomes de muller que permaneceran na escuridade duns anos terribles. ‘Do gris ao violeta’ conseguiu que as historias silenciadas de mestras e científi - cas, das mulleres represaliadas e esquecidas, das nosas creadoras, das que foron pioneiras... empezasen a soar ata ocuparen o primeiro plano.

"A idea é crear unha enciclopedia das mulleres de Pontevedra que recolla toda esa historia e sexa unha porta aberta á que a xente envíe información", dixera na inauguración da exposición do mesmo nome, no 2015, o edil de Patrimonio Histórico, Luís Bará, cando a creación da web que se presenta hoxe con toda a información sobre as pontevedresas silenciadas era aínda un desexo en voz alta.

Bará, xunto ás xornalistas Montse Fajardo e María Abelleira e maila historiadora Carmela Sánchez empezaron a tecer unha rede que foi espallando os seus brazos por todos os recunchos do municipio e creando lazos coas familias das mulleres das que seguían unha pista. Unha sentenza, unha carta desde o exilio, un nome nunha fotografía eran o primeiro fío do que tirar. Logo a eses nomes foron poñendo apelidos e historia. Ás veces documentos gráfi cos. Todo xunto deu lugar a unha mostra que levou ó corazón de Pontevedra os rostros e as vidas de tantas veciñas descoñecidas.

"O máis satisfactorio de todo isto é o recoñecemento das familias", subliña unha das artífices deste proxecto. Todos os nomes son salientables. Todas as historias teñen un enorme valor. A da primeira taxista. As das costureiras que coseron os buracos dunha xeración marcada pola ausencia de liberdade. A das viúvas que sacaron adiante ás súas familias. As das escritoras, músicas e pintoras que levaron o seu arte polo mundo adiante. Ás das que foron rapadas, perseguidas ou asasinadas. "No caso das mulleres represaliadas hai familias nas que case non se falara moito do tema, era algo que agochar. E, de repente, ti lles dis todo o contrario, que a súa familiar tivera unha postura moi valente, e ata hai un recoñecemento oficial do Concello... Ese recoñecemento ten moi valor", explica Montse Fajardo. Logo de cinco anos de encontros, a xornalista subliña entre os marabillosos achados desta andaina, a historia de Elvira Lodeiro, unha das dúas mulleres asasinadas en Pontevedra. O equipo de Do gris ao violeta chegou a ela de casualidade. "Un día entrevistando a Margarita Caballero descubrimos de maneira casual que Elvira Lodeiro tiña unha filla viva, conservaba cousas da súa nai".

Grazas ás entrevistas que realizaron cos descedentes das mulleres silenciadas hoxe coñecemos o drama familiar e persoal que non recollen os papeis. "O momento de poñerlle rostro a Elvira e de recoñecer a familiar pareceume espectacular", lembra Montse Fajardo. Pero tamén outro achado histórico foi o da fotografía de Encarna Silva coa cabeza núa, só cuberta pola vergonza; ou o día que deron con Estrella Portela, logo de meses de pescuda. "Foi moi especial", engade.

"Tanto poder poñer en valor a vida de mulleres destacadas e que estaban no olvido é un punto moi importante e como historiadora da arte indagar na vida dos artistas é un pouco de orgullo", engade Carmela Sánchez.

A parte negativa deste proxecto, explica a historiadora, é que moitas destas mulleres acaban vendo truncada a súa carreira e a parte positiva é dar a coñecer á cidadanía perfi les como o das irmás Pardo Trapote. "Todos coñecemos Villa Pilar en Pontevedra, pero pensamos quen era Pilar?".

Amalia Álvarez, Ernestina Otero... A listaxe non ten fin. Unhas protagonistas van descubrindo a outras, enlazando novos fíos, e entre todas vai tomando forma o relato da nosa propia historia.

Comentarios