martes. 27.10.2020 |
El tiempo
martes. 27.10.2020
El tiempo

Agonía do Centro Dramático Galego

O Centro Dramático Galego nunca acabou de encontrar o seu lugar na sociedade galega. Foi institución fundamental da cultura autonómica, foi xoguete de conselleiros, foi principal empregador da profesión escénica, deulle moito pola comedia e entre todos estes cometidos non acabou de ter contrato fixo. Agora soan as campás dos recurtes como nunha novela de Hemingway. Soan a morte en vida

UN DIRECTOR do Centro Dramático Galego advertiu, pouco despois de tomar posesión por primeira vez do seu cargo, que o proxecto do CDG era asimilable o dun teatro nacional. Non recibiría o apelido nacional por aquelas cousas da política e o partido gobernante, pero a operativa sería: un teatro para un país. O mesmo director, quizais unha década despois, asegura que o CDG non estaba para competir cos grupos de teatro, que non debía ser a primeira liña do teatro galego, que ese protagonismo (e esa responsabilidade) correspondía ás compañías. Parecía discreción, pero era resignación. Semellaba responsabilidade, pero era abandono. O principio do abandono que o CDG está consumando entre este ano e o vindeiro.

Agonía no Centro DramáticoEsa maquinaria de destrución masiva que son orzamentos da Xunta anuncian outra desfeita anual para a cultura do país. Para a cultura institucional que comezou a asomar á sociedade a partir de 1984. Hai unha certa desafección polo centro na actual Xunta: ten moita desgana para o Centro Dramático, para o Centro Coreográfico, o Centro Galego das Artes da Imaxe e, xa apurando a clasificación, para Centro Galego de Arte Contemporánea. Se é centro non ten horizonte.


Houbo un tempo en que o Centro Dramático Galego era o centro da liña de institucións culturais nacidas como resultado de contar cunha administración autonómica. Era máis importante pública que orzamentariamente. Era máis importante simbólica que economicamente. A falta doutra cousa, o simbólico ten unha importancia extraordinaria en Galicia. Nesa historia, o Centro Dramático non acabou de encontrar o seu papel protagonista ou quizais o xusto é que ninguén fixo moito por deixar que dera con el. A historia do CDG ten moitas curvas e poucas calmas. Naceu para ser o teatro dun país, pero na súa primeira resignación quedou en ser o teatro dunha profesión. Encallou entre os nervios dun sector non moi ben levado e o que daquela se consideraba orzamento limitado.

O CDG adquiriu un certo comportamento mecánico e a pesar das supostas concesións ao patio de butacas non gañou estabilidade nen recoñecemento


Entre finais dos 80 e os 90 o CDG viviu disimulando a súa condición: os repartos eran grandes, os decorados caros, as comedias obvias e o principal autor galego era Shakespeare. O Centro quería facerse maior de idade sen ter asegurada a madurez. Adquiriu un certo comportamento mecánico e a pesar das supostas concesións ao patio de butacas non gañou estabilidade nen recoñecemento. A sensación era a contraria. Con todo, o CDG asumía nesa época tres producións propias e algunha coprodución. Na última temporada o Centro rozou unha produción propia

A finais da década do 2000 deuse unha recomposición e quizais un encontro cos principios básicos para un centro que seguía esquivando ser un teatro nacional galego. Houbo remuda xeracional e o horizonte achegouse un pouco. Deuse un éxito case inesperado, Noite de Reis, e algún naufraxio na búsqueda de novos camiños.

Na década na que aínda estamos comezou a reconversión silenciosa do Centro Dramático Galego por ese método tan calmado de ir desamoblando a casa. De non retellar nunca, de deixar as xanelas abertas para que entre a humidade, e o clima e o tempo xa fan o seu traballo. Ese proceso no que o mesmo demos con superproducións que con nada. Direccións que van e veñen, alegacións permanentes á lexislación vixente que só se esixe para o CDG, que se un director pode ou non escoller o elenco, que se unha compañía pode ou non coproducir co CDG seguindo o seu criterio. Na casa pobre todo son problemas. Que o Centro Dramático sexa noticia cando hai problemas é outra parte do proceso de deforestación da escena galega. Deixalo ir a mal para que o peche pareza unha conclusión inevitable en lugar dunha decisión conscientemente tomada. Alguén que presume de bo xestor e que non lle ve beneficios a unha entidade cultural debería pechala e afrontar o asunto en lugar de andar con tantos rodeos.

O Centro Dramático Galego é, outra vez, expoñente da situación da cultura galega. Da cultura autonómica galega que está alimentada por sonda e á que cada ano lle retiran un tubo. O CDG está sen dirección porque mesmo nas convocatorias o nome oficial é "posto de coordinación do departamento de produción teatral da Agadic".  É unha negación do ser, unha evidencia de como se ataca o símbolo antes de prodecer ao derribo.

Pero aínda hai outro asunto alén dun orzamento famélico e da desgana escénica da Xunta de Galicia. Un asunto de planificación. Agadic é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Non parece que teña sentido, sentido organizativo, sentido de Estado, que un órgano destinado a promover a cara industrial ou comercial dunha cultura sexa o lugar axeitado para que se integren as unidades de produción como o CDG, o Coreográfico e moito menos o CGAI. Porque o CDG debería estar integrado na Xunta como un institución cultural e non na axencia destinada a vender cultura. Colocar aos enfermos na planta equivocada do hospital é unha das formas discretas de matalos.

Agonía do Centro Dramático Galego
Comentarios