Blog |

Curva Teo

Hai un punto en toda historia na que o ceo carga tormenta e non estou escribindo do Joker e como unha revolución pode comezar porque si, porque lle peta, porque alguén non conseguiu un tratamento axeitado. Escribo de Chévere que mentres estreaba Curva España deu coa Curva Teo

CHÉVERE encontrou este verao unha nova curva nas súas relacións coa vida político-administrativa e descubriu que ía quedar sen casa nun desafiuzamento sen policía uniformada que terá como efecto práctico buscar outro acomodo nun concello distinto de Teo. Con eles marchará a diversión e tamén os programas que a compañía desenvolvía coa xente do concello. Tampouco é a primeira vez que lles sucede. O tempo pasa e as maneiras de persecución permanecen.

Hai veces que as curvas toman forma de asunto legal. Chévere tiña un convenio co Concello de Teo segundo o cal a compañía podía utilizar un espazo cultural, un auditorio, como propio. Como lugar de traballo habitual, como lugar de representación, para estrear as súas montaxes, para organizar as ultranoites e para desenvolver unha parte do seu traballo coa comunidade. O uso do espazo non era en exclusiva, compartían o espazo con outras actividades municipais.

O auditorio, cando o despelotas, ten un aire de ximnasio de instituto do medio oeste. Do medio oeste galego, é dicir: sen partidos de baloncesto con adolescentes pedindo letras do abecedario. Lembra esa forma de construír dotacións culturais que ben polo arquitecto, ben polas directrices das autoridades de cada lugar non podían ser só culturais. Tiña que servir para todo nun tetris imposible de cometidos e acaban non valendo para case nada, requirindo de exercicios de habilidades diarios para o encaixe. E tamén requiren de escenarios, luces, panos, butacas, gradas. As condicións dos teatros non se teñen en conta nas casas de cultura de Galicia. Os aparellos para facer teatro nese auditorio era da compañía, non do concello.

Chévere traballou nese espazo cun convenio que tamén permitía que a compañía levase as súas funcións aos locais das parroquias e a que desenvolvese nesas mesmas parroquias un traballo menos visible coa cidadanía, un traballo que ten que ver con practicar a participación e de demostrar canto de útiles son as ferramentas do teatro para os espectadores e tamén para aqueles que teñen curiosidade por selo.

Pero os convenios finalizan. O último convenio que firmou Chévere con Teo tiña un valor de 35.000 euros anuais máis ive, cun mínimo marcado de funcións e actividades a realizar pola compañía. A liña recta de Chévere estaba funcionando e non sei cantos concellos do tamaño de Teo e o dobre ou o triple de grandes en toda a Península teñen como residente a unha compañía cun premio nacional de teatro, nin cantas vilas e cidades poden ter a programación que o grupo desenvolveu en Teo desde 2012. Houbo eleccións municipais e neste punto é onde comeza o bonito deporte cultural chamado depender do resultado das eleccións.

A concelleira de Cultura probablemente ten unha opinión política sobre Chévere, pero tamén debería ter unha opinión cultural sobre o teatro

Houbo eleccións e o convenio había que renovalo —ou non— xusto tras os comicios. As eleccións do pasado maio deron cun cambio no accionariado municipal e a decisión do novo goberno é non convocar o convenio. Non convocar o convenio supón o desaloxo directo de Chévere e isto non pode ser considerado unha liña recta. Supón máis cousas. Se o convenio resultaba caro poderían ter convocado outro cunhas cláusulas económicas diferentes e as compañías verían se era posible ou non ofrecer ese servizo. O que se decide é non convocar o convenio que, ademais de desaloxar á compañía, supón privar aos espectadores da posibilidade de ir ao teatro. Do que se trata, unha vez máis, é de eliminar o servizo, de empobrecer a oferta cultural. A concelleira de Cultura probablemente ten unha opinión política sobre Chévere, pero tamén debería ter unha opinión cultural sobre o teatro. Non convocar o convenio supón a arrogancia de prescindir da compañía e do teatro ao mesmo tempo e seguir sendo responsable de Cultura.

Non é a primeira vez que Chévere traza unha curva cun xiro similar. A compañía mantivo durante moitos anos unha base de operacións na Nasa (Nave de Servizos Artísticos) en Santiago. E recibía axudas municipais e autonómicas para manter a sala aberta e para que esa sala fose durante toda a súa existencia un punto imprescindible da vida cultural de Galicia. No escénico, no musical, no literario e tamén no festivo. Pero houbo unhas eleccións locais, o goberno municipal colleu unha curva á dereita e apareceu un inefable alcalde vestido con traxe rexional e cun futuro pendente de moitos tribunais. Gerardo Conde Roa iniciou con Chévere o seu particular despropósito gubernamental e foi deixando acusacións contra a compañía que tiñan máis que ver coas súas fantasías que coa realidade da sala. Chévere marchou a Teo e a curva parece volverse círculo.

É entendible que xente que se dedica á política pense que deben xulgar o traballo público polo mesmo que eles consideran tan limitadamente político. De feito, alcaldes e concelleiros deben ser xulgados politicamente e, se é preciso, nos tribunais. Pero para o resto das cousas a análise ten que incluír algún método relacionado coa actividade. Antes de rescindir un convenio sanitario haberá que valorar con médicos e pacientes. Antes de eliminar un convenio teatral haberá que falar cos espectadores. Polo menos. Pero neste punto entra a curva definitiva porque no caso de Conde Roa e no caso da concelleira de Teo hai un punto en común alén da aversión por Chévere. Na súa biografía non figura asistir a ningunha das salas e dos espectáculos que de maneira tan decidida lle retiraron aos espectadores.

Comentarios