Domingo. 24.06.2018 |
El tiempo
Domingo. 24.06.2018
El tiempo

Lurpias e noivas

Andan as clásicas soltas por Lugo. Andan soltas as obras sen precisar dos engolamentos que se lle supoñen e abandonando esa retórica bonita que en algún tempo foi considerada como identidade inescusable dos clásicos. Helena e Dulcinea andan xuntas sen revoltarse. As dúas coa súa condición de mulleres que foron escritas por homes

ALGO que ten que ver co egoísmo, e tamén coa supervivencia da especie, esta limitación de que en todo vexamos o que nos sucede. De que non sexamos capaces de ver outra cousa. Miramos para esa obra clásica e vémonos porque iso é o que podemos ver. Porque a historia é unha ciencia inexacta escrita coa tipografía de quen toma as decisións, non de quen as padece.

Poñémonos a mirar eses personaxes con catrocentos ou dous mil anos e encontramos os mesmos acenos que se vivisen porta con porta con nós. En certo sentido é terrible. Pasaron dous mil anos e non cambiamos nada. Cantas vidas tiradas.

Pásalle a esa Helena escrita por Miguel del Arco e interpretada por María Barcala. A súa preocupación é para o futuro. Ou sexa para o noso presente, para nós. Ela fala e non deixa que esteamos cómodos no papel que nos tocou. Ela fala e vaille pasando as facturas aos que estaban, ao que están e aos que estarán. Pero esa Helena encarnada está moito máis preocupada polo presente dos espectadores que pola súa historia. O que para ela é vinganza para nós é advertencia. Quizais sexa todo a mesma cousa. A advertencia é unha vinganza que se anuncia ou a vinganza é unha advertencia en diferido.

Esa Helena transita entre o drama e o sarcasmo. Fai realismo negro, que a estas alturas debe ser o único realismo realista que queda. Helena pide vinganza e unha parte é contra si mesma. Dulcinea, non. Dulcinea —interpretada por Mercedes Castro— renega do protagonismo consorte que a posteridade lle ofreceu. Renega porque non acaba de entender que o plano doméstico e o público son diferentes e, como Santo Tomé, podes ser dous e estar nos dous por completo. Ela non quere entender a España quixotesca e tampouco ten Tuiter. Dúas formas de conservar o sentido común. Leva unha carga pesada e móvese con ela sen dramatismos.

Deberiamos reparar nesa distancia que separa a Helena de Dulcinea. Porque revelan algunhas condicións femininas: escritas por homes, cando toca a revisión, volven ser rescritas por homes. Son dúas mulleres ás que lle puxeron fama, pero a primeira promete continuar o sangue con sangue, a traxedia con traxedia. Aldonza Lorenzo —privada tamén do nome— prefire manter a simpleza esencial e non entrar ao xogo. Unha é dramática e outra é práctica. Para a primeira todo ten valor de guerra, para a segunda todo ten valor de vida cotián. Esta é unha distancia contemporánea.

A contemporaneidade está chea de ruído e por iso non acabamos de escoitar as mensaxes que nos chegan. A contemporaneidade é un asunto de ecos que teñen a orixe perdida. Pero nós, como facemos cos clásicos, insistimos en identificar o eco como se fose orixinal.

Lurpias e noivas
Comentarios