Blog |

O primeiro fan de The Beatles

A historia de The Beatles estase reescribindo desde Anthology (2003) ou por ese tempo. Non é que antes estivera mal escrita, é que todo estaba demasiado próximo. Un dos grandes animadores desta reescrita, da reorganización da memoria arredor da banda, é Paul McCartney que agora encontra no produtor Rick Rubin un admirador entregado a quen ir explicando en McCartney 3,2,1 as grandezas e as proezas do cuarteto máis famoso de todos os tempos.

PAUL MCCARTNEY pensa que a biografía do mellor grupo de música da historia ten que estar a altura dos seus logros. Por iso, en cada ocasión que fala desa década da súa vida distingue coidadosamente as palabras maiores dos comentarios menores e persiste en reivindicar os avances e o legado. McCartney, como fixera no grupo, limpia, fixa e dá esplendor a unha historia que parece estar sempre en presente. Como fixera naquela limpeza necesaria da edición de Let it be naked facendo desaparecer as pesadas pegadas de Phil Spector, a testemuña de McCartney vai harmonizando os contrastes, ofrecendo unha explicación para cada cousa e, sen deixarse levar pola nostalxia, lembrar que aquel foi un tempo moi bo para a música.

Nesta ocasión, o entregado entrevistador é Rick Rubin. Produtor de longuísima traxectoria que ten entre as súas músicas discos de Johnny Cash, que fixo manobras de aproximación entre o hard rock e o rap. Traballou con AC/DC, Red Hot Chili Peppers, con Mick Jagger, Metallica e Shakira. Próximo a The Beatles non parece. Mesmo podería ser o seu perfecto detractor. Pero é outro convencido.

En McCartney 3,2,1 (Disney+) Rick Rubin é un entregado admirador do grupo e de quen foi o seu baixista. Pola deformación profesional de Rubin, en cada un dos seis capítulos de trinta minutos desta serie, hai unha pregunta sobre como chegou McCartney a tocar o baixo dun xeito "tan avanzado". O momento culminante desta reivindicación do baixista é cando o produtor le un texto sen revelar ao autor: "Nos últimos anos case todos os baixos que se escoitan copian o traballo de McCartney en The Beatles, el sempre estivo un pouco inseguro da súa calidade como baixista, pero é dos mellores".  McCartney pon a mesma cara de distancia de cando o afagan, así que é Rubin quen pregunta: "Sabes quen o dixo? John Lennon".

Paul McCartney parece desconfiar de que a xente lle recoñeza os méritos que tivo en The Beatles ou que lle atribúan un papel secundario, que sigan pensando que era o segundo cerebro (ou corazón, se queren ser sentimentais) da banda. Entre discos e entrevistas reivindica que máis alá da súa cara amable e a súa desgana de problemas, é un músico con inventiva, con amplas habilidades instrumentais, e coa virtude de encontrar o xeito de acompañar grandes melodías.

Para que que quede claro ata onde todo lles influía, que Michelle tiña unha orixe remota no Milord de Edith Piaf

Ao longo dos 180 minutos de entrevista Rubin pregunta os procedementos de The Beatles como músicos. E ten que ser entre cansado e molesto levar 64 anos na música e que só che pregunten polos doce primeiros. Unha das maldicións de ser beatle. McCartney practica dous tipos de resposta: a primeira poñer distancia con calquera tipo de actitude superestrela. Só acepta a palabra ‘maxia’ para a explicación de como Yesterday se presentou mentres durmía. Para o resto unha combinación aparentemente sinxela: unha melodía que forzosamente tiñan que recordar porque nin el nin Lennon sabían escribir música e só podían compoñer o que fose recordable e, no estudo, atreverse con elementos musicais que de inicio fosen contrarios ao esperable, combinando músicas que ían de Bach a Fela Kuti. McCartney lembra, para que que quede claro ata onde todo lles influía, que Michelle tiña unha orixe remota no Milord de Edith Piaf. E logo probar con todo o probable: unha trompeta piccolo que unha noite ve nun concerto na televisión e acaba marcando o carácter en Penny Lane; un mellotron arrombado nos estudos que inicia Strawberry fields forever un Moog recén estreado que se escoita en varias cancións de Abbey Road. E forzar a máquina da produción da discográfica, eles que polo seu éxito podían facelo.

A segunda fórmula de resposta de McCartney volve conectalo cos inicios: a reivindicación das orixes, a explicación clase obreira. "Tiñamos unha ética do traballo... gravábamos un disco por ano e catro discos pequenos máis". Insiste nesa actitude: "Phil Spector dicía que tirábamos os cartos poñendo boas cancións nas caras b dos discos pequenos, pero nós eramos compradores de discos e nos sentíamos estafados cando a cara b era un recheo".

Reparte eloxios entre os seus compañeiros advertindo das súas cualidades e deixa un lugar particular para Lennon porque sabe que a historia dun non se vai escribir sen a do outro. "En The Beatles eu escribía cancións con John, pero cando penso agora doume de conta de que escribía cancións con John Lennon".

Pero quizais o momento que define como o autor de Blackbird —unha canción que nunca foi editada como disco pequeno, así de competitiva é a discografía da banda— entende a historia da que foi protagonista é contra o final da serie: "Eu antes era un beatle, agora son un fan de The Beatles".

Comentarios