jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Resurrección cultural á francesa

O Ministerio de Cultura está de volta. Pero o ministro non convence. A idea afrancesada de que a cultura sexa ministrable decepcionou ao mundo cultural polo desentendemento entre o que parece cultura e o que debe ser

UN DOS dos defectos dos galegos é que nos gusta demasiado Madrid. Devecemos polo que pasa aló, polo que din os seus taxistas. Devecemos por ir ata alá aínda que se coma peor. Aínda que se respire peor. Non somos capaces de facer lobby, pero nos gusta moito que Madrid mire para nós e nos acepte. Pode que sexa unha cuestión de perspectiva: de colonia ou champú, pero en Galicia chama moito máis a atención que reapareza o Ministerio de Cultura que cando a Consellería de Cultura desapareceu. No sentido psicolóxico o mesmo pode ser o positivismo dunha sociedade máis afeita a resistir que a contar plusvalías.

Esta semana pasada a política española fixo o seu triple salto e, entre outras transformacións, decidiu recuperar o Ministerio de Cultura. Pedro Sánchez decidiu ter a alguén que mire pola cultura do seu país, a alguén que lle vaia ás galas do Goya e que tente prognosticar cal sera o futuro do libro en papel. Alguén que poida falar con propiedade da arte contemporánea ou que, outra dúbida, se arrisque a pensar cales son aquelas cousas que definen unha cultura cando se apartan do imaxinario os touros, os escritores de himnos e a cabra da Legión.

Os ministerios de Cultura chegaron ás nosas vidas como un afrancesamento de tantos. Como a revolución cidadá, como Maio do 68, como a nova narrativa. Chegou a idea de facelo sen ter a idea do que é. España tivo Ministerio de Cultura, pero tampouco sabía moito que facer con el. Como ter un moble de Ikea sen o folleto de instruccións. Mentres o francés desparecía do ensino medio, apareceuse o ministerio como un sinal de modernidade con vinte anos de retraso. Pasados outros trinta estamos de volta a esa pregunta: pero cal é a finalidade do Ministerio de Cultura.

Pedro Sánchez decidiu recuperar o Ministerio de Cultura, pero o ministro escollido para esta reaparición non convence. Màxim Huerta non gusta segundo ese veredicto urxente e intranquilizador do Tuiter e seguro que hai motivos para os lamentos. Pero non tanto sobre se o recén nomeado ministro era tertuliano de programas de Tele 5 e a súa poderosa influencia vulgarizadora. Ou se facía para Televisión Española un programa de viaxes francamente rancio e pouco imaxinativo. As reaccións negativas a este nomeamento proveñen dese vello debate sobre que é cultura, cal é a súa dimensión e por que sempre hai unha liña non explicada entre o que é cultura e o que parece cultura. Pode pasar que tal como aceptamos que un médico sexa ministro de Sanidad, o mundo cultural espere que o seu ministro sexa alguén da cultura. E as dúbidas din que, pese a ter escrito libros, pese a firmar libros na mesma caseta que Manuel Rivas, Huerta non é de todo unha figura cultural.

O debate ten un fondo de prexuízos e de desgana. Ten ese mesmo fondo a preguntarnos se a literatura de aeroporto é literatura. É como preguntarse se La catedral del mar é arte ou se Fariña é un libro de periodismo. Como se nos preguntamos culturalmente se o reggaetón é música. Hai unha liña entre o que o cultura e o que non: a percepción é que a biografía de Màxim Huerta cae do lado do non.

A intelectualidade española non é como a francesa. Non fuma en pipa

Con ou sen ministro, a pregunta non se quita. Sánchez devólvelle aos españois un ministerio e os espectadores de Telecinco pensarán: por fin unha cara coñecida nese rollo de Cultura. A intelectualidade española non é como a francesa. Non fuma en pipa. A intelectualidade, como fumar en pipa, é algo en proceso de extinción e quizais por iso Sánchez (Pedro) decidiu adiantarse algo ao porvir —que palabra— e escolleu para Cultura alguén que non o é. É posible que a decisión fose meditada e ata teña sentido. Telecinco leva configurado o presente cultural español case tanto como o PP. Non digo que para ben. Pero hai moi poucas cousas que sexan para ben. A liña vermella neste caso nin sequera é delegada. E hai moitos anos que a traspasamos.

Aproveitando que xa hai en España Ministerio de Cultura e que os galegos somos seguidistas, deberíamos resucitar o debate sobre o que é cultura e o que é ocio. Que non son posibilidades contrarias nin enemigas. Que hai unha diferenza e hai que reclamala. En termos culturais españois: non é o mesmo Marta Sánchez que Santiago Auserón. Non podemos dicir que Almodóvar vaia no mesmo lugar que Santiago Segura. Non é nada seguro que as novelas do novo ministro, Màxim Huerta, teñan que ir na mesmo mangada que as de Vila Matas. Por citar casos obvios e, polo tanto, non demasiado matizados. A diferenza existe e aínda que a calidade literaria non garantiza a eficacia ministerial, a expectativa para un ministro de Cultura é que entenda a cultura como algo máis aló das horas de ocio, distinga no presente que obras pasarán á memoria e cales marcharán ao olvido. É certo: non se trata só de que entenda, trátase de que actue en consecuencia.
O novo ministro é máis famoso que cultural. Pero non debemos deixarnos levar polas apariencias. Nin polo seu tuiter. O novo ministerio, sen embargo, asume xa unha contradicción que non sei se hai xeito de resolver: aos culturetas en xeral non lles presta o deporte, aos deportistas en xeral non lles presta a cultura. Poñer todo no mesmo edificio: bibliotecas e pavillóns ou é a audacia de fracasar con estilo ou a demostración de que aínda non se entendeu ben que cousa é cousa.

Mentres Màxim Huerta toma posesión e deixa o tuiter, mentres a prensa concede 100 días de nada ao novo ministro, os galegos deberíamos mirar a occidente, a nós mesmos, e comezar a pensar outra volta en que pasou coa nosa cultura. En saber a onde foi ou se algún día estivo.

Resurrección cultural á francesa
Comentarios