Blog | El reverso de la semana / A semana do revés

Deberes temos todos

UNS LENTES. Iso é o que me deixaron a min os deberes escolares. Era segundo de primaria e don Manuel -así se nomeaban entón os mestres- introducíanos no mundo da división. Cando conto a anécdota sempre hai quen me discute -sobre todo os rapaces e os pais de hoxe- que dividíramos con sete anos, que iso tivo que ser noutro curso, pero teño gravado a solemnidade coa que don Manuel nos anunciou que iamos empezar con «operacións». Con elas empezaron os meus problemas coas matemáticas, que xa non me abandonarían, e fíxose necesaria axuda. Creo que foi a primeira vez que meus pais me botaron unha man cos deberes. O problema é que tampouco a eles lles saían as contas porque os números que levaba para a casa non eran exactamente os que don Manuel escribía na pizarra. Entre todos concluíron que debía ver mal e aí empezou a miña historia cos lentes.

Rememoreina a propósito da que se montou cos deberes. Que se son excesivos, que se fomentan a desigualdade, que se son necesarios para adquirir hábito de traballo, que se responden a que os temarios son tan amplos que non dá tempo a velos na clase… Non todos temos fillos, pero todos fomos á escola e todo o mundo ten algo que dicir, para desgusto de moitos mestres, que perciben unha inxerencia no seu traballo. Ninguén lle cuestiona ao médico, ou non de xeito tan frecuente e con tanta facilidade, se as análises que pide son as axeitadas, din. E non lles falta razón.

É posible que esteamos ante as xeracións de pais máis formados e implicados na vida escolar dos seus fillos. É así, entre outras cousas, porque é o que se fomentou. E non debería de ser malo, senón todo o contrario. O problema é que, nunha preocupación polos fillos mal entendida, ás veces a implicación dos pais convértese en intromisión.

Dicía esta semana a presidenta da federación que agrupa a boa parte das asociacións dos colexios públicos lucenses, que o debate sobre os deberes é a punta do iceberg de moitos outros que deberían haber. Facía referencia á contradición de pedir innovación educativa é, á vez, esixir os mesmos resultados memorísticos de toda a vida, así como á gran carga de contidos que conleva a Lomce. Un exemplo: este curso aumentou o temario de matemáticas de segundo de bacharelato, a pesar de que as horas son as mesmas. Poderían engadirse moitos máis asuntos de debate, como a carencia de recursos para dar apoio a nenos con dificultades de aprendizaxe, a existencia dun corpo docente en parte desactualizado porque non hai avaliación ou o cuestionable desembolso de 200 euros en material para que un neno de tres anos empece a escola. Está tamén o debate das actividades extraescolares; do tempo, do agotamento e do gasto que supoñen por esa obsesión de que os rapaces saiban de todo dende ben pronto ou, o que é peor, pola necesidade de mantelos ocupados mentres os pais non chegan ás casas. Que despois de case un ano sen Goberno, o presidente informe dos novos ministros ás sete da tarde é algo máis que anecdótico. Normaliza, por se xa non o estivera, a loucura dos horarios deste país.

Todo isto non quita que non sexa necesaria unha reflexión sobre as tarefas escolares e incluso que se pacten normas. E que se fagan cumprir, porque en Galicia a lei non permite poñer deberes ata o segundo ciclo de primaria e hai nenos do primeiro que todos os días levan tarefas de varias materias e que non sempre poden facer sós. Dous exemplos de dous colexios de Lugo: nenos de dez anos que fan cinco horas diarias de deberes e cativos de seis aos que se lles pide investigar sobre o corpo humano.

Suponse que os deberes son para que os nenos reforcen contidos, adquiran hábitos de traballo e aprendan a organizarse e a responsabilizarse. E para que os fagan sós. Se non é así, están demais. Casos coma os anteriores fan que pais que sempre viron virtudes neles acaben cuestionándoos.

O debate dá para moito, porque tan contraproducente é que os nenos precisen axuda continua dos pais, como que estes leven as axendas e o peso do traballo dos rapaces por iniciativa propia. Ou que as familias protesten porque os deberes impiden facer un plan de ocio a fin de semana. E de todos os casos hai. Ninguén o sabe mellor que os docentes. «Os profesores teriamos menos traballo e menos preocupacións se non puxeramos deberes, pero hai materias que precisan certa práctica e, en certas idades, non confío moito na disciplina propia. Claro que hai nenos saturados, pero por moitas máis cousas que os deberes», sinala unha profesora. Por certo, eu fixen deberes toda a vida, ás veces moitas horas, e non quedei traumatizada. Tampouco teño claro que fora o máis acertado.

Comentarios