Blog | O voo da curuxa

A educación (onte e hoxe)

DICÍA XA Kant no século XVIII que os nenos debían ser educados non para o presente, senón para unha condición futura, posiblemente mellorada, de modo que se adapte á idea da humanidade e ao destino do home. O aserto kantiano gardaba unha sólida vinculación coa idea ilustrada do home como ser progresivo capaz de alcanzar a súa máxima condición humana a través da educación. Realmente o século XVIII (século da Ilustración) foi cualificado por algúns como o século pedagóxico por excelencia no que xurdiron dúas das figuras máis relevantes da pedagoxía e da educación como Rousseau e Pestalozzi, e nel desenvolverase a educación pública estatal e iniciarase a educación nacional.

Con todo, a educación foi unha cuestión central na reflexión filosófica ao longo da historia da humanidade. Sócrates, Platón e Aristóteles entendíana como unha necesidade, como unha ferramenta fundamental para acadar bos cidadáns felices, críticos, sociables, virtuosos e xustos de modo que o futuro da polis dependía do nivel de formación tanto dos seus gobernantes como dos cidadáns que a conformaban. Durante a Idade Media e a comezos da Idade Moderna a educación, dominada pola chamada Escola Tradicional ou antiga caracterizouse polo maxistrocentrismo, a rixidez (con escasos matices introducidos por Comenio) e o control dun proceso de aprendizaxe despersonalizado, marcado polo autoritarismo, cuxo obxectivo estaba centrado case exclusivamente na formación da intelixencia. Será, como dixen, a partir do século da Ilustración cando xurda unha Escola Nova que se estenderá nos séculos posteriores a través de Dewey, Montessori, Decroly, Freinet, Piaget ou Giner de los Ríos. Tratábase dunha escola paidocéntrica, participativa e dinámica que tiña como obxectivos esenciais que os futuros cidadáns alcanzasen unha formación integral educándoos para a vida e a liberdade potenciando sensatamente a creatividade, a reflexión, a capacidade crítica e a autonomía. 

Hoxe, diversas causas de tipo económico, social e político están a determinar o afianzamento da hexemonía neoliberal nun mundo globalizado e, polo tanto, unha nova racionalidade instrumental (do paradigma neoliberal, enténdese) que concibe o mercado como un elemento regulador de decisións políticas e sociais baixo unha lóxica cuxos obxectivos primordiais son o individualismo, a atomización social, a procura da eficiencia, a eficacia e a rendibilidade, ideas acuñadas do eficientismo económico e aplicadas ao campo pedagóxico e educativo. Neste contexto vincúlase a educación co aparello produtivo entendéndoa como produción de capital humano que debe ser rendible economicamente. De aí a insistencia na necesidade de comprender a educación e o seu propio sistema como un camiño cara á empleabilidade. Os grandes ideais clásicos e modernos da educación son demolidos dun xeito insolente en beneficio dunha educación rendible, e son demolidos co consentimento de moitos. Que ninguén se queixe do futuro. 

Por: Elías Pérez Sánchez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios