miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Carrachas e dogmas

AS CARRACHAS son cegas e xordas e, ademais, carecen do sentido de sabor. Oriéntanse no mundo grazas á percepción dos cambios de temperatura e a unha sensibilidade especial para detectar o ácido butírico. Non necesitan máis. Cando algunha presa se achega a elas, advírteno inmediatamente ao percibir o cheiro dos folículos sebáceos, que emite precisamente ácido butírico e que está presente en todos os mamíferos. Prepáranse entón para deixarse caer sobre ela saltando a cegas sobre o animal e despois, se conseguen ancorar nel, axúdanse da percepción da temperatura e o tacto para buscar tecido cutáneo no que afundirse e comezan inmediatamente a zugar sangue quente. En experimentos de laboratorio comprobouse que non distinguen un líquido doutro, é dicir, que carecen de sabor, só lles importa que lles presenten o líquido a 37 graos, xusto a temperatura que ten o sangue dos mamíferos. Tras a enchente de sangue, a carracha desova e morre. Un ciclo vital completo para o que está perfectamente adaptada. Os seus sentidos móstranlle todo o que necesita para orientarse no mundo da forma máis dilixente posible. De poder pensar, a carracha non envexaría en nada os deficientes sentidos humanos, pois non lle permitirían realizar a súa función vital coa efectividade referida.

As carrachas fican adaptadas a sobrevivir en condicións extremas. No laboratorio conseguiuse que unha carracha vivise 18 anos ao carecer de alimento, unha especie de hibernación en espera de atopar un animal portador no que poder completar o seu ciclo.

O filósofo Giorgio Agamben utiliza esta historia para reflexionar sobre a situación do home, extraéndoa, á súa vez, dos traballos de Jakob von Uexküll, zoólogo alemán precursor da etoloxía e da ecoloxía. Uexküll utilízaa, xunto con outras, ás que se aproxima a través dos seus estudos sobre a vida e os costumes dos animais, para elaborar os conceptos de Umwelt, que podería entenderse como a contorna, medio ambiente inmediato, no que se desenvolve a vida dun organismo e de Umgebung, que viría significar realidade en sentido amplo, aquela que nós podemos observar, desde fóra, sobre como transcorre a vida dun ser vivo. 

Con estes conceptos Agamben cuestiona a conceptualización do mundo, a lectura humana do mesmo. Podemos nós lexitimamente falar de realidade en sentido amplo? É posible unha Umgebung? Non será que só nos cabe ler no mundo desde as nosas limitacións e recoñecer que como as carrachas -e resto de organismos- estamos cinxidos pola nosa Umwelt? A psicoloxía matizaría: non estamos confinados pola nosa restrinxida percepción da realidade?

Somos conscientes da torpeza dos nosos sentidos para captar o mundo, imos aprendendo que hai máis realidade da que podemos percibir. Estamos inmersos no proceso de ampliación artificial dos nosos umbrais de sensación, de expansión da realidade a medida que inventamos instrumentos que nos permiten captala con maior precisión. Incorporamos, sen moitas dúbidas, esa nova comprensión da contorna ao noso acervo experiencial e cultural, pero non deixa de ser sorprendente que sigamos convencidos de que o próximo, o subxectivo, a Umwelt ten o mesmo valor  que o universal, o obxectivo,  a Umgebung.

Definimos a verdade como elemento universal cando só é unha expresión parcial que imos levantando desde as nosas experiencias e desde as nosas lecturas subxectivas do mundo. Serán válidas para que cadaquén viva a súa vida, pero son nefastas cando quero impoñer aos demais que o fagan seguindo o meu modelo de conduta.

Xa sabían algo disto no mundo clásico. É significativo que os conceptos dogma e opinión teñan en común a mesma orixe etimolóxica: doxa. No primeiro caso, como termo derivado, e, no segundo, como tradución do vocábulo grego. Esta coincidencia é ilustrativa de como estruturamos o noso pensamento e desvela como dogmatizar (Umgebung), non é outra cousa que querer impoñer as nosas opinións (Umwelt), sen xustificación,  sen sustentalas nunha realidade ampla.

E nestas atopámonos, sen comprender que haxa pensamento alén do que nós pensamos, inzados de opinións, con paupérrimas lecturas do mundo autosatisfactorias, como carrachas á espera dalgunha interesada oportunidade.


Por José Domingo de Prada
Grupo Doxa de Filosofía

Carrachas e dogmas
Comentarios