El tiempo
sábado. 25.06.2022
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

A discriminación das mulleres

AO LONGO da historia as mulleres foron perseguidas, ignoradas ou descualificadas do mesmo xeito que outros grupos sociais dominados. As súas achegas intelectuais non foron do agrado de moitos sectores políticos nin dos circuítos de control do coñecemento ao longo dos séculos. Aínda que Aspasia de Mileto escribía os discursos de Pericles, a historia relegouna a cortesá de luxo; Aglaonice de Tesalia, capaz de predicir eclipses no século V a. de C., foi recordada como unha vidente; Hipatia de Alexandría sufriu dun xeito descarnado a intolerancia relixiosa incitada por Cirilo de Alexandría —hoxe, San Cirilo—. Na mitoloxía, a muller foi acusada dos peores males a través do mito de Eva ou da Caixa de Pandora. 

A idea de que as mulleres pensan dun xeito distinto que os homes serviu tradicionalmente para xustificar a súa opresión: Aristóteles dicía que non dispuñan do grao de raciocinio dos homes, de aí o seu sometemento natural; Kant engadiu que por esa razón carecían de personalidade civil, negándolles voz propia na vida pública. No Emilio, Rousseau resumía os deberes dunha muller: a obediencia e fidelidade ao marido, a tenrura e o coidado aos seus fillos. Tampouco lle recoñecía, xunto con Hegel, a capacidade intelectual suficiente para dedicarse á procura da verdade abstracta e especulativa. 

Porén, John Stuart Mill, filósofo liberal do século XIX cimentou boa parte da súa filosofía en dous alicerces básicos: a felicidade e a liberdade. E felicidade e liberdade foron, tamén, o fundamento da súa defensa en favor da igualdade, a liberdade e o dereito ao voto por parte das mulleres. O seu ensaio, A escravitude feminina, é un exemplo da extraordinaria empatía que Mill sentía polo sexo feminino, tradicionalmente discriminado, maltratado e rendido polo ostracismo e a soidade. Influído por Harriet Taylor tentou sensibilizar a sociedade facéndolle ver que o sometemento da muller impedía a felicidade e o desenvolvemento individual da metade do xénero humano e privaba a sociedade dos beneficios que podía xerar o libre desenvolvemento persoal das mulleres. Felicidade e liberdade, pois, como eixos dos dereitos que a muller debía reivindicar e que ao home lle correspondía facilitar. 

Hoxe, a fustrigación sexual e as discriminacións de todo tipo seguen sendo prácticas cotiás que, ademais, non se limitan a unha cultura determinada, relixión ou país, nin se circunscriben a grupos específicos de mulleres dunha sociedade determinada. Hoxe en día, as resistencias do home seguen forxando subordinacións e desigualdades entre xéneros que nos remontan a épocas pretéritas nas que a muller dificilmente podía acadar non só a felicidade da que falaba Mill, senón os canons mínimos de liberdade desexables na condición humana. Convén maiores doses de compromiso social, de respecto polas lexislacións dos organismos supranacionales sobre os dereitos da muller, a promoción dunha educación potenciadora da igualdade sustantiva entre xéneros e rebaixar o fundamentalismo relixioso e cultural que reforza a subordinación da muller. E requírese maior vontade política e unha suficente asignación de recursos fronte a meras operacións de cosmética que maquillan sibilinamente outras intencións dubidosas.

Por Elías Pérez Sánchez
Grupo Doxa de Filosofía

A discriminación das mulleres
Comentarios